Spielberg e as prisións da nostalxia

“Ready Player One”, a máis recente obra do director Steven Spielberg, está situada no ano 2045 e fala sobre un mundo virtual chamado OASIS ao cal entran os amantes dos videoxogos a través dun avatar.

Por Ramón Torrado | Ribeira | 12/04/2018

Comparte esta noticia
O protagonista é un mozo intelixente, nobre e valente chamado Wade. O seu avatar é o carismático Parzival, que ten un notable parecido co cantante Jon Bon Jovi. Wade deberá enfrontarse a numerosos contrincantes para intentar encontrar un fulgurante e cuantioso premio dentro do universo de OASIS, que foi creado por un xenio chamado James Halliday.
 
Os gustos de Halliday, que serven de guías, son na maioría producións culturais populares das décadas dos anos 70 e 80 do pasado século, e emociona que a xuventude actual escoite eses nomes. Habería que parar a imaxe en moitas ocasións para facer unha lista das múltiples alusións a películas, grupos, bonecos e personaxes, que se recoñecen de forma similar ás cancións máis famosas dos artistas veteranos cando volven aos escenarios.
 
Dentro dunha abraiante animación dixital, chama a atención a beleza dalgúns elementos, marcadamente unhas chaves e pergamiños necesarios para avanzar, e as múltiples referencias adolescentes a videoxogos, películas míticas e debuxos animados, como esa especie de Autos Tolos da carreira inicial, que inclúe o coche branco número cinco de Meteoro/Speed Racer, e figuras como Godzilla e King Kong, anticipos doutras criaturas xigantescas – unha delas moi emotiva – que actúan no tramo final.
 
Moitos espectadores esperarán cunha certa ansiedade para ver se as súas estrelas preferidas aparecerán ou non. No caso de quen isto escribe, o grupo favorito é a primeira das alusións, coa portada de “Synchronicity” pegada ao corazón na camiseta dunha veciña que saúda a Wade no inicio da película.
 
Ó contrario do que é habitual, a música está algo baixa de volume na mestura final. Ademais de composicións orixinais de Alan Silvestri, aparecen, entre outros, temas de Van Halen, George Michael, Bruce Springsteen, Prince, Rush, A-ha, Blondie, Depeche Mode e New Order. Talvez a canción que mellor soa é “Stayin’ Alive” dos Bee Gees, que ofrece o curioso pracer de ver como sería Jon Bon Jovi no papel que realizara John Travolta bailando sobre cadrados de luz na discoteca máis famosa do cine.      
 
En canto aos actores, non convencen, por desgraza, nin o protagonista do lado bo Wade, nin o seu adversario, o malvado Nolan. O heroe é demasiado inmutable na súa expresividade, e o vilán parece unha caricatura.  
 
Por contraste, parte da maxia da película procede da actriz Olivia Cooke. A intrépida Art3mis no mundo virtual, ela é na realidade unha moza – co profundo grupo Joy Division pegado ó seu corazón - chamada Samantha. O rostro de Cooke é unha mestura da elegancia algo distante de Natalie Portman e da dozura bondadosa de Donna Reed, a esposa de James Stewart en “Que belo é vivir” de Frank Capra, unha obra que á súa maneira tamén fala dunha realidade virtual alternativa e que, como “Ready Player One”, transmite unha mensaxe de esperanza.
 
Outra base de calidade para a película é o actor Mark Rylance, que aporta credibilidade a Halliday, alter ego de Spielberg como xenio da imaxinación e a creatividade. Rylance é o encargado de deixar un enigma, en relación coa existencia humana, que linda coa relixión ou a espiritualidade. Mediante ese xesto, feito nun ambiente de revelacións íntimas nunha das mellores secuencias de “Ready Player One”, quítaselles a razón aos moitos críticos que consideran que esta obra carece de alma.
 
A mesma secuencia tamén amosa unha mirada compasiva, moi nostálxica e triste, a unha infancia solitaria onde os videoxogos serven para escapar do sufrimento. Sorprende moito o estraño pensamento que inspira esta escena: somos fillos do neno que éramos na infancia, e ese neno é á súa vez o noso fillo. Creamos unha nenez coas defensas da memoria selectiva, pero ese concepto pode cambiar, por exemplo, coa lectura de cartas reveladoras do pasado ou coa visita de alguén que nos coñeceu naquela época, un tempo nebuloso que queda cada vez máis lonxe segundo se vai medrando.
 
De forma reiterada, e especialmente nun detalle crucial que non convén desvelar, Spielberg advirte sobre o medo ao contacto físico que é signo dos nosos tempos. En varias ocasións, hai unha renuncia a abrazarse ou a chocar os cinco. Os veciños de Wade, situados nunha zona mísera, fúganse coa tecnoloxía dos xogos a unha asfixiante falta de contacto coa realidade e coas súas familias.
 
Nótase nesta película esa sorte de preocupación paternal e cariño pola Humanidade que xa amosaba Spielberg en “E.T.”, cando igual facía por prepararnos para posibles visitas alieníxenas. As auto-referencias, como o terrorífico andar correndo dunha patrulla de Nolan replicando a soldados nazis na historia de Schindler, evidencian un certo e merecido orgullo do director. 
 
Pousado no ordenador de Halliday hai un disco de Billy Idol, que cantou co grupo Generation X. Precisamente a denominación demográfica de Xeración X, para os nacidos entre aproximadamente 1965 e 1985, comprende aos espectadores que sentirán con máis fruición a mordedura agridoce da nostalxia que destila Steven Spielberg nesta longametraxe. Para todos, pero especialmente para eles, o director lanza a mensaxe de que, loitando por non sucumbir á desesperanza por non ter a luz dun pasado idealizado e perdido para sempre, é boa idea intentar vivir con plenitude a realidade presente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ramón torrado Ramón Torrado Romero (Araño-Rianxo, 1966). Educado en Galicia, no País Vasco e nos Estados Unidos. Licenciado en Filoloxía Inglesa na USC, é profesor de instituto. Investigador rosaliano. Foi colaborador en Certo, xornal dixital de Barbanza. Ten escritas catro novelas, un libro de relatos e outro de viaxes, entre elas, Rebeca no val das sombras ardentes (Toxosoutos, 2018) e "Torino" (Axóuxere, 2021), a súa última obra publicada.