O Tempo, grande escultor

Espero que me saiban perdoar Marguerite Yourcenar e os amantes da insigne escritora francesa por tomar emprestado o título da bela obra que ela publicou en 1983. O motivo é reflexionar sobre a famosa expresión que asegura que o Tempo pon todo no seu sitio.

Por Ramón Torrado | Noia | 06/03/2018

Comparte esta noticia

É realmente así? A evidencia apunta a que con frecuencia sucede o contrario. Pero, antes de nada, faise preciso apuntar a futilidade que se sinte escribindo sobre un tema calquera mentres ten lugar a catástrofe na zona de Guta en Siria, por mencionar unha das múltiples traxedias que se suceden mentres camiñamos por este mundo.

Sábese que, ó longo de milenios, os movementos xeofísicos das placas tectónicas esculpiron as siluetas dos continentes que tanto gustaban naqueles luminosos globos terráqueos da infancia. Mais, puxo o Tempo no seu sitio aos continentes máis desfavorecidos? Puxo no seu sitio aos múltiples artistas que nos deixaron sen ser recoñecidos en vida? Puxo no seu sitio a moitos anónimos heroes e heroínas que arriscaron a súa integridade polos demais?

Vemos a maxistral película de Steven Spielberg sobre o salvador de xudeus Oskar Schindler e pensamos que é imposible que non se aprendera das atrocidades do pasado. Non obstante, xorden grupos e incluso partidos políticos radicais que converten aos refuxiados en xudeus como aqueles dos nosos tempos.

Vemos toda a corrupción descuberta en España de maneira principal en partidos de dereitas, pero hai quen opina que é probable que outro partido conservador dirixa o próximo goberno da nación. Advertimos as manifestacións de xubilados que reclaman unhas pensións dignas, e consideramos que hai algo desalmado en gobernos que abandonan, na fase máis dura e solitaria da vida, a cidadáns que traballaron e contribuíron a formar a sociedade na cal vivimos. Son eles postos no seu sitio polo Tempo?

Pon o Tempo a algo no seu sitio algunha vez? Resulta inapelable afirmalo nalgúns casos, como cando a Xustiza acerta. Tamén nas artes, cando se comproba como perduran as obras mestras en cada campo. A nivel particular, sucede que, ás veces, os libros que non gustaron na xuventude agradan na madurez. Hai tamén sorpresas, e resultan ser amigos ou traidores aqueles que non se esperaban.

No evento de equivocarse, se é realmente certa a idea de que o Tempo pon a todos no sitio adecuado, haberá que concluír que o Tempo é moi cruel – xa non falemos dos casos de nenos con enfermidades terminais, das vítimas de catástrofes naturais ou dos accidentes. Exceptuando algúns casos de xente que adquire cos anos unha elegante nobreza nos seus rostros, a máis das veces, o grande escultor fai auténticos traballos de desgaste. Conmove ver os golpes da vida en faces amadas de estrelas que foran de novos un compendio de beleza e de encantos, homes e mulleres que electrizaban as revistas, as portadas de discos e as pantallas de cine.

De pouco valerán operacións, tratamentos e cremas: o Tempo enviará as súas facturas ó correo. É posible que na natureza e nalgunhas edificacións o paso dos séculos exerza un verniz estético positivo, mais coas persoas, seres con sentimentos e pensamento, o que fai o Tempo é poñerse unha e outra vez a súa máscara de axente da destrución e da desolación.

Diante dunha forza semellante, o ser humano ten a posibilidade quixotesca de enfrontarse a ela, buscando un cambio positivo. Por nimios que sexan, trátase de xiros contra o destino que pode traer o Escultor. A propia Marguerite Yourcenar rebelouse contra a previsible montaña de ataques e contratempos relativos ás súas tendencias sexuais e, como o seu novelado emperador Adriano, actuou con sabedoría dentro dos parámetros que permite a existencia humana, sendo en certa medida escultora da súa vida.

Na peza que dá título á súa colección de ensaios “O Tempo, grande escultor”, a amante das cunchas mariñas Marguerite describe a súa fascinación polas estatuas que co tempo perderon partes a causa de guerras, de problemas no transporte ou doutros avatares. Menciona á maxestosa e descabezada Victoria de Samotracia que se exhibe, chea de forza e movemento, no Louvre. É probable que, de estar viva, a insigne autora  se indignara cos que insultan aos países do sur do continente europeo co acrónimo de PIGS. Curiosamente, en Portugal un home sen un ollo, en Italia un home co corazón eivado por non ter o amor de Beatrice, en Grecia un cego e en España un manco, todos eles, foron quen de sobrepoñerse ós golpes do cicel do Tempo, amosando graza sobre a presión e chegando a escribir cinco das máis altas obras artísticas feitas polo ser humano.

Como eles eran xenios, o resto dos mortais teremos que buscar – humildemente e a pesar dos embates do Tempo - os máximos niveis de honor, de dignidade, de beleza, de igualdade, de xustiza, de progreso e de verdade nas nosas vidas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ramón torrado Ramón Torrado Romero (Araño-Rianxo, 1966). Educado en Galicia, no País Vasco e nos Estados Unidos. Licenciado en Filoloxía Inglesa na USC, é profesor de instituto. Investigador rosaliano. Foi colaborador en Certo, xornal dixital de Barbanza. Ten escritas catro novelas, un libro de relatos e outro de viaxes, entre elas, Rebeca no val das sombras ardentes (Toxosoutos, 2018) e "Torino" (Axóuxere, 2021), a súa última obra publicada.