Nova edición do Coworking Ribeira Sacra-Igape en Monforte de Lemos

Conta atrás para a posta en marcha da terceira edición do espazo Coworking de Monforte de Lemos, que estará situado nas instalacións de Expolemos e que comezará o vindeiro mes de marzo.

Por X.M. Fernández | Monforte de Lemos | 20/02/2018 | Actualizada ás 12:35

Comparte esta noticia

As persoas interesadas en poñer en marcha algunha nova idea de emprendemento na Ribeira Sacra poden realizar a súa inscrición ata finais de febreiro podendo participar persoas de tódalas idades que teñan en mente un proxecto de calquera sector, xa sexa turístico ou agrícola, entre outros.

Espazo de coworking na Tecnópole de Ourense
Espazo de coworking na Tecnópole de Ourense

No espazo Coworking de Monforte de Lemos os participantes recibirán, sen ningún tipo de custe para eles, asesoramento e un apoio integral para poder poñer en marcha as súas empresas. Os emprendedores atoparán un espazo de traballo en Expolemos con aulas e salas de reunións nas que recibirán formación e disporán dun mentor que os axudará a validar e lanzar o seu proxecto. Ademais poderán participar en diferentes obradoiros e eventos e estarán en contacto con especialistas en comunicación, finanzas e vendas, entre outras disciplinas.

O Alcalde, José Tomé Roca, lanza unha mensaxe para animar á xente a presentar as súas propostas: “a aceleradora de empresas vai ser unha moi boa oportunidade para impulsar novos proxectos na nosa comarca. Nun momento como o actual, precisamos máis que nunca ideas que permitan xerar novos postos de traballo”.

O espazo Coworking ofrecerá asesoramento durante 6 meses, aproximadamente. O programa está concibido para emprendedores que aínda non constituísen a súa empresa, pero ademais, poderán participar as persoas que estean nunha fase inicial de desenvolvemento do seu proxecto.

As persoas interesadas en recibir máis información ou que desexen inscribirse poden facelo na oficina da axente de desenvolvemento local do concello de Monforte, nas Casitas da Compañía, no teléfono 982 401314, ou a través da propia páxina web do espazo coworking.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta