Mostras, música ou carreiras para homenaxear as Letras Galegas da "galega de vocación" María Victoria Moreno

Unha gran exposición itinerante percorrerá 11 localidades galegas, dentro dunha programación "ambiciosa" que agrupa institucións e empresas

Santiago de Compostela | 14/03/2018 | Actualizada ás 14:20 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Iniciativas no ámbito musical, expositivo, cultural, literario ou deportivo encherán os actos de homenaxe á figura de María Victoria Moreno, a escritora á que se dedica o Día das Letras Galegas 2018 e que, a pesar de ser "estremeña de orixe", foi "galega de vocación".

Fotos Xunta. Rp. Letras Galegas
Fotos Xunta. Rp. Letras Galegas | Fonte: Europa Press

Así o explicou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, durante a súa participación en Santiago na presentación do "ambicioso programa" de actividades para difundir e lembrar a figura de María Victoria Moreno, da que destacou, ademais do seu papel literario, a súa implicación no ámbito educativo.

Este programa de actividades, que agrupa iniciativas de diversos ámbitos e estenderase até final de ano, está organizado, ademais de por a Consellería de Cultura, pola Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e a CRTVG.

Román Rodríguez explicou que este programa está pensado para "difundir e pór en valor o legado" dunha das "pioneiras da literatura infantil e xuvenil en Galicia" e cuxa figura "demostrou que non hai límites para aprender unha lingua".

Do mesmo xeito, o presidente da RAG, Víctor Freixanes, destacou o seu papel de profesora, a súa intención de "alimentar o país de textos e material para os escolares" e a súa obra "dirixida a un público especialmente relevante: os lectores novos".

Pola súa banda, Ramón Villares, presidente do CCG, puxo de manifesto que a elección de María Victoria Moreno para as Letras Galegas de 2018 evidencia "a capacidade da cultura galega de incorporar a aqueles que son alóctonos como autóctonos".

No acto participou tamén o viúvo da escritora, Pedro Ferriol, que quixo mencionar que María Victoria Moreno foi "represaliada durante a ditadura" franquista, que "censurou algúns dos seus libros" e "sufriu persecución" na súa libraría de Pontevedra na que "se lían libros prohibidos".

UNHA EXPOSICIÓN CENTRAL

Entre outras actividades, está prevista unha exposición central conmemorativa, de carácter itinerante, baixo o título 'María Victoria Moreno. Paisaxes e personaxes', comisariada polo ilustrador David Pintor e que percorrerá 11 concellos galegos do catro provincias.

Esta mostra, que se iniciará na última semana de abril en Santiago, está configurada como unha galería de relatos de personaxes dos libros da autora e de paisaxes onde María Victoria Moreno situou as súas obras. Tras Compostela, a exposición viaxará a Pontevedra, Vigo, Ourense, A Coruña, Ferrol, Sanxenxo, Ordes, Vilalba e Celanova.

Do mesmo xeito, institucións como o Museo Pedagóxico de Galicia, as bibliotecas públicas Miguel González Garcés (A Coruña) e Juan Compañel (Vigo), e o Museo Etnográfico de Ribadavia (Ourense), acollerán mostras bibliográficas centradas na figura da autora, así como talleres específicos para promover hábitos lectores a través de actividades de animación.

ÁMBITO EDUCATIVO E REDES

No ámbito educativo, despregaranse por preto de 2.000 puntos de Galicia e do exterior os proxectos escolares gañadores do Concurso-Exposición Letras Galegas 2018, no que participaron centros educativos de toda a Comunidade.

A maiores, celebraranse outras iniciativas como a IV Xornada do Día das Letras Galegas, dedicada a María Victoria Moreno e destinada ao profesorado. O salón de actos da RAG acollerá en novembro dúas xornadas dedicadas á autora, nas que se profundará na súa obra e figura, especialmente destinado a docentes; e Matrioshka Teatro levará a escolares de 10 concellos a proposta escénica 'Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos', que percorre a vida e obra de Moreno.

Na rede, institucións como a Real Academia Galega, o portal de Bibliotecas Escolares ou o Portal das Palabras porán a disposición dos seus usuarios materiais sobre a homenaxeada. A CRTVG incluirá información e contidos online e difundirá a figura de María Victoria Moreno a través da radio e a televisión en distintos espazos.

Política Lingüística promoverá o 10 de maio no Teatro Colón da Coruña e centros coruñeses o VII Festival de Arte pola Igualdade, que lembrará tamén a figura de Maria Victoria Moreno. O 16 de maio terá lugar en Pontevedra o Concerto das Letras 2018 e o Museo de Castro de Viladonga programará, o 17 de maio, un concerto do grupo Crave de Fado tamén dentro desta programación.

INICIATIVAS DE PARTICIPACIÓN SOCIAL

O gran volume de iniciativas xorde do traballo "transversal e colaborativo" entre distintas institucións e empresas e a familia da autora, que dan lugar a un nutrido conxunto de iniciativas de participación social, entre as que se atopa a V Carreira Camiño das Letras.

Do mesmo xeito, haberá campañas de difusión da figura da autora de Feiraco, Vegalsa-Eroski ou Pousadas de Compostela; accións coa operadora Renfe nas estacións de nove localidades e nos trens Avant e MD galegos; e a iniciativa 'Eu Conto', da Cidade da Cultura, que, a partir da obra 'Eu Conto, ti cantas', convidará a unha lectura participativa.

A maiores, entre outras iniciativas, tamén se celebrará o VIII Concurso de Carteis do Día das Letras Galegas na biblioteca Ánxel Casal de Santiago e talleres e contacontos en distintos puntos da Comunidade.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta