Xubilados venezolanos critican que Feijóo non os reciba

Din que outras comunidades como Cataluña e Asturias teñen "maior sensibilidade social" ante o seu "drama" que o Goberno galego.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/04/2018 | Actualizada ás 22:18

Comparte esta noticia

A Asociación de Pensionados e Xubilados de Venezuela en Galicia queixouse da "negativa" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a recibilos, á vez que critican que outras comunidades como Cataluña e Asturias teñen "maior sensibilidade social" ante o seu "drama" que o Goberno galego.

Venezolanos maniféstanse en Santiago en defensa de Capriles
Venezolanos maniféstanse en Santiago en defensa de Capriles | Fonte: Europa Press

Esta asociación reprocha que a Xunta se escude en motivos de "axenda" de Feijóo —nunha carta remitida esta semana polo secretario xeral de Presidencia, Manuel Galdo— para denegarlles unha entrevista na que poder explicarlle ao titular do Executivo autonómico "o drama da falta de pagamento de prestacións de retiro e xubilación" deste colectivo retornado a España desde Venezuela, así como para buscar "posibles accións paliativas" pola súa situación.

Sobre esa carta, os pensionistas venezolanos reprochan que a resposta da Xunta "reflicte tanto o descoñecemento do que se tenta expor, como dos feitos e solucións que están a ocorrer noutras autonomías con maior sensibilidade social".

Así, aseguran que en Cataluña, Asturias, Aragón ou Canarias "si que se chegou a acordos cos afectados", "sen esperar a que sexa unicamente o Goberno central quen decrete unha posible solución a un drama que xa pasa os dous anos, coa súa secuela de miseria, exclusión e desesperanza".

De feito, esta asociación censura que a Xunta remita á Administración central "toda solución ou medidas paliativas" para aqueles venezolanos que viven en Galicia, "excluíndose así toda acción ou responsabilidade autonómica ou municipal, tendente a evitar a exclusión social de persoas maiores residentes en Galicia".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta