Nova marcha dos contratados precarios da Xunta para denunciar o agravamento das súas condicións laborais

Será o vindeiro 16 de marzo para denunciar que a Xunta pretende prescindir deles, logo de anos de prestación de servizos en fraude de lei.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 12/03/2018 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

A Marcha do Persoal Precario das administracións públicas, que integra  diferentes colectivos de traballadores e traballadoras precarias, volverá a manifestarse nas rúas de Compostela o vindeiro venres 16 de marzo en defensa dos postos de traballo e "da dignidade" do emprego nos servizos públicos.

Mobilización dos precarios
Mobilización dos precarios | Fonte: GC

A terceira mobilización desta Marcha, que reproducirá o formato das convocatorias dos dous anos anteriores, recollerá desta volta o malestar do persoal máis feble das administracións públicas galegas, interinos e temporais que, despois de anos de prestación de servizos en fraude de lei, consideran  que as convocatorias anunciadas pola Xunta “vulneran os seus dereitos á estabilización e á consolidación, sendo en realidade EREs encubertos”.

“A Marcha chama a todo o persoal das administracións públicas e a todos os usuarios e usuarias dos servizos públicos a sumarse a esta mobilización, coa que se pretende esixir tamén a paralización do desmantelamento dos sectores públicos esenciais, que se están a deteriorar programadamente para xustificar a súa entrega ás mans privadas”, apuntan os organizadores nun comunicado.

As súas principais reclamacións son a ausencia de persoal suficiente para sacar adiante as tarefas, as excesivas cargas de traballo que por eses recortes en persoal teñen que asumir as traballadoras e traballadores que quedan, ou o incremento do absentismo laboral por enfermidades e accidentes. “Son condicións intolerables por máis tempo de maltrato, que pretenden ademais acelerar o proceso de destrución do público a costa da saúde das súas traballadoras e traballadores, que sofren índices de temporalidade superiores ao 50 por cento”, engaden.

AXUDA AOS SINDICATOS E COMITÉS

A Marcha pídelles tamén aos comités de empresa e xuntas de persoal que non colaboren “co programa de exterminio do persoal precario” que pretende executar a administración. Solicitan, ademais, que enfronten estes ataques e vulneracións de dereitos laborais “con todas as armas á súa disposición, a primeira delas e a máis importante, a forza da unión das traballadoras, que se visibilizará en Compostela o 16 de marzo vindeiro”.

Forman parte da Marcha do Persoal precario colectivos do SERGAS, traballadoras dos centros de coidados da Consellería de Política Social, persoal das bibliotecas públicas ou dos medios públicos de comunicación CRTVG e RTVE, persoal de Ensino, traballadoras de Correos ou do Concello de Santiago de Compostela, colectivos como a Coordinadora Antiprivatización da Sanidade Pública A Coruña, SOS Meixoeiro e outros, co explìcito apoio dos sindicatos alternativos con presenza no Sergas e na Xunta. 

“O obxectivo final da Marcha é servir como espazo de encontro de moitas expresións de loita contra a precariedade no eido do emprego público, e como punto de partida para unha contestación social de maior envergadura a un goberno que desoe as demandas das súas empregadas e empregados, e que leva meses acelerando os ataques contra o persoal precario que xa leva anos sufrindo os efectos dos recortes e da privatización”, conclúen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 euson

pero que cara-i-o de consolidacion ??? se saen prazas que as estudien , ousexa que estan a cobrar nunhas condicions e agora queren ser fixos pola cara, e os que estan a hincar os codos sen ver cartiños que lle den moito cara e o que hai