Por Moncho Mariño | Santiago | 02/05/2018 | Actualizada ás 14:00
Os deportes denominados minoritarios poderían estar gañando terreo dentro dun público xa saturado dos deportes “de masas”. Isto acontecería hoxe co fútbol gaélico, unha modalidade deportiva que é unha variante do fútbol británico ou o fútbol que coñece a maioría. Existen algunhas diferenzas como que o número de xogadores por equipo é de 15, pero en Galicia serán once. O campo é rectangular con dúas porterías en H. Os e as xogadoras pasarán o balón coas mans e patearán co pé. A característica máis notable é que é un deporte totalmente amateur, non se cobra, non hai fichaxes e hai o chamado “terceiro tempo”, o momento de lecer entre compañeiros e compañeiras de equipo.
Con todo, dentro de Galicia dase unha particularidade que é a de dúas ligas paralelas. A liga oficial, recoñecida pola Gaelic Athletic Association (GAA) e que leva a Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFC), inserida ao mesmo tempo na Federación Galega de Fútbol. A segunda competición, a non recoñecida pola GAA, é a liga Gallaecia. A diferenza? Na primeira os equipos son segregados, masculino e feminino. Na segunda, os equipos son mixtos.
COMO EMPEZA TODO
En 2012 celébrase o primeiro partido entre a selección galega e a bretoa. Da man de Seareiras Galegas este encontro celebrouse en Narón. A zona de Ferrol Terra e Coruña tivo un certo peso nos comezos deste deporte en Galicia. Así naceron equipos como Fillos de Breogán na Coruña e desde ese momento foron aparecendo equipos en varias cidades e vilas galegas.
A aparición do fútbol gaélico non estivo libre de certa polémica. Había unha posición a favor da creación de equipos mixtos, sen segregación entre homes e mulleres. Non obstante, a liña que quería ter unha liga en categorías feminina e masculina foi a que finalmente levou o recoñecemento da GAA.
“En lugares como Santiago, Lugo e Ourense, apostaban pola liga mixta como único campionato” do Guilhe, membro do equipo Suevia de Santiago. “ A GAA non recoñeceu esta liga e ameazou con accións legais porque Fútbol Gaélico é unha marca rexistrada, de feito avisaron a equipos segregados que non adestrasen con equipos mixtos” remarca Guilhe. Desde a AGFC, Ángel Negrete declara “realmente non hai mala relación, o que sucede é que unha está recoñecida pola GAA e outra non, basicamente é iso e tampouco vemos con malos ollos o feito de seren equipos mixtos”. A aposta pola liga mixta era e é unha maneira de eliminar o sexismo dentro do deporte, sobre todo naqueles deportes minoritarios.
A selección galega participou por primeira vez nun mundial en 2015 no mundial de Abu Dabi e o seu segundo foi xa en Dublín no 2016. Nas dúas competicións fixeran podio, quedando segunda e terceira a selección masculina. A selección feminina acadara a quinta posición e despois quedara terceira no podio.
Unha pregunta frecuente é como se interesa alguén por este deporte. “No meu caso un amigo convidoume para probar, a el gustábanlle os deportes menos mediáticos. Resultou ser dinámico, divertido e como daquela eramos case todos novos, pois o certo é que fomos aprendendo xuntos” di Ángel Negrete. Ruth Otero é xogadora de fútbol gaélico pero “eu antes era xogadora de rugby, ata que unha amiga me animou a probar e acaboume gustando”. No caso de Guilhe “foi a partir de ir coñecendo que era este deporte que logo me animei a practicalo xunto con outras persoas cos mesmos intereses nel”.
Desde o nacemento da liga federada e da mixta, o número de persoas parece estarse incrementando. Iso parecen confirmar tanto desde unha banda como da outra. “Actualmente somos 400 persoas con licenza nun total de 11 clubes” apunta Angel Negrete. “Si, eu creo que si, que cada ano se expande con máis equipos que aparecen nos media, nalgunhas cadeas mesmo trataron o fútbol gaélico desde todas as categorías” sinala Guilhe. Para Ruth Otero o máis interesante “é que hai pequenas localidades en Galicia que están interesadas en ter o seu equipo” cousa que mostra o interese que está espertando.
AXUDAS
O fútbol gaélico non move diñeiro. Polo menos non o fai no sentido no que entenderiamos se o comparasemos co fútbol mediático ou balompé. Os equipos son todos afeccionados, non se cobra, non hai fichaxes, pode haber intercambios, pero normalmente a formación dunha escuadra case sempre está composta por persoas da mesma localidade.
Sobre esta cuestión, a do diñeiro, non existen axudas específicas para este deporte. Isto trae que en ocasións, haxa mesmo que renunciar a participar en encontros como lle aconteceu a Ruth “clasificarámonos para o encontro en Maastrich pero non puidemos ir por falta de diñeiro abondo para pagar a viaxe, aloxamento e todo o que trae unha viaxe coma esa”. A día de hoxe, aínda que a AGFC estea dentro da Federación Galega de Fútbol “non aportacións ou axudas financeiras procedentes de entidades públicas” sinala Ruth “pois a maioría vai parar ao que é o fútbol tradicional porque as concesións mídense en resultados moitas veces”.
“No caso da selección pois temos o patrocinio dunha empresa irlandesa que traballa no sector do turismo sobre todo no camiño de Santiago” pero aínda así “ao sermos un deporte minoritario, os equipos teñen que poñer do seu peto para moverse, hotel e mesmo se queremos ter un seguro privado de accidentes” remarca Ángel Negrete.
FUTURO
As intencións de seguir para adiante con este deporte están claras. Galicia ao estar recoñecida pola liga irlandesa e a GAA pode permitirse achegar unha selección aos colexios e outros centros de ensino. Así como di Ángel Negrete “existen proxectos para crear canteira, como presentarnos nos colexios, falarlle aos nenos e nenas de que é un deporte que poden praticar todos e todas e tamén organizamos 3 ou 4 días de iniciación e coa intención de formar unha canteira que continúe e ademais de crear unha liga base”.
“En Vigo por exemplo están buscando a maneira de sacar adiante un proxecto que cree canteira” di Ruth. Dentro dese proxecto tamén se inclúe a formación de docentes para preparalos e que podan impartir leccións de fútbol gaélico.
En si, este deporte é praticamente autoxestionado,sobre todo no caso da liga Gallaecia, “a nosa maneira de organizarnos é mediante unha coordinadora que resolve moitas veces por Redes Sociais, as decisións importantes decídense en asemblea xeral, non temos directiva” di Guilhe. Sobre o futuro de ter dúas ligas non se podería descartar unha fusión das dúas, pero de momento “as regras son diferentes, porque nós xogamos coas regras dos equipos masculinos” sinala Guilhe “fronte as diferenzas que existen entre equipos masculinos e femininos dentro da liga federada”. Outra cousa é o finanzamento que a día de hoxe segue a ser case nulo, pero que, se é certo que o número de practicantes aumenta, podería darlle a volta á situación, permitindo a achega de máis diñeiro das autoridades deportivas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.