(Vídeo) "Por riba de min": cando as mascotas son máis que compaña

Para Pablo, Miguel, Sabela e Noa, os seus cans e gatos son familia de verdade. Compañeiros que están cando se lles necesita, que dan sentido á rutina e que cambian a vida para sempre. Historias cheas de afecto e sinceridade que demostran que o vínculo coas mascotas é tan profundo como calquera relación humana.

Por Elena G.Fdz | Santiago de Compostela | 24/08/2025 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

A quen lle preguntas o que é a familia, probablemente fale de persoas unidas por sangue ou legalmente. Pero para moitas persoas, esa definición queda curta. Porque hai presenzas que acompañan, que dan sentido, que sosteñen —e non son humanas. Cans e gatos, para moitas e moitos, non son mascotas: son familia.

Ratchet e Tikki, gatos de Miguel
Ratchet e Tikki, gatos de Miguel | Fonte: Cedida-Miguel

Nesta reportaxe falamos con catro persoas que comparten a súa vida con animais. Nas súas voces, cheas de afecto e honestidade, non hai lugar para a ambigüidade: non é só que os coiden, é que non conciben a súa vida sen eles. A súa presenza é rutina, é alegría, é apoio emocional, é responsabilidade escollida, é amor. A relación non é unidireccional: “Están para min cando o necesito, e eu estou para eles.

“ESTÁN POR RIBA DE MIN": PRIORDADE AFECTIVA

Pablo convive con dúas gatas que o acompañan cada día. A súa resposta é rotunda e clara:
“Son o máis importante da miña vida. Por riba de todo. Mesmo por riba de min.”
E explica que esa prioridade é constante, total: “Cando estou mal, saben que estou mal. E quedan comigo, acompañándome.” Non é unha percepción idealizada, senón unha vivencia cotiá. Elas, di, ”deronme moita vida.”

A súa conexión vai máis alá da compañía: é emocional, é fonda. “Vai doer moito cando falten. Pero tamén sei que todo o que me deron quedará comigo. Que me mudaron.” Esa idea de transformación a través do coidado é central: Pablo non fala só de afecto, fala de identidade. Del mesmo antes e despois das gatas.

RUTINAS COMPARTIDAS, VIDAS ENTRELAZADAS

Miguel vive con dous gatos, Tikki e Ratchet. A súa relación é de convivencia real, de rituais cotiáns que estruturaron a súa vida. Son parte da miña rutina e eu da súa. Sempre me espertan para almorzar. Sempre se deitan comigo.” A maneira na que o di transmite unha verdade sinxela: a vida diaria está construída con eles, arredor deles.

Contou un momento que o marcou especialmente: “Un día fun buscar a Ratchet ao veterinario e Tikki quedou só. Cando volvemos, Tikki abrazou a Ratchet. Literalmente púxolle as patas enriba e ronroneou. Nunca esquecerei iso.” Este tipo de lembranzas —pequenas, íntimas, profundamente emotivas— son parte da memoria compartida. Como con calquera membro da familia. E el recorda esa escena cunha emoción palpable.

Engade tamén algo que repiten os demais entrevistados: “Son un apoio emocional incrible.” A súa presenza vai máis alá do físico: tamén confortan, tamén acompañan emocionalmente. 

“MOITAS VECES DECIDO QUEDAR POR ELA"

Sabela vive con Milka, a súa cadela. Fala dela con delicadeza e fondura: “É como unha nena pequena. Se estou enferma, ten que estar comigo. Sabe cando estou triste e non se me separa. Sabe cando estou contenta e brinca comigo. Ten unha intelixencia emocional que moitas persoas non teñen.”

Para ela, Milka non é unha compañía pasiva, senón unha presenza que reacciona, que interpreta o seu estado emocional e o acompaña. Esa percepción é común entre persoas que conviven con animais: recoñecen en eles unha forma de empatía.

Iso tamén implica tomar decisións: “Moitas veces decido quedar por ela. Non vou a ningún sitio onde non poida ir con ela ou deixala nun lugar de confianza.” Fala do coidado con liberdade e responsabilidade, sen dramatismos. Non o vive como un sacrificio, senón como algo natural. Como quen cuida dunha filla. Porque, como di, “é como unha nena pequena.”

E hai momentos sinxelos que teñen moito significado: “Un día púxome a súa pata enriba da man. E quedei así con ela, un bo anaco.”Non fan falta palabras. Hai unha linguaxe emocional profunda que se expresa co corpo, co estar presente.

“SEMPRE ESTÁ AÍ"

Noa vive con Pisco, un gato que chegou á súa vida sen buscalo e acabou por ser fundamental. “Era do meu compañeiro de piso e ao final quedei con el.” Desde entón, a súa presenza é constante: “É superpegado a min. Acompáñame a todas partes dentro da casa: á cociña, ao baño, ao sofá… Sempre que estou sentada, vén e deita enriba de min.”

Pero o vínculo non é só físico: tamén é emocional. “Cando estou chorando, vén e pon a cabeza no meu ombreiro. Sempre está aí.” A súa maneira de acompañar non é invasiva, non é verbal. É estar. Estar cando fai falta, sen que o pidan. Sen condicións.

Para Noa, pensar na súa ausencia é impensable: “Non quero vivir ese momento. Non me vexo sen el.” Nunha frase curta, expresa algo profundo: a identidade e a rutina están tan entrelazadas que o pensamento de perder a Pisco significa perder parte de si mesma.

NON É UNHA METÁFORA, É LITERAL

A palabra “familia” sae varias veces nas entrevistas, aínda que non sempre dita. Porque está implícita en cada resposta. Nos coidados, nas prioridades, na maneira de falar deles, nas decisións que se toman cada día.

Para Pablo, “son o máis importante da miña vida. Mesmo por riba de min.” Para Miguel, “son parte da miña rutina e eu da súa.” Para Sabela, “ten unha intelixencia emocional que moitas persoas non teñen.” Para Noa, “non me vexo sen el.”

Ningún deles dubida, titubea ou matiza cando fala do vínculo. Non hai xustificacións, nin comparativas con persoas. Porque non se trata de poñer a can ou gato nun pedestal humano, senón de recoñecer que ese vínculo é tan real, tan profundo, tan transformador como calquera relación afectiva.

VÍNCULOS QUE DAN FORMA Á VIDA

Hai quen pensa que os animais son un entretemento, unha responsabilidade secundaria, algo do que se pode prescindir. Esta reportaxe mostra o contrario. Son presenza. Son apoio emocional. Son acompañamento real. Son, como din as testemuñas, familia.

Hai moitas formas de estar no mundo. E hai moitas formas de construír lazos. As persoas entrevistadas deixan claro que os seus cans e gatos non son un anexo, senón unha parte central da súa vida emocional. E quizais por iso, cando falan deles, non o fan desde a posesión, senón desde o amor. Un amor que non precisa ser explicado, só vivido.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta