Temas: SERGAS

O Sergas aumenta o gasto en papel e pagará case un millón de euros en folios mentres a Xunta busca reducir o seu uso

O Servizo Galego de Saúde gastará 950.328 euros na contratación da subministración sucesiva de papel DIN A4, cun aumento do 6,4% respecto aos anos 2016 e 2017. Hai apenas un mes, Feijóo anunciaba a Lei de Administración Dixital para reducir a cero o consumo de papel.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 21/03/2018 | Actualizada ás 14:09

Comparte esta noticia

O malgasto en papel na Administración galega continúa, malia os plans da Xunta de reducir o seu consumo. Apenas un mes despois de anunciar o Goberno galego a Lei de Administración Dixital para reducir a cero o consumo de papel, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) anuncia un gasto de nada menos que prreto dun millón de euros en folios.

Papelame.
Papelame.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de facer pública a resolución do 1 de marzo de 2018, da Dirección Xeral de Recursos Económicos, pola que se anuncia a licitación da contratación da subministración sucesiva de papel DIN A4 branco, para o seu uso en fotocopiadoras, impresoras, equipamentos de fax de papel non térmico e equipamentos multifuncionais.

O valor estimado deste contrato é de 950.328 euros, isto é, 57.116,16 euros máis que en 2016 e 2017, cando se licitou un contrato por 893.211,84 euros, cun aumento do gasto do 6,4%

Este gasto millonario en papel é censurado pola Asociación de Médicos Interinos de Galicia (ASMIG), que insta o Sergas a "revisar de forma inmediata" esta compra de folios A4 por un importe total de 950.000 euros.

ASMIG pide ademais ao Sergas que "inclúa os cambios informáticos pertinentes para evitar o enorme malgasto de papel que cada día se produce na sanidade pública" e lembra que "con ese enorme investimento se poderían adquirir ata 400.000 paquetes de 500 folios, o que de xeito evidente é un enorme disparate".

O anuncio deste gasto de case un millón de euros en folios chega cando hai apenas un mes o Goberno galego avanzaba os detalles do anteproxecto da Lei de Administración Dixital que debería contribuír a reducir o consumo de papel na Administración Pública. 

O propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, dicía: "Con este texto seguimos cumprindo o calendario lexislativo que nos demos a principios de lexislatura; imos darlle rango de lei á modernización interna e externa da Xunta", proclamou Feijóo, quen se reafirmou no obxectivo de que a Administración autonómica poida traballar con "cero" papeis a partir deo ano 2020.

A aprobación deste anteproxecto supón a adaptación da Administración galega ás obrigas establecidas na normativa estatal, pero tamén aspira a mellorar estas esixencias e "consolidalas en rango de lei".

Con todo, o Sergas vai contracorrente e aumenta o gasto en papel.

Temas: SERGAS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta