Temas: XUSTIZA FOLGA

O Consello Galego da Avogacía, disposto a facer de mediador na folga da Xustiza

O seu presidente alerta á Xunta e funcionarios que a continuidade da folga está repercutindo na sociedade xa que hai quen non pode pedir pensións de viuvez ou non pode solventar situacións familiares.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/03/2018 | Actualizada ás 12:05

Comparte esta noticia

O presidente do Consello Galego da Avogacía, e decano do colexio de Lugo, Félix Mondelo, sinalou este venres que o órgano estaría disposto a exercer de mediador para tentar desatascar o conflito dos funcionarios da Xustiza, en paro indefinido desde o 7 de febreiro, se llelo piden as partes implicadas --comité de folga e Xunta--.

Xulgado baleiro na primeira folga da xustiza en Galicia
Xulgado baleiro na primeira folga da xustiza en Galicia

En todo caso, o avogado lucense ten claro que "o razoable en todo conflito cando as partes non se poñen de acordo é nomear unha arbitraxe para dar solución ao tema dunha vez". Félix Mondelo alertou das "graves consecuencias" dun conflito "enquistado", chegando a case un mes de folga, e reiterou que xa "non se expiden, nalgúns casos, certificados de defunción para poder rexistralos no rexistro civil".

"E aí xa se perden uns dereitos para percibir a pensión de viuvez", avisou. "E outros non conseguen recoñecementos de dereitos laborais que están pendentes de sentenzas, ou aqueles que non poden cobrar o que lexitimamente lle debe un debedor ou outros que non poden facer uso dun piso ocupado indebidamente", engadiu.

"E logo tamén hai cuestións matrimoniais, divorcios ou medidas provisionais que afectan a fillos e a pais. Isto provoca un trastorno á cidadanía", manifestou, a continuación, antes de concluír que, ademais, é preciso buscar nova data para procedementos pendentes de celebrarse, o que empeora os atrasos.

Temas: XUSTIZA FOLGA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta