Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/08/2025 | Actualizada ás 22:39
A provincia de Ourense, onde está activa a Situación 2, rexistrou un novo incendio forestal no municipio de Avión, concretamente na parroquia de Nieva. Actualmente, con este último foco son tres os incendios que permanecen activos en Galicia, todos eles localizados en territorio ourensán.
Segundo os últimos datos facilitados pola Consellería do Medio Rural, o lume de Avión comezou sobre as 17.09 horas deste domingo e afecta xa a 20 hectáreas. Nesta onda de incendios que afecta a Galicia desde hai máis de dúas semanas, permanecen tamén activos os lumes de Chandrexa de Queixa e Vilariño, que afecta a 19.000 hectáreas e ten unha evolución favorable, e o Carballeda de Valdeorras, parroquia de Casaio, que aumenta afecta a 4.400 hectáreas.
Así mesmo, permanecen estabilizados os lumes de Larouco, parroquia de Seadur (30.000 hectáreas calcinadas en territorio galego); o de Oímbra e Xinzo de Limia, nas parroquias da Granxa e Gudín (17.000 hectáreas); o da Mezquita, parroquia da Esculqueira (10.000 hectáreas); en Carballeda de Avia e Beade (4.000 hectáreas); en Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervos (900 hectáreas); e o de Vilaboa, parroquia de Santa Cristina de Cobres (70 hectáreas).
Na tarde deste domingo, sobre as 15.56 horas, quedou controlado o incendio forestal que afecta o concello de Riós, na parroquia de Fumaces e a Rube, que calcina 100 hectáreas. Tamén están controlados os de Maceda, nas parroquias de Santiso e Castro de Escuadro (3.500 hectáreas); o de Vilardevós, parroquia de Moialde (600 hectáreas; o de Montederramo, parroquia de Paredes (120 hectáreas); o de Riós, parroquia de Trasestrada (40 hectáreas); e o de Carballedo, parroquia da Cova (100 hectáreas).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.