Ao César o que lle pertence

Obxectivamente non hai quen poida negar o grandísimo traballo desenvolvido por moitas entidades e persoeiros católicos a prol da paz, da integración social e dun mundo mellor. Velaí os casos de Caritas, Mans Unidas ou Proxecto Home, da loita contra as minas antipersoas do bispo xesuita Kike Figaredo en Cambodia ou do labor silente do salesiano galego José Antonio San Martín na recuperación para a sociedade de ducias de rapaces e rapazas antes encadrados nas guerrillas colombianas.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 01/04/2018

Comparte esta noticia
Mais esta vizosa realidade non pode agachar a grave responsabilidade da Igrexa Católica no seu apoio aon fascismo italiano e ao franquismo español,  na represión da liberdade sexual e subordinación das mulleres e na súa actitude ambivalente, cando non cómplice, nos casos de abusos sexuais a menores por parte de eclesiásticos. Responsabilidades todas que a Igrexa ha recoñecer e que semella que, baixo a dirección do Papa Bergoglio, quere enfrontar, malia que, quizais, non coa dilixencia e celeridade esixíbeis.
 
A liberdade relixiosa esixe a aconfesionalidade . É dicir, que os Poderes e Administracións Públicas non teñan relixión oficial, polo que non é constitucional que alcaldes, conselleiros ou ministros asistan no exercicio dos seu cargo – e si como cidadáns- a procesións, votos, ofrendas ou misas, por moita tradición que teñan. Esa presenza era historicamente comprensíbel cando Europa era a “universitas christiana”, antes da laicidade traída polas  revolucións liberais e democráticas, mais non agora. Católicos, xudeus, agnósticos e ateos teñen o mesmo dereito a percebir neutrais aos Poderes Públicos.
 
Mais esta aconfesionalidade ha de se entender en clave de laicidade positiva e non de laicismo. É dicir, que os Poderes Públicos han colaborar coas confesións relixiosas dentro da lei e as manifestacións relixiosas poden ocupar  os espazos públicos, sen ter que se cinguir ao ámbito privado. Velaí a plena compatibilidade  das procesións de Semana Santa cunha aconfesionalidade democrática.
 
Porén, o que sobarda todas as regras democráticas do Estado de Dereito é que catro ministros asistan a unha procesión onde se defenden valores autoritarios e militaristas incompatíbeis coas liberdades e coa mensaxe actualizada da Igrexa que hoxe dirixe Bergoglio. 
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.