Temas: FACENDA

Facenda presume de devolverlle cartos aos galegos

Facenda di que devolveu nas primeiras 5 semanas de campaña 116 millóns a uns 194.000 contribuíntes de Galicia.

Por E.P. | VIGO | 10/05/2018 | Actualizada ás 18:17

Comparte esta noticia

Máis de 300.000 contribuíntes de Galicia presentaron nas primeiras cinco semanas de campaña a declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) correspondente a 2017, o que supón un 13% máis que na mesma data do ano anterior. Do total, 247.500 resultaron a devolver e delas xa se pagaron 194.000, cun montante devolto de 116 millóns.

Presentación da evolución da campaña do IRPF. Maio 2018.
Presentación da evolución da campaña do IRPF. Maio 2018. | Fonte: Europa Press

Os datos foron presentados este xoves pola delegada especial da Axencia Estatal de Administración Tributaria de Galicia, Imelda Capote Martín, e a directora da Axencia Tributaria de Galicia, María Victoria González, no mesmo día en que arrinca a atención persoal en oficinas, a cal se manterá até o último día de campaña, o próximo 2 de xullo.

Segundo manifestou Capote, presentáronse 247.500 declaracións con solicitude de devolución, que representan un 11% máis que a estas alturas da campaña do pasado ano. Do total, até o momento xa se abonaron o 78% (a 194.025 contribuíntes), e a cantidade total devolta supón case un 15% máis que o que se devolveu o pasado ano nas mesmas datas.

Con iso, manifestou que se axilizou a presentación das declaracións da renda, pero tamén a devolución das cantidades a percibir. En canto ás declaracións con resultado a ingresar, trasladou que tamén se axilizaron e experimentaron un crecemento interanual do 29%, até superar as 43.300.

Capote vinculou o incremento de declaracións presentadas e devolucións á estratexia de anticipar a mediados de marzo o que os usuarios puidesen acceder aos seus datos fiscais, así como á nova 'app' (aplicación para o móbil) e ao plan 'Chamámoslle' (que permite coller cita ou facer a declaración por teléfono). Por estes dous métodos a día de hoxe presentáronse 11.000 declaracións.

Así mesmo, este xoves iniciouse a campaña presencial nas 22 oficinas nas sedes da Axencia Estatal de Administración Tributaria, en sete das cales traballan 50 funcionarios cedidos pola Axencia Tributaria de Galicia, xa que o 50% da recadación vai ás comunidades autónomas.

Temas: FACENDA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Arturo

" Presumir" é algo que fan ( ou non ) as persoas privadas, non as Administracións. Buscando desesperadamente titulares que enganchen.