SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/02/2018 | Actualizada ás 20:22 por EUROPA PRESS
Os sindicatos de xustiza non son optimistas en relación á reunión convocada pola Xunta na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o vindeiro luns, sobre todo despois das declaracións realizadas este venres polo vicepresidente, Alfonso Rueda.
Con todo, a intención, segundo distintas fontes do comité de folga consultadas por Europa Press, é acudir, aínda que sosteñen que Rueda debería estar presente e non enviar a quen até agora exerceron como negociadores: os directores xerais de Función Pública, José María Barreiro, e Xustiza, Juan José Martín.
As expectativas, en todo caso, en relación ao encontro, "son malas" e, se non hai acordo, os representantes dos traballadores auguran que o conflito pode "tardar".
PRESENZA DE RUEDA
Neste escenario, un dos sete sindicatos con representación no comité de folga, Alternativas na Xustiza-CUT, remitiu un comunicado este venres no que subliña que "o comité asistirá, como non podería ser doutra maneira, á reunión".
"Nela seguiremos perseverando nas nosas lexítimas reivindicacións que poñan fin a este conflito laboral e, sobre todo, acabar coa discriminación na xustiza galega, tanto cos cidadáns como cos traballadores galegos", esgrimiu.
Do mesmo xeito e aínda que Rueda descartou asistir, Alternativas na Xustiza-CUT insiste en que na reunión deben estar "responsables da Xunta con verdadeira capacidade e vocación da resolución do actual conflito", e apuntaron ao vicepresidente.
"SEGUIMENTO ESPECTACULAR"
Entre tanto, este venres ratificouse un elevado seguimento que ronda o 90 por cento na comunidade e que, nalgunhas cidades como Vigo, cun 95 por cento, os sindicatos elevan a "espectacular".
De feito, na área de Vigo, os sindicalistas visitaron xulgados en Cangas, Moaña, Tui, Ponteareas e O Porriño co fin de trasladar o seu "apoio" aos traballadores.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.