Temas: SEGURIDADE

Galicia mantense como cuarta comunidade máis segura de España no primeiro trimestre do ano

A taxa de criminalidade é 27,4 infraccións penais por cada 1.000 habitantes, 16,7 puntos por baixo que a nacional.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/05/2018 | Actualizada ás 19:09

Comparte esta noticia

Galicia mantense como cuarta comunidade máis segura de España no primeiro trimestre do ano cunha taxa de criminalidade de 27,4 infraccións penais por cada 1.000 habitantes, 16,7 puntos por baixo da estatal.

Evolución de homicidios en Galicia
Evolución de homicidios en Galicia | Fonte: Europa Press

De acordo con estas estatísticas, no primeiro trimestre de 2018 (de xaneiro a marzo) coñecéronse en Galicia un total de 17.511 infraccións penais, cunha diferenza dun 0,1% respecto o mesmo período de 2017. Diso informou a Delegación do Goberno en Galicia sobre o balance de criminalidade correspondente a este período.

Do mesmo xeito que a taxa de criminalidade do conxunto da comunidade, as catro provincias galegas tamén se manteñen, nestes primeiros meses, por baixo da media española. Na Coruña sitúase en 30 infraccións; en Lugo, en 20,9; en Ourense, en 23,5; e en Pontevedra, en 27,9.

PROVINCIAS DA CORUÑA E LUGO

Na provincia da Coruña, a taxa de criminalidade é de 30 infraccións penais por cada 1.000 habitantes, cun lixeiro incremento de 0,3 puntos. No total de infraccións penais, obsérvase unha subida do 4,5% (pasan de 7.565 a 7.904) no primeiro trimestre do ano con respecto ao mesmo período de 2017.

Aprécianse repuntes nos delitos relacionados contra o patrimonio (6,5%) e contra a seguridade viaria (5,5%). Destaca, con todo, a redución de case o 69% en subtracción de vehículos, e un descenso do 16,7% nos roubos con violencia en domicilios.

En Lugo, a taxa de criminalidade mantense igual que no mesmo período de 2017, situándose en 20,9 infraccións penais por cada 1.000 habitantes. No relativo ás infraccións penais coñecidas neste trimestre suman 1.630, un 0,8% máis que no mesmo período de 2017.

O maior descenso global prodúcese nos delitos contra a vida, integridade e liberdade das persoas, cun descenso do 19,7%, do mesmo xeito que baixan nun 2,1% as infraccións contra a seguridade viaria. Pola contra incrementáronse nun 7,5% os delitos contra o patrimonio.

OURENSE E PONTEVEDRA

En Ourense, a taxa de criminalidade é de 23,5 infraccións penais por cada 1.000 habitantes, cunha subida de 0,3 respecto ao primeiro trimestre de 2017. As infraccións penais soben un 6%, 1.891 no primeiro trimestre de 2018 fronte ás 1.784 do mesmo período do ano pasado.

Neste período de tempo detectouse un incremento das infraccións contra a seguridade viaria do 54,2%. Doutra banda, descenden nun 32,1% os roubos con violencia ou intimidación. Na provincia de Pontevedra, a taxa de criminalidade descende este trimestre no medio punto e sitúase en 27,9 infraccións penais por cada 1.000 habitantes. Do mesmo xeito as infraccións penais baixan un 6,6% sendo 6.086 nos tres primeiros meses de 2018, fronte ás 6.519 rexistradas nesta marxe de tempo en 2017.

Baixan significativamente os delitos contra a vida, integridade e liberdade das persoas, cun 20,3% menos que en 2017 e un 24,1% menos nas substraccións de vehículos. Pola contra, rexistrouse un incremento do 19,3% nos delitos contra a seguridade viaria.

Temas: SEGURIDADE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta