Campaña para frear o avance da avespa asiática

Presentan en Ourense a campaña 'Stop Velutina', na que participan investigadores da Universidade de Vigo.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 09/04/2018 | Actualizada ás 18:04

Comparte esta noticia

A avespa velutina está a piques de deixar de invernar e van comezar a aparecer os niños primarios que, situados a nivel baixo, serán o primeiro paso para a súa expansión. De cada unha das primeiras raíñas que agora esperten sairán arredor de 20.000 obreiras e unha decena de raíñas para crear os chamados niños secundarios. Este luns presentouse no Concello de Ourense unha campaña que baixo o lema 'Stop Velutina' intentará, coa participación de investigadoras do campus da Universidade de Vigo, contribuír a frear a expansión desta especie invasora informando sobre ela nas asociacións veciñais da cidade.

Lolo Andrade retirou no municipio coruñés de Coirós un niño de avespa velutina de máis dun metro de alto e de case 20 quilos de peso
Lolo Andrade retirou no municipio coruñés de Coirós un niño de avespa velutina de máis dun metro de alto e de case 20 quilos de peso | Fonte: CONTEXTOPLUS.

A iniciativa nace tendo en conta como aínda que en Ourense a incidencia desta avespa non é tan destacada como na costa, o pasado ano na cidade e a súa contorna foron retirados arredor de 72 niños e o Servizo de Emerxencias 112 recibiu case un millar de incidencias.

A iniciativa, que se enmarca no programa galego de control e vixilancia desta especie que está levando a cabo a Xunta de Galicia, consistirá nun ciclo de charlas informativas que desde este martes percorrerá as asociacións veciñais do Concello de Ourense que queiran participar. Nestas charlas, persoal do Servizo de Extinción de Incendios, da Agrupación Apícola de Galicia e da Universidade de Vigo explicarán ás persoas asistentes as características desta especie invasora, como diferenciala doutra especie autóctona moi similar, que efectos ten sobre a persoa cando ataca, que hai que facer cando se ve un niño e os sistemas de trampeo caseiros máis efectivos.

A implicación da Universidade de Vigo nesta iniciativa consiste na participación das investigadoras da liña de apicultura do Grupo de Investigación Solo, Planta e Valorización de Subproduto, liña coordinada pola profesora María del Carmen Seijo e da que forman parte Olga Escuredo e María Shantal Rodríguez.

Desde o pasado ano, este grupo mantén un acordo co Servizo de Extinción de Incendios de Ourense que permite a este servizo contar con asesoramento deste persoal e ás investigadoras recibir os niños recollidos por este servizo e datos sobre a súa ubicación. Este equipo, comenta a súa responsable, investiga arredor da dispersión desta especie invasora, das características dos seus niños, do comportamento da avespa, da influencia das condicións ambientais no seu ciclo de vida e expansión e das fórmulas de trampeo. Estas charlas, sinalan as investigadoras do campus implicadas nesta iniciativa, tamén permitirá contar “cunha especie de rede de alertas” para a localización temperá de niños. “Tan pronto teñamos uns días de sol van saír xa as primeiras avespas raíñas e os primeiros niños e é un momento decisivo para actuar”, comentan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta