Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/04/2018 | Actualizada ás 14:49
Grândola Vila Morena, o himno oficioso do 25 de abril cando se produciu a coñecida como Revolución dos Caraveis que acabou coa ditadura salazarista, volverá soar en Santiago de Compostela, onde Zeca Afonso a interpretou por primeira vez anos antes de servir como contrasinal en 1974.
O cantar colectivo acompañado polos 'Enxebres de San Lázaro' partirá da praza de Cervantes (antes coñecida como Praza do Pan) e pasará polo Obradoiro, Praterías, e Rúa do Vilar até a Praza do Toural e forma parte da programación con motivo da celebración do 25 de abril que organiza a Associaçon José Afonso-Galiza en colaboración cos concellos de Santiago de Compostela e Rianxo.
Na presentación dos actos conmemorativos estiveron este luns a tenente de alcalde María Rozas e o presidente da entidade, Xulio Villaverde, quen destacou a relevancia de celebrar tamén en Galicia o 25 de abril. Pola súa banda, Rozas chamou a atención sobre a importancia de "lembrar a revolución para as xeracións que non sentiron a ditadura" de forma directa.
ACTIVIDADES
As actividades previstas comezan este luns coa proxección de 'Bom povo português', de Rui Simoes, e 'O Cravo da liberdade', de Andreia Marques. Terá lugar na Asociación de Veciños Asorei da Almáciga.
Este martes 24, a Facultade de Xeografía acollerá unha palestra con Camilo Mortágua, capitán de abril, e a profesora Margarita Ledo, exiliada en Portugal no ano 1974, baixo o título 'Os días da Liberdade'.
O 25, ademais da foliada e cantar colectivo que comezará ás 21,00 horas, presentarase a exposición 'Os cartazes do 25 de abril', no Auditorio de Rianxo ás 17,30 horas. Finalmente, o sábado 28 terá lugar o concerto 'Abril sempre', a cargo dos portugueses José Manuel Ésse 'Trio' e Manuel Teixeira & António Rosa, en Cervantes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.