A contratación de bombeiros en Galicia chega a Infojobs "coma se fose unha tómbola"

A popular plataforma de emprego publica dous anuncios anónimos con 20 vacantes de bombeiro para as provincias de Lugo e A Coruña, sen requirir experiencia algunha e para a modalidade "outros contratos". Duras críticas da Plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia, que demanda unha regulación da profesión e carga contra as empresas privadas.

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 25/01/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

"Bombero, personal de intervención en emergencias". Este é o anuncio que apareceu esta semana en Infojobs, a popular plataforma privada de oferta e demanda de emprego en liña. Unha oferta de emprego para as provincias de Lugo e A Coruña que indignou os Bombeiros Públicos de Galicia, que denuncian este caso como unha mostra máis da "corrupción legalizada da iniciativa privada" nos servizos de Emerxencias en Galicia, azoutados por unha galopante privatización.

Bombeiros da Coruña cunha faixa reivindicativa
Bombeiros da Coruña cunha faixa reivindicativa | Fonte: Podemos A Coruña

Para a Plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia estas ofertas de traballo veñen demostrar que Galicia se converteu nun "lugar onde o acceso ás prazas de bombeiro se realiza como se isto fose unha tómbola", froito da falta de regulación da profesión.

QUEN ESTÁ DETRÁS DESTAS OFERTAS?

Un dos problemas máis graves da plataforma Infojobs e que permite a ofertantes de traballo manterse no anonimato, o cal favorece prácticas pouco éticas e fraudes. Este é o caso deste anuncio, no que non hai persoa física ou xurídica que se identifique como a ofertante.

Neste caso concreto, Infojobs permite a quen está detrás destas ofertas anunciarse como "Empresa Sector Emergencias" para manter en segredo a súa identidade.

Oferta de traballo publicada en Infojobs para bombeiros na provincia da Coruña.
Oferta de traballo publicada en Infojobs para bombeiros na provincia da Coruña.

Con todo, malia esta opacidade, en tan só un día xa se inscribiran 420 persoas para 20 vacantes anunciadas na provincia de Lugo, e outras 133 en dous días para as 20 vacantes ofertadas co mesmo anuncio para a provincia da Coruña (datos até as 22 horas deste xoves, 25 de xaneiro).

Este secretismo e opacidade coa que traballan algunhas empresas en Infojobs impide comprobar, por exemplo, se se trata de 20 vacantes para cada provincia, ou se son 20 prazas en total para ambas as dúas.

Fontes consultadas de Veicar e Natutecnia —empresas ben coñecidas en Galicia neste eido de actuación— negan que sexan eles os responsables dos anuncios e os ofertantes desas prazas de bombeiro para "intervención en emergencias". "Non sabemos nada desas ofertas. Non son nosas", din.

Con todo, os Bombeiros Públicos lembran que en Galicia actúan varias empresas "lucrándose cos servizos de bombeiros", sendo nas provincias de Lugo e A Coruña —para as que se publicaron estes anuncios en InfoJobs— "onde están empresas como Eimfor, Eural e Natutecnia, que realizan a xestión baixo unha Unión Temporal de Empresas (UTE) en tres parques, estando os restantes baixo a empresa Veicar. Na provincia de Lugo temos a Natutecnia e a Veicar ao cargo dos parques de bombeiros·, sinala a Plataforma. 

"SEN EXPERIENCIA"

A oferta indica un salario entre 18.000 e 21.000 euros brutos anuais para "personal de intervención en emergencias, cualificado y capacitado para su actuación en emergencias que tengan lugar en el entorno rural y/o urbano, incendios en interior, rescate de personas, accidentes de tráfico, etc.". Con todo, non fai falla demostrar experiencia algunha para acceder a estas prazas. "Experiencia mínima: no requerida", márcase na oferta.

Ademais, indícase que o acordo sería mediante a modalidade de "otros contratos" a "jornada completa", é dicir, non se trataría de contratos indefinidos, nin de duración determinada nin a tempo parcial, que son as outras categorías nas que se clasifican as ofertas de traballo en Infojobs. 

Como requisitos mínimos pídese "estar en posesión del permiso de conducción clase C" e "formación acreditada por organismos oficiales y/o empresas especializadas relacionada con las funciones a desarrollar en incendios urbanos e industriales, apeos y apuntalamientos, rescate urbano en altura e industrial, primeros auxilios y excarcelación y similares"

O ofertante tamén di que valorará "positivamente" que "esta formación esté impartida y/o homologada por la Academia Galega de Seguridade Pública", organismo da Xunta. Con todo, non é indispensable estar en posesión dun título acreditado pola AGASP.

Aos candidatos tamén se lles pide "estar en disposición de conseguir un certificado médico oficial acreditativo de las condiciones físicas donde garantice que no padece enfermedades o lesiones que limiten las funciones a desarrollar".

Por último, o ofertante di que "valorará positivamente la experiencia como agente de intervención y/o bombero en parques de bomberos, GES, servicios de Protección Civil, bomberos de empresa...". Con todo, non é obrigado demostrar experiencia algunha para optar a estas vacantes.

FALTA DE REGULACIÓN NA PROFESIÓN

"Esta é a forma de xestión da que dispoñen as empresas privadas para suplir as carencias de persoal nos servizos de bombeiros galegos. Como sempre unha falta gravísima de consideración e de respecto á nosa profesión, que non precisa recordar o nivel técnico e de esixencia que a caracteriza", critica a Plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia.

Con estes anuncios aparecidos en Infojobs, para os bombeiros públicos "confírmase unha vez máis que a corrupción legalizada da iniciativa privada nos servizos esenciais, os cales deben garantir os dereitos e liberdades constitucionais dos cidadáns, non son nin por asomo a forma de xestión adecuada para os mesmos, nin para os traballadores que deben levar a cabo estas funcións".

A Plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia considera que todo isto non é máis que "as consecuencias directas da falta de regulación da profesión e dos seus servizos, cunha intención clara, o lucro privado", o cal deriva, para os bombeiros, nunha "ineficacia moi grave e preocupante na atención aos cidadáns nos sinistros, así como o incumprimento nas formas de acceso a un servizo público".

Ante esta situación, apelan ás Deputacións para que aclaren "que medidas tomarán dende as súas xerencias nos Consorcios para resolver esta situación".

"Como asociación profesional só podemos dicir que o que nos move é acabar coa corrupción nas emerxencias e loitar por un Estatuto do bombeiro, unha formación regulada, por uns servizos homoxéneos, profesionais e 100% públicos. Sen intermediarios que só buscan o seu lucro", expoñen.

Oferta de traballo publicada en Infojobs para bombeiros na provincia de Lugo.
Oferta de traballo publicada en Infojobs para bombeiros na provincia de Lugo.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Breogán

Serán do meu irmao o Pepe.