Temas: BIBLIOTECAS

A biblioteca de Verín, todo un exemplo para recuperar a ilusión polos libros na era dixital

Recibiu o premio de animación á lectura María Moliner 2017 para municipios de entre 5.001 e 20.000 habitantes. O seu proxecto “Voluntariado cultural con mozos para o fomento da lectura” foi premiado con 12.000 euros.

Por X.M. Fernández | Verín | 30/01/2018 | Actualizada ás 14:43

Comparte esta noticia

Non é certo que as bibliotecas esmorezan coa chegada da era dixital. Hai lugares como a biblioteca de Verín na que o amor polos libros e pola cultura fai que o papel aínda sexa moi aprecidado a pesar de estar en horas baixas.

Recollendo o premio co Ministro de Educación, Cultura e Deportes. Fonte: Concello de Verín
Recollendo o premio co Ministro de Educación, Cultura e Deportes. Fonte: Concello de Verín

 

Pola súa intensa actividade a prol da cultura, a Biblioteca Municipal de Verín recibirá da Fundación Coca-Cola 12.000 euros, correspondentes ao Premio María  Moliner ao mellor proxecto de animación á lectura a municipios de entre 5.001 e 20.000 habitantes, polo proxecto “Voluntariado cultural con rapaces/as para o fomento da lectura”

 

Trátase dun proxecto consolidado, que xurdiu hai nove anos e que converteu á biblioteca nun referente cultural na localidade, realizando un gran número de actividades variadas e de calidade grazas á colaboración de mozos voluntarios. Destaca pola súa relación transfronteiriza levando as actividades da biblioteca a aldeas próximas de Portugal e polas súas actividades interxeracionais e con colectivos en risco de exclusión social.  

 

Ao  longo  destes anos,  foron  máis de 500 actividades de fomento  á lectura,  onde  tamén  tiveron cabida,  multitude de conferencias,  presentacións de libros,  exposicións, concursos e coma  non o  servizo  estrela  do verán que  é a  Biblio-Piscina e  Biblio-Rúa,  servizos  tamén atendidos polos voluntarios da Biblioteca.

 

CINCO SÉCULOS DE LECTURA

O tenente de alcalde e  concelleiro de  Mocidade de Verín, Diego Lourenzo Moura; acompañado pola  concelleira de Cultura, Emilia  Somoza, e dos responsables da Biblioteca Municipal, Vicente Rodríguez Xusto e Aurora Prieto Tarrío, participaron este luns na entrega do premio.

O galardón foi entregado polo ministro de Educación, Cultura e Deportes, Íñigo Méndez de Vigo, o secretario xeral da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Juan Ávila Francés, e o director da Fundación Coca-Cola, Juan José  Litrán. 

Diego Lourenzo, quixo lembrar que en 1494, no Castelo de Monterrei, a primeira imprenta de Galicia facía virar a súa prensa para imprimir a primeira obra producida polo enxeño de  Gutenberg en toda Galicia. “Como non iamos en Verín coidar os libros se durante cinco séculos aprendemos a cultivar o amor á literatura e á súa máxima expresión social: a biblioteca", dixo.

Lourenzo tamén agradeceu en nome de todos os veciños de Verín “o traballo inmenso e erudito dos responsables e traballadores deste buque insignia do  Concello de Verín, así como dos seus voluntarios e prometerlles que seguiremos contando con eles, apoiando as súas actividades e implementándoas mesmo con actividade editorial, para que en Verín sigamos sendo punteiros, polo menos, 500 anos máis”.

Pola súa banda, Vicente Rodríguez, quixo “felicitar a todos os lectores, socios, doantes, colaboradores, seguidores nas redes e presenciais, e sobre todo, aos nosos nenos voluntarios, por facer posible coa súa participación este premio. É de todos eles.” 

O ministro referiuse aos beneficios que a colaboración público-privada pode achegar na tarefa da promoción cultural ao agradecer a súa achega a esta campaña da Federación Española de Pequenos e Medianos Municipios e a Fundación Coca-Cola.

PREMIO

 

Á campaña de 2017 presentáronse un total de 604 proxectos, dos que foron seleccionados un total de 300, cada un dos cales recibiu do Ministerio un premio en metálico para a adquisición de fondos valorado en 1.706,66 euros, o que supón unha achega global do Ministerio de 512.000 euros.

 

O obxectivo desta campaña, actividade que forma parte do Plan de Fomento da Lectura 2017-2020 aprobado pola Secretaría de Estado de Cultura co lema “ler dáche vidas extra”, é premiar ás mellores iniciativas de animación á lectura que se desenvolven nas bibliotecas de municipios cunha poboación inferior a 50.000 habitantes. Para seleccionar aos premiados analízase a claridade e o interese do proxecto, a planificación, a viabilidade, a orixinalidade e a innovación das actividades de fomento da lectura, e o uso das novas tecnoloxías.

Temas: BIBLIOTECAS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta