Temas: MONFORTE

A Feira Medieval, cita obrigada con Monforte na Semana Santa

O evento que o Goberno municipal quere consolidar como unha das citas imprescindibles para Monforte cumpre dezaseis anos e terá lugar o 31 de marzo e o 1 de abril. Nesta edición aumentan os postos e os espazos que acollerán as actividades.

Por X.M. Fernández | Monforte de Lemos | 22/03/2018 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Proba da implicación do Concello co evento é a dotación económica que se verá incrementada este ano en 6.000 euros para as actividades. O orzamento final achegarase aos 60.000.

Presentación da XVI Feira Medival de Monforte
Presentación da XVI Feira Medival de Monforte

Unha das novidades desta edición é o espectáculo Refundación que terá como escenario a Praza de España, o sábado 31, ás 12 horas e que representará a compañía Queiman e Pousa. O Alcalde, José Tomé, explica que “con esta novidade queremos conmemorar que no ano 1.104 os Reis de España concederon aos señores de Lemos o título de cidade e tamén a posibilidade de celebrar feiras e mercados”.

Outro dos grandes atractivos será o espectáculo A lenda das meigas que se celebrará na zona do cruceiro da Praza de España para facilitar a visión dende todos os ángulos ao numeroso público que se concentra neste lugar cada ano na Feira Medieval. Será o sábado 31 ás 21 horas.

Tamén na Praza España estará o campamento medieval, coa Asociación de Recreación Histórica Cabaleiros de Ulver, que este ano amplía o número de tendas e de actividades. Neste campamento, o público atopará exposición de armas, de panoplias militares, de cascos, indumentaria civil e utensilios medievais. Tamén haberá obradoiros demostrativos e participativos para o público.

Unha das actividades preferidas polo público e que terá continuidade é a celebración das xustas medievais. Os cabaleiros, escudeiros e soldados realizarán un gran torneo medieval no Campo de Terra dos Escolapios.

Cartel da Feira Medieval 2018
Cartel da Feira Medieval 2018

E como cada ano, diferentes actuacións de rúa animarán os diferentes espazos da feira: grupos de música medieval e tradicional, bufóns, trobadores, meigas, cabaleiro medieval, zancudos...

Novos espazos da Feira

Outra das novidades deste ano é a ampliación de espazos para dar acollida ás actividades da feira e estender así a zona de influencia a emprazamentos públicos que forman parte da zona vella da cidade. A cetrería, exhibición de aves de rapiña, por exemplo, farase na praza Campo de San Antonio aproveitando que é un espazo amplo, aberto e libre de cables que facilitará o voo das aves e evitaralles situacións de estres.

Outro dos espazos que acollerá por primeira vez actividades da feira será a Praza das Madres Clarisas, alí situarase o campamento infantil medieval. Neste campamento haberá nove xogos diferentes para os máis pequenos. Por exemplo, haberá un torneo medieval, zancos ou o xogo da rá.

Nesta décimo sexta edición da Feira Medieval o Concello levará o peso da organización e contará coa colaboración da Asociación de Artesáns de Monforte ao igual que o ano pasado.

Incremento do número de postos

Este ano haberá 117 postos, son 17 máis que o pasado ano. Desta cantidade, máis de medio cento serán paradas de artesáns “certificados” e unha trintena estarán relacionados coa alimentación. O zoco gastronómico emprazarase dende o Mercado de Abastos ata a parte alta da zona vella dirección ascendente cara a torre da homenaxe.

Temas: MONFORTE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta