O despoboamento non é un problema

Existe unha dobre moral en Galicia sobre a crise demográfica.

Por Serafin Pazos | Bruxelas | 14/03/2018

Comparte esta noticia
Desde hai un par de anos entrou na axenda mediática a cuestión do despoboamento, irmá mais non idéntica da do envellecemento, xa que esta última afecta tamén as cidades pola baixa natalidade: o IGE acaba de revelar que só nunha ducia de concelllos galegos medra a poboación, nin sequera en Coruña ou Vigo se salvan. Tampouco é o despoboamento só unha cuestión de territorios rurais marxinais (no senso de zonas de alta montaña ou con terreo pobre que malamente permite unha vida de subsistencia) senón que é estrutural. A maioría do territorio galego así coma o do resto do Estado (e tamén Portugal) estase baleirando a pasos axigantados. Un problema que non é só consequencia adiada do grande éxodo rural dos 50 ós 70: malia seren brutais esas vagas migratorias, moitos territorios non se baleiraban. Se un ía pola Limia nos 80 había xente moza en toda a contorna de Xinzo. O que pasa e que toda esa xente marchou. Hoxendía se un vai por boa parte do interior de Galicia (“interior” significa o punto desde onde xa non se ve o mar, Covelo ou Fornelos non son menos interior ca Chantada) en Nadal e arredor do 15 de agosto pode levarse a engano ao ver tantos nenos. O resto do tempo só quedan os vellos. E enormes casas que en breve quedarán como monumento póstumo ó éxito do emigrante.
 
Os libros de Sergio del Molino, Paco Cerdá , ou a campaña pola Serranía Celtibérica-Laponia do Sur do catedrático da Universidade de Zaragoza en Teruel Francisco Burillo conseguiron tocar unha fibra no discurso mediático ata o punto de case conseguir que “a despoboación” se convirta nun non-tema, un deses asuntos, coma a igualdade de xénero ou “Europa”, que non admiten máis que a adhesión en público. Alén do atractivo romántico que teñen as ruinas ou a saudade ante a perda inminente, o éxito explícase tamén en termos da contestación antisistema post crise. Logo de botar 60 anos de tolemia desenrolista (o 66% da poboación estatal vive en colmeas de tipo soviético, a maior proporción da UE, cando en Europa a maioría da poboación, mesmo en cidades coma Londres ou Bruxelas, vive en casas) a xente comeza a decatarse dos custes deste modelo de aluvión. Tamén o ambiente de cambio de réxime axuda: se para algo se crearon as autonomías é para evitar a centralización de todo en Madrid, ou, coma moito, en varios polos de desenrolo secundarios.  Mais na verdade as CCAA. non pararon a hemorraxia, se ben permitiron dotar de servizos a moitas zonas totalmente desherdadas. Nalgúns casos crearon centralismos novos cara a nova capital autonómica.
 
 Existen por suposto dinámicas estruturais: o cambio do sistema productivo cara unha economía de servizos fai o desenrolo menos dependente de onde hai carbón ou onde medra mellor o centeo. Unha economía postmoderna onde ás “clases creativas” gústalles vivir apiñocadas en clústers e ter grande mobilidade, onde internet tende mais a unir e homoxeneizar que a diversificar (curioso que os hípsters falen da proximidade e do auténtico cando son tan ubicuos e idénticos coma os MacDonald´s). Mais iso non é razón suficiente para o caso que nos ocupa, que é o noso. Existe tamén unha cuestión cultural.
 
O modelo urbano español (e a súa mala copia galaica) é herdeiro dunha cultura de cidades pequenas, non demasiado prósperas, sitios onde a diferencia de Europa non predominaba a burguesía comercial senón que eran lugar de representación dos fidalgos, gasto dos terratenentes e residencia dos funcionarios. O enorme éxodo da postguerra foi moi resentido polos vilegos “de toda la vida”, por exemplo polo 15004 coruñés ou a burguesía barcelonesa, co medo medo á invasión dos bárbaros da aldea. Mais na práctica os valores non mudaron. Os paisanos do ensanche o que querían era que os fillos “estudaran”, código que significa ser señoritos e sumarse á suposta élite local. Razon pola cal estes inventaron conceptos para distinguirse dos advenedizos: horteras contra os de pata negra. 40 anos de democracia non mudaron este estado de cousas. Os macarras dos 80 e os antisistema de agora poden reivindicar o “orgullo de clase” e “o barrio” pero moitas veces is vai acompañado por un rexeitamento implícito do lugar de orixe dos pais: a “argolla” do koruño, o agro (e non só o agro, senón a vila pequena ou a capital de provincia) coma lugar salvaxe, atrasado e pouco atractivo para vivir. Todo un contraste con países coma Inglaterra, Alemaña ou Francia, onde son os ricos os que queren vivir a toda costa no campo, as cidades son para os que non poden permitirse outra cousa melllor. 
 
Indo ao concreto. Nos último par de anos ten habido unha Comisión especial do Senado da que sairon varios importantes relatorios, así coma un feito pola FEMP,  propostas feitas en Bruxelas (Informe García Perez do Parlamento, dictame Herrera Campo no CdR) , varias conferencias sobre despoboamento, en Huesca ou Soria, por exemplo. Os Presidentes das Deputacións provinciais de todo  o Estado acordaron en Pontevedra hai un par de semanas pedir co-xestionar parte dos novos fondos Europeos post 2020. Os Presidentes de Galicia, Castela e León, Asturias e Aragón, aproveitando a fluidez política actual, fixeron un pacto interpartidario cara o financiamento autonómico. As Federacións de Empresarios de Soria, Cuenca e Teruel montaron a rede SSPA para pedir que esas zonas, con densidades inferiores á de Laponia, tivesen financiamento específico na UE. Tamén foron ás Terras Altas Escocesas, onde se cegaron co modelo da axencia de desenrolo rexional Highlands and Islands Enterprise. A mesma da que se fixo eco hai uns días un artigo de La Voz de Galicia coma sitio moi despoboado que está a gañar poboación.  Todo isto como antesala ás propostas que a Comisionada nomeada por Rajoy contra o despoboamento presente en breve a Estratexia do Goberno central, á par que a finais de maio é máis que previsible que un dos  eixos da nova política de Cohesión  post 2020 sexa o que en Bruxelas chaman os “territorios esquecidos” ou “en encollemento”.
 
O “momentum”, como din os anglosaxóns, é por tanto moi propicio para atacar este problema. Pero cabe preguntarse se para moitos é un problema. Un país pode funcionar perfectamente co 80% da poboación no 20% do territorio. Alomenos se descontamos as deseconomías de escala en termos de vivenda prohibitiva, contaminación, marxinación social (e, nas zonas despoboadas, o peche de servizos por falta de poboación suficiente, o custe cada vez maior de aportar tales servizos, o illamento de comunidades e soidade e desvalimento da xente maior que queda).
 
 Logo está o tema dos valores, alén das proclamas ecoloxistas e conservacionistas existe no noso contexto unha obsesión polo cemento. Só hai que ver como de desfeitas están as nosas vilas (as remesas dos emigrantes dos 70-80 levaron moito por diante), moitas delas idénticas a barrios periféricos dunha cidade. Mais finalmente está a cuestión das expectativas:  Cambiar un modelo económico e xeográfico , que os técnicos denominarían algo así coma mediterráneo de aluvión impón, toda unha serie de custes fundidos e transaccionais.
 
Vexamos toda unha serie de medidas tan potencialmente válidas coma irrazoables: se un é por exemplo, funcionario de 40 anos e está solteiro o lóxico é que pague máis impostos polo custe que isto supón para a sociedade, e con eses cartos extender as desgravacións por neno que agora son só ata os 3 anos.  Deixar un modelo habitacional intensivo supón pasar a que a maioría viva de aluguer (cando as taxas de propiedade , e hipotecas, son aquí das máis grandes de Europa), aceptar maiores cargas fiscais nas zonas máis prósperas para poder financiar o mantemento de infraestruturas nas zonas en maior necesidade, que serán zonas francas. Desprazar partes dos ministerios e axencias a esas zonas, coma en Gran Bretaña. Obrigar ao mesmo ás grandes empresas con contratos públicos, ademáis de que aseguren o servizo universal mínimo.  Eliminar o modelo dual de emprego (funcionarios e laborais indefinidos versus precariado) e o horario laboral para favorecer a conciliación, introducir uniformes nas escolas e outras medidas para evitar o sobregasto nos fillos únicos, estruturas para o intercambio de bens e colaboración na crianza dos nenos. Ao ler isto xa se escoitan os oubeos en unísono da transversal conservadora (liberáis, ecoloxistas, feministas, conservadores, progresistas, cadaquén oposto a todo isto polas súas propias razóns). Mais os cambios estruturais implican custes. O do “win-win” está moi ben para as consultorías e think thanks.
 
No eido das políticas públicas isto supón obviar modelos xacobinos e aceptar que non todo o territorio se ten que xestionar uniformemente, que as provincias son esenciais en moitos territorios despoboados, así como aceptar que un mapa municipal que non estea organizado en zonas funcionáis non ten sentido, como pouco sentido ten que o “despoboamento” se considere só coma cousas do desenrolo rural (e por tanto irmá menor da Polítítica Agrícola Común), ou que se busque a solución nos cartos na UE cando o fundamental dos recursos ten que vir de reorganizar as prioridades de gasto domésticas. Que os catro niveis de administración sigan a facer a guerra pola súa conta, duplicando e deixando ocos no deseño e execución das políticas. E, en fin, evitar que o mar revolto no que estamos se use o despoboamento coma tapadeira para recentralizar competencias.  Pouco se poderá agardar da devandita Estratexia se non é capaz de por sobre a mesa decisión difíciles, cartos e cronogramas para aplicalos.
 
Todo isto non é exclusivo de Galicia, nin sequera do Estado. Xa falamos de Portugal, como poderiamos falar de Grecia ou Francia. Mais aquí existe un problema adicional que fai que calquera medida contra o despoboamento se quede nunha declaración de principios (Quen se lembra da Estraxia de Reequilibrio Territorial do Goberno de Touriño?). En Galicia, os que quedan aillados, desvalidos, en lenta decadencia son  “os outros”: aqueles non quixeron, ou máis comúnmente, non precisaron abandonar a cultura e lingua que constitue a esencia e razón de ser desta comunidade humana que chamamos Galicia. A Galicia urbana, apiñocada, que vive en pisos , fala español e ten como razón da súa existencia sublimarse en apéndice e caixa de resonancia do que dicten a Sexta, o Hola ou o Bernabeu construiuse a sí mesma en contraposición a esa Galicia en despoboamento terminal. A Pardo Bazán dos Pazos de Ulloa acabou gañando. Difícil é que alén das proclamas sentimentais esa nova Galicia, esa post-Galicia, se tome en serio e na práctica este problema. Que tamén nesas zonas a prosperidade sexa moita de apariencia e que simplemente van sentir o mesmo problema un par de décadas máis tarde non é un problema, xa que a Galicia urbana é cada vez un lugar intercambiable dun espazo moito maior, vertebrado como quería Ortega. O resto é “hinterland”, toxos que se ven medrar desde as autovías, e algún día, o AVE. Con estas varas de medir, Teruel ten máis esperanza ca nós.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA