Por Galicia Confidencial | Compostela | 13/04/2018 | Actualizada ás 10:00
O pasado mércores Luís Villares lémbraballe ao presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, a relación que o ex presidente Gerardo Fernández Albor, e outros dirixentes do Partido Popular dos anos oitenta –entón AP-- tiveron con coñecidos capos do contrabando –e logo da droga-- de Galicia, entre os que estaban Oubiña, Charlín ou Dorado. Unhas alusións que encenderon a Feijóo que puxo en dúbida a capacidade como maxistrado do voceiro de En Marea.
Luís Villares referiase a un coñecido encontro que mantivo Albor e outros membros do seu executivo no ano 1984 con distintos xefes do contrabando galego en Vilanova de Cerveira. Un capítulo da política galega que, curiosamente, recolleu a serie Fariña hai unha semana e que está documentado, tal e como xa recolleron xornais da época como El Pais, e lembrou estes días Galicia Confidencial nunha estensa reportaxe.
E, a pesar destas evidencias, Feijóo puxo en dúbida eses feitos. "Unha cousa é a licenza para facer un guión televisivo e outra cousa loxicamente é construír uns feitos en base a realidades e datos que non son certos”, dixo ao ser preguntado por este medio sobre se esta serie de ficción e as repercusións do secuestro do libro Fariña están dando unha mala imaxe ao seu partido polas relacións que naquela época houbo entre capos e políticos. De feito, o propio Feijóo chegaría a ter unha amistade cun dos grandes narcos galegos, Marcial Dorado.
Manuel Fernández Padín, arrepentido, falaba claramente desta relación que houbo entre dirixentes do PP e capos galegos. "Siempre se dijo que algunos pusieron y quitaron alcaldes", lembraba nun programa da Sexta.
POLÍTICA E "GUIÓNS TELEVISIVOS"
O presidente galego foi máis alá e cargou contra En Marea por insistir en vincular ao PP coa corrupción e o contrabando e basear, dixo, a súa liña política en "guións televisivos". “Isto demostra a súa gran contundencia e rigorosidade no labor parlamentario", ironizou.
"É evidente que hai formacións políticas que fan preguntas ao presidente en función dos guións televisivos", censurou Núñez Feijóo que considera que Villares pretendeu o mércores "trasladar un guión televisivo á realidade, volvendo unha vez máis a falsear a realidade".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.