Xunta e sindicatos de xustiza seguen sen levantarse sete horas despois, pero a negociación está enquistada

Bocadillos para as partes e críticas dos sindicatos nas redes pola actitude dos representantes da Xunta

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/02/2018 | Actualizada ás 18:36 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Os negociadores da Xunta e os sindicatos que representan aos traballadores do sector xudicial galego, en folga desde o pasado 7 de febreiro, continúan sentados na sala da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) na que entraron este luns ás 11,30 horas para tentar desbloquear o paro indefinido que bloqueou os xulgados.

Comité de folga de xustiza
Comité de folga de xustiza | Fonte: Europa Press

Fontes presentes na reunión consultadas por Europa Press aseguran que a negociación está "enquistada" e que non houbo grandes avances, pero ningunha das partes parece disposta a dar o paso de levantarse.

E é que a Xunta xa avanzara que non estaba disposta a elevar a última oferta económica que deixaron encima da mesa o pasado luns (de entre 816 e 1.080 euros), pero fontes do Executivo aseguraron que no encontro desta xornada si presentaron novas "melloras" noutros aspectos.

Con todo, as caras dos membros do comité de folga apuntan a que os cambios están lonxe de satisfacer as demandas do colectivo, que pide "solidariedade" ante a súa "discriminación" non só na cuestión retributiva, senón tamén, defende, nos descontos das baixas por incapacidades temporais (IT).

Sobre a mesa están tamén as amortizacións, a consolidación de emprego ou as retribucións pola cobertura de compañeiros de rango superior.

CONCURSAR "FÓRA DE GALICIA"

Nunha xornada na que houbo dous recesos e na que representantes das dúas partes abandonaron puntualmente a reunión para facerse con bocadillos na cafetaría da EGAP e poder continuar na sala reservada para o encontro, representantes dos sindicatos tamén se queixaron da actitude do Goberno galego.

As críticas dirixíronse, sobre todo, ao director xeral de Función Pública, José María Barreiro, quen encabeza a delegación da Xunta xunto co seu homólogo de Xustiza, Juan José Martín.

Outro cargo de Función Pública foi obxecto, nunha das súas saídas, das críticas dunha das traballadoras que esperaba fóra da sala, quen lle espetou que os representantes da Xunta teñen "moito rostro".

E é que, segundo difundiron en redes sociais os sindicatos, sentíronse "insultados" polos representantes da Administración que, entre outras cuestións, afirman, chamáronlles "privilexiados", ademais de afirmar que estaban "a aforrar diñeiro" coa folga e de instalos, senón están "contentos", a concursar "fóra de Galicia".

RESPALDO NO EXTERIOR

Pola mañá, diante da EGAP concentráronse decenas de traballadores en solidariedade cos seus compañeiros que defenden ao colectivo na negociación.

Galicia afronta a súa novena xornada de folga efectiva, na que, unha vez máis, os xulgados quedaron practicamente paralizados, do mesmo xeito que os rexistros civís. Os sindicatos sitúan o seguimento de media en Galicia en máis do 90 por cento.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta