PSdeG e BNG pedirán explicacións á Xunta despois da morte da turista nas Catedrais

Institucións valorarán nunha reunión as "medidas a tomar" como sinalización e "maior información aos cidadáns" para adoptar "precaucións"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/04/2018 | Actualizada ás 12:30

Comparte esta noticia

O PSdeG e o BNG anunciaron que rexistrarán iniciativas no Parlamento de Galicia para requirir explicacións á Xunta. Isto acontece logo da morte dunha turista o sábado polo desprendemento dunha rocha na Praia das Catedrais, no municipio de Ribadeo (Lugo).

Foto de arquivo da Praia das Catedrais
Foto de arquivo da Praia das Catedrais | Fonte: Europa Press

As parlamentarias por Lugo Concepción Burgo, do PSdeG, e Olalla Rodil, do BNG, expresaron publicamente as súas condolencias á familia da moza falecida polo desprendemento dunha pedra o pasado sábado no areal das Catedrais.

Burgo manifestou que o PSdeG vai rexistrar "iniciativas" a este respecto, xa que "non" entenden "por que se produciu unha situación de tal calibre". "Porque os expertos como vimos nos medios de comunicación xa advertían que podía suceder algo semellante, que non existían suficientes garantías sen presupor nada a priori", abundou. Por iso, insta o Goberno galego a que ofreza "explicacións do que fixo, de como se revisaron eses cantiis, e do que se vai a facer" no futuro.

"Teñen que dar explicacións da súa total ineficacia como vimos esta fin de semana en que, a pesar de todo, seguíronse dando autorizacións para entrar nas Catedrais cando estaba pechada a praia. Hai moitos puntos por esclarecer neste desgraciado accidente", declarou Burgo.

MEDIDAS

A parlamentaria do BNG Olalla Rodil tamén avanzou que van rexistrar "preguntas no parlamento para pedir explicacións á Xunta". "Sobre todo interesarnos polas medidas que se adoptaron nos últimos meses e aquelas que prevén adoptar a partir de agora para garantir a seguridade dos que visitan ese areal e o parque de Augas Santas, sobre todo polos efectos que teñen os temporais sobre ese espazo", explicou. "Queremos saber se se valorou o risco, se estiveron os técnicos antes de que acontecese ese desgraciado accidente, para ver en que estado estaban os arcos e as covas", indicou Rodil.

Desde a Subdelegación do Goberno en Lugo, o subdelegado Ramón Carballo asegurou que "todo apunta a un desgraciado accidente, de mala sorte". "Nunca se produciu nesa praia un accidente desas características", lamentou. Ramón Carballo ratificou que a Guardia Civil xa concluíu os labores de inspección, que sobre todo realizou o domingo. Agora é o Xulgado de Instrución Número 1 de Mondoñedo o que debe decidir continuar ou non a investigación sobre o accidente do sábado. A Guardia Civil, polo seu lado, remitiu ao xulgado un informe sobre o lugar, e tamén a autopsia que se lle práctico á vítima no Hospital Universitario Lucus Agusti (HULA).

O subdelegado do Goberno en Lugo avanzou que nos próximos días convocarase unha reunión, con presenza do Concello de Ribadeo, da Xunta e do Estado, a través de Costas, para "valorar que medidas tomar". Entre elas a sinalización e unha "maior información aos cidadáns para tomar precaucións e que non se volvan a producir este tipo de accidentes".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta