O brazo incorrupto de España

Vén de resucitar unha imaxe que tiña sepultada no meu cerebro. Lembrei a foto do brazo incorrupto de Santa Teresa en percorrido, durante a España franquista, polo territorio do Imperio. Esta evocación visual, que me remite a algún xornal de entón, resultoume irónica e ao mesmo tempo unha miga repulsiva. Lévame, inevitabelmente, a imaxinar o membro como parte dun corpo esnaquizado, o da santa, para admiración de devotos e redención dos pecadores que o ollaren. Teño entendido que agora está fóra de circulación por non ser eficaz nesta modernidade democrática do capitalismo ultra XXI. Segundo parece, hai fetiches máis eficaces que o de recorrer a unha idolatría relixiosa macabra como é pasear articulacións inmorredoiras de santos, cal reliquias obxecto de culto, de admiración.

Por Francisco Rodríguez | | 08/02/2011

Comparte esta noticia

Hoxe as reliquias, cadáveres incorruptos ou non, restos de corpos esnaquizados ou obxectos con eles relacionados, merecentes do culto, da idolatría polo orbe católico, teñen máis ben depósito fixo, non deambulan xa en peregrinación. Son os peregrinos os que, en arroubo turístico ou en éxtase ilusionista, viaxan para contemplar empiricamente o fetiche, adorándoo irracionalmente en ocasións como demostración da existencia dun máis alá, consolación para as miserias do presente.

Por que esta irrupción do pasado na miña conciencia do presente? Ocorreu por analoxía. De súpeto e como de esguello, souben que circulaba por algunha deputación e por algúns concellos de Galiza, para admiración e adoración popular, o trofeo gañado pola selección española no campionato mundial de fútbol. Foi acompañado por comisionados oficiais e longas colas de xentes de todas as idades acudiron a contemplala. A foto, nun xornal, dun avó achegando con reverencia o seu netiño a aquel obxecto desatou a reminiscencia vaga do brazo incorrupto da santa de Ávila. Non por eles, ben merecentes doutras analoxías agradábeis. A figura do trofeo pareceume, naquela imaxe, a dun brazo con puño a xeito de balón. Realmente feo e deforme, mesmo algo escatolóxico, na dupla acepción da palabra. Sen querer, pensei: o brazo incorrupto de España!! A seguir, para colmo, lin que era unha vulgar reprodución ou copia, un sucedáneo: unha fraude!!. Exciteime sen remedio, non sexualmente, cerebralmente, que é terríbel. Sen control algún, veume a cabeza a palabra “puñeta”. Español, galego? Hoxe pouco usada. Máis reminiscencias do pasado? Decidín racionalizar un pouco os meus sentimentos, que me levaban por un camiño de desacougo incontrolado. Recorrín a obxectivar cal podía ser a causa da miña analoxía. Fun a un Dicionario de español, para non espertar sospeitas. Mirei a palabra fetiche: “ídolo ou obxecto de calquera clase a quen renden culto os salvaxes”. A seguir, fetichismo: “admiración esaxerada e irracional cara unha persoa ou unha cousa”. Agarreime a esta segunda, libre de eurocentrismo colonial. Había máis. Chegábase a falar de veneración excesiva, reminiscencia nos pobos civilizados e mesmo perversión sexual… Parei. Sempre andaba por medio unha especie de superioridade sobrenatural, unha falta de asunción da realidade, unha veneración excesiva, mesmo a obediencia a cegas, nun Dicionario de galego, pois non fun quen dun control absoluto. Acouguei, non sen preocupación. Só albisquei canto dano fan a Galiza os mitos da españolidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA