O BNG quere unha lei galega de memoria histórica para "recuperar a dignidade" das vítimas do franquismo

Pontón chama a "cambiar a paradigma" que fixo que en España "hibernase" o franquismo e derivase "no réxime do 78".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/04/2018 | Actualizada ás 12:20

Comparte esta noticia

O BNG traballa na elaboración dunha proposición para a creación dunha lei galega de memoria histórica.  Esta norma estaría orientada a "recuperar a dignidade" das vítimas do réxime franquista e das súas familias, segundo avanzou este sábado a líder frontista, Ana Pontón. A mesma voceira do BNG remarcou a necesidade de "cambiar o paradigma" dos últimos 40 anos e emprender "un camiño de verdade, xustiza e reparación".

Xornada do BNG sobre memoria histórica
Xornada do BNG sobre memoria histórica | Fonte: Europa Press

Ana Pontón fixo este anuncio na apertura dunhas xornadas sobre memoria histórica organizadas polo BNG que teñen lugar na mañá deste sábado no Pazo do Hórreo. Alí, xunto á vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e o deputado na Cámara galega Luís Bará; Pontón censurou que o presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, "desmantelase as políticas públicas de recuperación da memoria", ás que "destinou 0 euros" desde a súa chegada a Xunta.

A formación frontista cre preciso que Galicia conte cunha regulación propia que incorpore ao seu ordenamento xurídico "os principios da resolución da ONU de dereito a coñecer a verdade, xustiza e reparación". Isto buscaría pór fin á "impunidade" dos crimes e a represión cometidos polo réxime do ditador Francisco Franco.

Esta proposición de lei incorporaría, segundo sinalou Pontón, a creación dunha "comisión da verdade" e unha oficina de atención ás vítimas. Buscaríase así garantir "a asistencia e acceso á xustiza" das mesmas e o seu dereito a localizar aos seus familiares represaliados.

Sobre memoria histórica  existen medidas de "homenaxe e recoñecemento" como a declaración da Illa de San Simón como "Illa da Memoria" ou a incorporación no calendario oficial do Día da Galicia Mártir (17 de agosto). Pero o BNG tamén propón que se elabore un catálogo dos bens expoliados polo franquismo, como o Pazo de Meirás, as estatuas do Pórtico da Gloria ou a Casa Cornide da Coruña; o que serviría para articular "unha vía" para a súa recuperación para o patrimonio público.

A fronte nacionalista tamén propón "pór fin á impunidade" da que, di, goza a apoloxía do fascismo en España. Para iso, expón a creación dun "réxime sancionador" que imporía multas de entre 3.000 e 9.000 euros ante actos e declaracións que resulten "ofensivas para as vítimas" do réxime totalitario".

"DERIVA REACCIONARIA"

Para Ana Pontón, o Estado español sofre "unha deriva reaccionaria e centralista" que está a colocar a España "no mundo" como un país "totalitario". Con todo, Pontón remarcou  que esta tendencia non é recente nin se trata dunha resposta ao proceso independentista de Cataluña. Para a líder do BNG estas posturas veñen de "moito atrás" como consecuencia da "impunidade" do réxime de Franco, que "hibernou" despois a morte do ditador para converterse "no réxime do 78".

Pontón alertou que "hoxe está en xogo a democracia" nun Estado no que "a separación de poderes non existe" e os xuíces "dedícanse a facer política". Para a voceira nacional do Bloque isto vese retratado nas actuacións xudiciais das últimas semanas en Alemaña ou Bélxica sobre os dirixentes cataláns involucrados no 'Procés', algo que "deixa en evidencia" o funcionamento dun país "no que se persegue a disidencia".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta