Temas: XUSTIZA FOLGA

A folga da Xustiza camiña cara aos dous meses sen unha solución á vista

Os xuízos e os trámites suspendidos cóntanse por miles, mentres Xunta e sindicatos manteñen posturas afastadas. Os folguistas anuncian unha "gran manifestación" en Compostela o 7 de abril.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/04/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A folga indefinida iniciada polo sector xudicial galego o pasado 7 de febreiro camiña cara aos dous meses sen unha solución á vista, mentres as actuacións suspendidas en xulgados e rexistros civís cóntanse por miles: segundo estimacións sindicais, máis de 17.000 xuízos e de 50.000 trámites foron aprazados neste tempo.

Xulgado baleiro na primeira folga da xustiza en Galicia
Xulgado baleiro na primeira folga da xustiza en Galicia | Fonte: Europa Press

Coa actividade paralizada en numerosos órganos xudiciais de todo o país, o conflito que deu pé a este paro mantense enquistado e as posturas das dúas partes implicadas —Xunta e comité de folga (no que están representados SPJ-USO, Alternativas na Xustiza-CUT, UXT, STAJ, CSIF, CIG e CC.OO.)— parecen aínda moi afastadas.

De feito, despois da reunión do pasado luns na que se volveron romper as negociacións, os ataques endurecéronse. A Xunta insta os sindicatos a someter a votación dos traballadores a súa oferta e o comité advertiu que non dará este paso cunha proposta que consideran "indigna e indecente".

No foco da polémica, por mor de queixas de cidadáns por atrasos na inscrición de recén nados e na certificación de falecementos, está unha aclaración da Xunta dos servizos mínimos, que provocou malestar dos sindicatos.

Pola súa banda, os dirixentes da Administración inciden en que os funcionarios fixeron dúas "emendas á totalidade" aos sindicatos: a primeira, ao votar maioritariamente nas asembleas que se podía baixar a súa esixencia de 190 euros máis ao mes de suba salarial —finalmente, no último encontro, reducírona aos 180 euros—, e a segunda, ao responder "só o 30% dos traballadores" ao chamamento de remitir á Xunta escritos rexeitando expresamente a súa oferta.

Dirixentes de sindicatos censuran a "manipulación" do Executivo galego e vinculan que "dispare a todo" co seu "temor" polo "alto que se mantén o seguimento" a pesar de acumular xa case máis de 50 xornadas de folga e ao "pau" nas nóminas. Apuntan tamén, sobre un novo encontro para volver falar, que lle toca "mover ficha" á Xunta.

Se non hai acordo antes, xa avanzaron que conmemorarán o arranque do paro indefinido o vindeiro sábado, 7 de abril, data na que se cumpren dous meses, cunha "gran manifestación" en Santiago de Compostela.

PROPOSTAS

Sen data para un novo encontro para tentar desatascar o conflito, a Xunta mantén sobre a mesa unha proposta que se traduciría nunha suba salarial de 135 euros ao mes para forenses, 133 para xestores, 108 para tramitadores e 105 para corpos de auxilio.

O comité de folga, que representa a un colectivo duns 2.700 funcionarios, rebaixou a súa esixencia de 190 a 180 euros lineais para todos os corpos con efectividade en dúas anualidades. O primeiro ano percibiríase o 70 por cento (126 euros) e o segundo ano, o 30 por cento (54 euros). Piden tamén unha cláusula de revisión anual con índice corrector e un plan de recuperación do traballo perdido.

A Xunta, quen ve "inasumible" esta proposta, lamenta que se incorporaron novas peticións, como rebaixar de tres a dúas anualidades o período para facer efectiva a suba, ou o tipo de cláusula que introducen os sindicatos.

En canto ao resto de demandas, no último encontro tamén se falou das amortizacións, outra reivindicación na que non hai acordo, aínda que si se aproximaron as posturas no que respecta ás baixas por incapacidade temporal (IT), substitucións e reforzos.

Temas: XUSTIZA FOLGA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta