Temas: XUNTA INCENDIOS

A Xunta mantén os mesmos medios que en 2017 para combater os incendios

O plan contra lumes de 2018 recolle a "posibilidade" de que fixos descontinuos e Seaga traballen máis tempo. Auméntase a 77 as parroquias de alta actividade e persegue participación cidadá en vixilancia e detección

Por E.P. | Santiago de Compostela | 16/04/2018 | Actualizada ás 20:27

Comparte esta noticia

O plan de defensa e loita contra os incendios forestais de Galicia para 2018 dispón os mesmos medios de actuación e materiais que en 2017, malia evidenciarse que foron insuficientes para combater as vagas de incendios, especialmente a de outubro, na que morreron catro persoas e que arrasou case 50.000 hectáreas.,

Protesta de brigadistas de Seaga en Santiago
Protesta de brigadistas de Seaga en Santiago | Fonte: Europa Press

Así, en canto a persoal, haberá en total (tanto de medios propios como do Estado e de concellos, parques comarcais e parques municipais) 2.285 traballadores na época de risco baixo, serán 2.962 na época de risco medio e ascenderán a 5.767 no alto risco.

O plan recolle ademais a "posibilidade" de incremento da duración da prestación do servizo tanto do persoal laboral fixo descontinuo como das brigadas de empresas públicas (entre elas Seaga). O borrador do plan, que abordará este mércores o Consello Forestal, contempla como obxectivos específicos para este exercicio "reorganizar o operativo de prevención e extinción de incendios forestais en consonancia cos cambios na tipoloxía e na distribución temporal dos lumes rexistrados nos últimos anos".

En consonancia con este obxectivo, establece a "posibilidade" de incremento da duración da prestación do servizo do persoal laboral fixo descontinuo e do das brigadas de empresas públicas. Ademais, apunta á "consolidación" das brigadas de investigación de incendios forestais "para potenciar" esta tarefa.

A presentación ao Consello Forestal, previa á aprobación do documento polo Consello da Xunta, prodúcese pouco despois de que o Parlamento galego terminase o seu plan de traballos con comparecentes para estudar o ocorrido en outubro de 2017, cando en apenas unha fin de semana arderon case 50.000 hectáreas e faleceron catro persoas.

Especialistas advertiron do peso que están a tomar os incendios de interfaz, entre os ámbitos urbano e rural. A este punto fai referencia o plan da Xunta para 2018 tamén no seu apartado de obxectivos, ao indicar o seu interese por "incrementar a resiliencia das zonas de interfaz urbano forestal fronte aos grandes incendios forestais". Para iso, como medida concreta, alude á modificación legal que incrementa as limitacións nas redes de faixas secundarias de xestión da biomasa.

Entre outras medidas novas, o documento recolle o incremento do número de parroquias de alta actividade incendiaria, até 77 (52 na provincia de Ourense, 15 en Pontevedra, nove na Coruña e unha en Lugo).

Tamén prevé "fomentar a participación da sociedade civil na vixilancia e detección de incendios forestais", a través da publicación do decreto polo que se regula a figura de agrupación de defensa contra incendios forestais.

Entre outras actuacións, contempla a "análise" dun convenio de colaboración co Colexio de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia, para "a realización dunha liña de reunións informativas da normativa de aplicación" ás comunidades de montes veciñais en man común.

"Sendo a colaboración cidadá un dos principios fundamentais da loita contra os incendios forestais, é necesario destacar a importancia que ten a colaboración das agrupacións de voluntarios e das agrupacións de defensa contra incendios forestais, polo que se fomentará a participación destas agrupacións, así como a da cidadanía en xeral, para os labores de detección e disuasión dos incendios forestais", establece.

Precisamente, un dos participantes na comisión parlamentaria de estudo desta problemática, en representación do colectivo de cazadores, ofreceu o potencial deste grupo para exercer como vixiantes no monte.

A Consellería de Medio Rural avoga no plan por "fomentar ao máximo a colaboración de veciños, entidades locais, comunidades e asociacións na loita contra os incendios".

Temas: XUNTA INCENDIOS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta