Expertos internacionais definirán accións contra os incendios forestais en Galicia

Universidade de Vigo e Deputación de Pontevedra colaboran nun proxecto que busca “fichar os mellores” especialistas de Europa para que da súa análise e discusión saian “conclusións claras e operativas” que permitan coñecer que medidas son adecuadas para “o maior problema ambiental que temos neste país”.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 13/03/2018 | Actualizada ás 17:06

Comparte esta noticia

Baixo a coordinación do director da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo, Juan Picos, un grupo de expertos de diferentes países encargarase de definir unha serie de directrices concretas que sirvan para guiar o traballo de prevención dos lumes forestais e de mitigación das súas posibles consecuencias en Galicia.

Veciños de Gondomar contemplan como o lume se achega ás súas casas, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Veciños de Gondomar contemplan como o lume se achega ás súas casas, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

O grupo traballará nos próximos meses na definición desta serie de medidas, no marco dun proxecto impulsado ao abeiro dun convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra, que destina 58.000 euros a este proxecto.

O reitor da institución académica, Salustiano Mato, e o vicepresidente da institución provincial, César Mosquera, asinaron este martes un convenio que supón “un gran reto” para a Escola de Enxeñaría Forestal, como sinalou Picos, o de “tratar de ir máis aló” da diagnose, de “saber que está a pasar”, para abordar “como temos que enfrontalo”.

Segundo explicou Picos, o obxectivo desta iniciativa é “poder dar unhas recomendacións baseadas na ciencia para a xestión pública” fronte ao que é “o problema ambiental número un”. Para iso, buscarase “fichar os mellores” nos diferentes ámbitos que abrangue un “problema complexo, con moitas vertentes”, co propósito de que elaboren en primeiro termo un primeiro achegamento á problemática desde a súa visión e ámbito de traballo, “para que despois entre todos poidamos consensuar e articular unhas recomendacións comúns”.

Nese mesmo senso, Mosquera puxo de relevo que o propósito deste convenio non é que este grupo “faga un estudo”, senón que da súa análise e discusión saian “conclusións claras e operativas” que permitan coñecer que medidas son adecuadas para “o maior problema ambiental que temos neste país”.

Nunha sinatura que contou tamén coa presenza do vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, Mato salientou pola súa banda este convenio como “un exemplo máis da filosofía de transferencia de coñecemento que defendemos desde a Universidade”, neste caso con destino ás administracións, o que fará posible “que esa eficiencia se traduza en boas políticas públicas”.

METODOLOXÍA DE TRABALLO NOVIDOSA

Expertos e expertas que se atopan actualmente avaliando esta problemática en Portugal e noutros puntos da Península, xunto con especialistas procedentes doutros puntos de Europa, formarán parte dese equipo de traballo que, tralas súas achegas iniciais, dse reunirán en Pontevedra para debater as diferentes propostas e “buscar o denominador común para lanzar unha serie de conclusións”, convertendo así a cidade na “capital do coñecemento” sobre a materia, como engadiu Mato, quen salientou o “novidoso” desta metodoloxía de traballo conxunto, “un modelo moi parecido aos que xeran os informes que logo marcan as pautas das políticas europeas”.

O propósito deste grupo de expertos, como engadiu Picos, será concretar “unha nova aproximación a unha nova realidade”, xa que, “aínda que estamos máis familizarizados cos lumes forestais, estamos vendo un cambio nas circunstancias, que van obrigar a tomar medias para atallar non só o que xa viñamos tendo senón situacións que se poden agravar no futuro”.

Nese senso, o director da Escola de Enxeñaría Forestal puxo o acento en que, tanto na provincia de Pontevedra como no conxunto de Galicia, o crecemento da biomasa, motivado entre outros factores polo abandono das explotacións, sumado a circunstancias climatolóxicas adversas está a facer desta vexetación “un combustible dispoñible no momento no que ocorra un lume”. De aí que un dos propósitos do estudo sexa abordar a efectividade de diferentes tipos de accións, desde rozas a tratamento silvícolas ou con gando, para reducir esa “carga de combustible”, tendo en conta que os incendios son “reaccións en cadea e no momento no que alcanzan determinada intensidade, o seu combate é practicamente imposible”.

Por iso un dos propósitos deste grupo de traballo será determinar accións para que os efectos destes lumes, que supoñen tamén, lembrou, un perigo para as persoas, sexan “moito menores e moito máis controlable”, así como o xeito de que estas sexan compatibles co aproveitamento económico do monte.

“Partimos do feito de que as actuacións se deben priorizar para, se non evitar unha vaga de lumes, tratar de evitar os danos e as circunstancias que se viñeron dando nos últimos anos”, engadiu Picos dun traballo que, nese senso, abrangue tamén “algunhas caracterizacións do que pasou”, de que zonas arderon nos últimos incendios e da caracterización deses montes,. Traballos que xa se están a levar a cabo co propósito de dotar de información concreta aos expertos e expertas. Deste xeito, o obxectivo final, engadiu, é elaborar un documento cunha serie de “conclusións que estean ao servizo da cidadanía” que poidan ser aplicadas tanto polas administracións como por comunidades de montes e propietarios forestais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 José

Si ho si, Juan Picos, todo un genio..., o que di que é o mercado o que despraza o sector lácteo e á gandería de terras que son plantadas a eucalipto e se queda tan pancho..