Catro deputados cambiaron de coche o primeiro ano de Lexislatura e unha parlamentaria declara case 33.000 euros do Gordo

O vicepresidente do Parlamento amortizou 30.000 euros de hipoteca e traspasou 45.000 euros ao seu plan de pensións

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/03/2018 | Actualizada ás 17:10 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Catro deputados do Parlamento de Galicia cambiaron de coche no primeiro ano da X Lexislatura, que arrincou a finais de 2016 após revalidar Alberto Núñez Feijóo por terceira vez a súa maioría absoluta.

Hemiciclo galego no arranque da X Lexislatura
Hemiciclo galego no arranque da X Lexislatura | Fonte: Europa Press

Mentres, unha parlamentaria de Lugo declarou case 33.000 euros que lle tocaron cunha participación da Lotaría Nacional de Nadal e o vicepresidente da Cámara amortizou 30.000 euros de hipoteca e traspasou 45.000 euros ao seu plan de pensións.

Os 75 deputados da Cámara galega teñen obrigación de presentar a súa declaración de bens patrimoniais ao comezo da Lexislatura, así como de comunicar os cambios á Comisión do Estatuto do Deputado, que segue sendo a porta pechada aínda que agora o Regulamento obriga a publicar o contido.

Así, segundo figura na última publicación do Boletín Oficial do Parlamento (BOP), ao que accedeu Europa Press, catro deputados --dous do BNG e dous do PPdeG-- compraron ou cambiaron os seus coches neste primeiro ano de Lexislatura.

Concretamente, trátase de Luís Bará e Montse Prado, do BNG; e Marta Rodríguez-Vispo e Daniel Varela, do PPdeG, quen renovaron ou adquiriron un vehículo entre setembro de 2017 e xaneiro de 2018.

LOTARÍA, AMORTIZACIÓN HIPOTECA E PLAN DE PENSIÓNS

Pola súa banda, a deputada do PP por Lugo Sandra Vázquez Domínguez foi unha das vilalbesas agraciadas co Gordo da Lotaría de Nadal, que en decembro de 2017 caeu na localidade natal do expresidente Manuel Fraga. Na declaración feita ante a comisión o pasado 27 de febreiro, a parlamentaria declarou unha participación premiada con 32.851 euros.

Finalmente, o vicepresidente do Parlamento, o popular Diego Calvo, tamén modificou a súa declaración de bens, tras amortizar neste período 30.000 euros da hipoteca, da que quedan pendentes 288.006 euros. Ademais, vendeu as súas accións de Repsol, por valor de 4.059,67 euros e achegou 45.000 euros ao seu plan de pensións.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta