A memoria do 23-F

Javier Calderón, ex-director do CESID (hoxe CNI) ven de recoñecer na cadea SER que o principal centro de información dependente do goberno non sabía que se estaba preparando o golpe do 23-F.

Por Xesús Veiga | Santiago | 26/02/2011

Comparte esta noticia

É o último recoñecemento formal de que os dirixentes políticos daquela época vivían sobre un bocoi de pólvora.Na práctica totalidade das forzas parlamentares existía a convicción de que o sistema político criado a partir do pacto constitucional estaba vacinado contra o perigo golpista.A pesar dos reiterados chamamentos á rebelión militar que publicaban “El Alcázar” ou “El Imparcial” –no que escribía, por certo, o ex-conselleiro Pérez Varela- e dos precedentes vividos coa chamada “Operación Galaxia”, ningún político do goberno ou da oposición deu a voz de alarma e, moito menos, promoveu un plan para reducir a capacidade de influencia dos residuos franquistas incrustados no aparello militar.

O nacionalismo galego de hai trinta anos non tiña integrado nas súas análises sobre o novo réxime a variábel que emerxeu coa entrada de Tejero no Congreso dos Deputados.Tanto o BNPG como EG –aínda que por camiños discursivos diferentes- chegaban á conclusión de que estabamos ante un sistema político consolidado no que non cabían agardar episodios desestabilizadores como o que se viviu aquel luns de Febreiro de 1981.A experiencia serviu, sen dúbida, para mellorar a calidade do coñecemento dos dirixentes nacionalistas a respeito da realidade política do momento e foi toda unha advertencia sobre os perigos que leva aparellados a tentación de substituír a realidade polos desexos de quen debera observala con rigor e sen preconceitos esterilizantes.

No exercicio de memoria histórica ao que temos asistido nestes días botase de menos unha maior dose de autocrítica naqueles que deberían ter vixiado e/ou combatido, coa eficacia requirida, todos os xermes de involución que habitaban nas instancias militares, policiais e xudiciais.E tampouco hai, curiosamente, un apartado específico de reflexión crítica sobre a tolerancia que se practicou co golpismo mediático.Tal vez porque se quere aplicar, mais unha vez, o vello principio de que can non come carne de can.Ou, se cadra, porque hai unha prevención calculada para non suxerir semellanzas con ese clima de “temor ao autonomismo” que, moi lúcidamente, detecta Jordi Pujol na vida pública española actual.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.