Chalmers non é un xa mozo, pero aos seus case 80 anos, naceu en Bristol en 1939, aínda sigue activo como profesor universitario no departamento de Historia e Filosofía da Ciencia na Universidade de Sydney (Australia). Chalmers estudiou Fisicas en Bristol, doutourandose na Universidade de Londres a mediados dos 60. O libro que cito, que leín fai xa décadas, foi publicado en 1973, e nel recóllese o debate entre as distintas correntes do pensamento científico e da filosofía da Ciencia, os paradigmas de Kuhn, o anarquismo metodolóxico de Feyerabend, os programas científicos de Lakatos... Ao final, resumidamente, un ollar crítico a como os científicos desenvolven o seu traballo, cales son os métodos e a filosofía que suxace nos propios métodos.
Saber o que é a Ciencia é importante. Pero este é un saber que pouco importa a quenes nos gobernan dende Madrid. Nin lle importa a ciencia, nin lle importa, polo tanto, o futuro deste país. Louis Pasteur, o científico francés pioneiro da microbioloxía moderna, inventor da “pasteurización”, técnica non pouco relevante para Galicia, onde se produce o 38% do leite de vacún español, dicía fai mais dun século: “A ciencia é a alma de prosperidade das nacións e a fonte de vida de todo progreso”.
A realidade da ciencia en España, en Galicia, non deixa de ser preocupante. As boas novas, que de vez en cando chegan ata os medios de comunicación social, non son capaces de agochar a realidade precaria na que a investigación se realiza.
Un exemplo de boa nova é a participación do grupo de investigación lucense, Farmatox, dirixido polo profesor Luís Botana na obtención dos resultados cientificos que poden dar lugar a futuros tratamento paliativos de enfermedades como o Alzheimer, ou evitar o rexeitamento nos transplantes de órganos. Pero as malas novas acumúlanse, en estas non se deben ao mal facer dos nosos científicos e investigadores, senón á desidia e a falta de interese das administracións competentes na materia.
Estes días a nova, mala, era o manifesto no que 300 traballadores do INIA (Instituto Nacional de Investigaciones Agrarias) denunciaban a súa situación laboral precaria. Fai unas semanas o sindicato Comisións Obreiras facía público dous datos que deberían, so eles, facer dimitir á actual secretaria de Estado de Investigación: o 43% dos traballadores do Consello Superior de Investigacións Científicas, CSIC, son temporais. Hoxe este organismo, formado por máis de 120 centros de investigación, entre propios e mixtos, conta con 4.800 traballadores menos que fai sete anos. A situación de precariedade era tamén denunciada polos investigadores do CIEMAT, Centro de Investigacións Enerxéticas, Medioambientais e Tecnolóxicas. No Instituto Español de Oceanografía, con dous centros en Galicia, en Vigo e en Coruña, mais de tres centenares de traballadores protestaban fai apenas uns días polos recortes económicos que poñen en cuestión a propia viabilidade do instituto.
É un suma e sigue. Podemos acabar esta breve recapitulación mentando á situación tamén de surrealismo administrativo da Plataforma Solar de Almería, ou o desmantelamento parcial, fai uns anos, do Centro de Investigación Príncipe Felipe dedicado, entre outros programas, as novas tecnoloxías diagnósticas e terapias avanzadas en investigación biomédica.
O caso das universidades merece un artigo a parte. As dificultades impostas á contratación de profesorado estable obrigou a non poucas a mal utilizar figuras de profesorado, como é o caso do profesorado asociado, para poder cubrir as horas de docencia dos grados, as plantillas non se renovan producíndose de forma xeneralizada un incremento medio da idade dos investigadores, sendo alarmante nalgunhas areas, xa que se pon en cuestión a continuidade de liñas de investigación en moitos casos fundamentais para a nosa sociedade, a falta de oportunidades de estabilización obriga a buscar o futuro noutros países a científicos novos formados, e esa mesma falta de oportunidades desincentiva a moitos posibles investigadores, alumnos e alumnas de master ou doutoramento, a emprender a carreira investigadora, na que todo aparenta ser espiñas...
Nos últimos cinco largos anos, o único que ten recibido a ciencia e a investigación deste país por parte do goberno de Mariano Rajoy, na práctica, é incomprensión da súas necesidades e desdén. E de vez en cando un paseiño por algún centro de prestixo para sacarse a foto.
Tal vez por iso, a quenes vivimos o día a día da universidade, da ciencia e da investigación chámenos tanto a atención a querencia dos líderes do PP por acumular master. Aínda que tal vez sexa por iso, porque se dedican a gastar os codos estudanto e facendo os traballos das diversas materias, polo que non teñen tempo para dedicarse a solucionar os problemas do país.