Temas: XUSTIZA

Agrávase o conflito na Xustiza, agora con protestas de xuíces e fiscais

Piden en todo o Estado a recuperación dos permisos, independencia xudicial e fiscal e a modernización da Administración. As mobilizacións chegan en Galicia en plena folga dos funcionarios da Xustiza.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 03/04/2018 | Actualizada ás 20:55

Comparte esta noticia

Xuíces e fiscais de todo o Estado inician mobilizacións este mércores e xoves para esixir melloras laborais. En Galicia, este novo conflito engádese ao que manteñen os funcionarios do sector xudicial, en folga indefinida desde o pasado 7 de febreiro.

Xulgados De Santiago, En Fontiñas
Xulgados De Santiago, En Fontiñas

As asociacións de xuíces e fiscais e os sindicatos de funcionarios CSIF e STAJ son os que convocan concentracións ante o Ministerio de Xustiza e os xulgados para este mércores e xoves. Os primeiros en parar son os funcionarios, que se concentran, ás 13.00 horas deste mércores para protestar pola "actitude" do ministro Rafael Catalá e o seu equipo ministerial fronte ás súas reivindicacións. Segundo STAJ, este departamento non cumpre o acordo de decembro de 2015 asinado cos sindicatos para mellorar as condicións de traballo e resalta que "continúa coa súa actitude de non negociar, a pesar de que a lei lles obriga".

Do mesmo xeito, tachan de "mentiras evidentes" as 50 emendas que presentou o PP no Congreso dos Deputados á Proposición de Lei para a reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial (LOPJ), porque se supuña que "ía ser un trámite urxente" para a devolución dos permisos aos funcionarios de xustiza e Xuíces e fiscais.

XUÍCES E FISCAIS ÁS PORTAS DOS XULGADOS

Na seguinte xornada, este xoves, serán os xuíces e fiscais os que saian á mesma hora ás portas de todas as Audiencias Provinciais e xulgados de España, onde o decano, fiscal xefe provincial ou algún xuíz ou fiscal designado lerán un manifesto no que piden ás Cortes Xerais, ao Goberno e ao Consello Xeral do Poder Xudicial que con "urxencia" se acorden as seguintes medidas para reforzar a independencia xudicial: modernizar a Administración de Xustiza; racionalizar a planta xudicial e mellorar as condicións profesionais, entre outras cousas.

Con estes actos dáse inicio ao calendario de mobilizacións que xa anunciaron o pasado 5 de marzo as catro asociacións de xuíces -Asociación Xudicial Francisco de Vitoria, Asociación Profesional da Magistratura, Xuízas e Xuíces para a Democracia e Foro Xudicial Independente-- e as tres de fiscais -Asociación Profesional e Independente de Fiscais, Asociación de Fiscais e Unión Progresista de Fiscais--.

LECTURA DUN COMUNICADO

No comunicado que se lerá ás portas dos xulgados, tamén se fai referencia á LOPJ, pois non só se pide o "impulso inmediato" da modificación desta normativa para a recuperación dos permisos e medidas de conciliación da carreira xudicial e fiscal, senón a retirada desas 50 emendas que "coartan o exercicio da función xudicial e baleiran certas competencias ao órgano de goberno dos xuíces.

De feito, as asociacións esixen a presentación dun proxecto ou proposición para a reforma desta lei no que respecta ao Consello Xeral do Poder Xudicial para garantir que a elección dos seus vogais sexa directamente polos xuíces e maxistrados e que se asegure "a igualdade de xénero e a representatividade".

Entre outras cousas, os xuíces e fiscais piden ao Ministerio de Xustiza un plan de investimento "suficiente e prolongado" para convocar polo menos 300 prazas co fin de incrementar a planta xudicial e fiscal e poder equiparala á media europea. Tamén piden a convocatoria "inmediata e formal" da Mesa de Retribucións co obxectivo de recuperar o nivel salarial perdido en 2010 e adecuar a retribución á responsabilidade inherente á función.

Con respecto ao Ministerio Público, interésase que se derrogue o sistema de prazos máximos de instrución mentres non se dote dos medios necesarios ao efecto; o reforzo da independencia da Fiscalía e a súa autonomía orzamentaria, así como que sexa a propia Fiscalía Xeral do Estado quen forme aos seus integrantes.

Temas: XUSTIZA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta