Ultima hora incencios.- Controlado 15 días despois o lume do Larouco, o maior da historia

Seguen activos os focos de Avión (Ourense) e A Pobra do Brollón (Lugo), e queda extinguido o da Fonsagrada.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 28/08/2025 | Actualizada ás 10:03

Comparte esta noticia

A loita contra os incendios en Galicia segue avanzando e a situación volveu a mellorar nas últimas horas, nas que a Consellería de Medio Rural deu por controlados outros tres incendios na provincia de Ourense, entre eles o maior lume rexistrado na historia da comunidade, o de Larouco, cunhas 30.000 hectáreas afectadas.

Así, segundo o último 'parte' feito público polo departamento autonómico, actualmente seguen activos dous incendios: o que afecta o municipio ourensán de Avión, iniciado na tarde do pasado domingo e cunhas 250 hectáreas afectadas polo momento; e na provincia de Lugo, o do A Pobra de Brollón, que se activou ao mediodía do luns e que obrigou a activar a situación 2 de emerxencia, xa desactivada. Este incendio forestal leva queimadas unhas 900 hectáreas.

Mentres, o resto de incendios atópanse estabilizados ou controlados. A principal novidade sitúase na provincia de Ourense, onde se avanzou no control do maior incendio, o que queimou unhas 30.000 hectáreas en Larouco. Igualmente, nas últimas horas déronse por controlados os lumes de Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita, mentres que o foco de Vilariño de Conso segue estabilizado), con 19.000 hectáreas afectadas, e Carballeda de Avia-Beade, con 4.000 hectáreas.

Tamén na provincia de Ourense seguen controlados os incendios da Mezquita (10.000 hectáreas), Oímbra-Xinzo de Limia (17.000 hectáreas), Vilardevós-Vilar de Cervos (900 hectáreas), Montederramo (120 hectáreas), e Maceda (3.500 hectáreas); mentres que continúa estabilizado o incendio de Carballeda de Valdeorras-Casaio (5.000 hectáreas).

Na provincia de Lugo, segue activo o da Pobra do Brollón e extinguiuse o incendio da Fonsagrada, na parroquia de San Pedro de Río, tras queimar 53,47 hectáreas. Na súa extinción participaron (medios acumulados) 2 técnicos, 17 axentes, 30 brigadas, 28 motobombas, 2 pas, 3 helicópteros e 4 avións.

Varios bombeiros forestais tratan de extinguir un lume
Varios bombeiros forestais tratan de extinguir un lume | Fonte: incendios - Adrián Irago - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta