Quinteiro cre "ilexítima" a consulta sobre o seu futuro e non dimitirá porque sería "unha vitoria" do PP

A deputada por En Marea, militante de Podemos, si abre a porta a someterse a un proceso revogatorio, pero reitera que non acatará o resultado da consulta ás bases sobre o seu futuro porque "non é o procedemento axeitado".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/05/2018 | Actualizada ás 14:10

Comparte esta noticia

Paula Quinteiro, a deputada que se viu envolta nun incidente coa Policía Local de Santiago de Compostela cando realizaba un control por unha denuncia por vandalismo, reiterou a súa intención de permanecer como parlamentaria no Pazo do Hórreo, xa que entende que a súa renuncia suporía "dar unha baza" ao PP, formación que, ao seu xuízo, é a "única gañadora" da polémica interna xerada en En Marea por mor dos feitos ocorridos na madrugada do 18 de marzo en Santiago.

A deputada de En Marea Paula Quinteiro
A deputada de En Marea Paula Quinteiro | Fonte: Europa Press

Nunha entrevista en Europa Press este domingo, Paula Quinteiro (Vigo, 1990) asegura que está disposta a "someterse á opinión das bases" a condición de que se realice a través do "procedemento adecuado". Este, segundo defende, sería o proceso revogatorio que prevén os estatutos de En Marea e que, polo momento, descarta realizar a dirección do partido instrumental, que aposta por unha consulta cuxo resultado non será vinculante e que ten por obxectivo empuxala a dimitir.

Así, a parlamentaria viguesa reitera que non acatará o resultado de dita consulta aos inscritos —cuxa data de celebración, a falta de ser ratificada, está fixada para o martes 22 de maio— porque denuncia que se trata dun proceso sen "garantías", reivindicación que apoia o sector crítico coa dirección de En Marea.

"Consideramos que a consulta é ilexítima porque non se cingue aos estatutos. Non teño problema en someterme á opinión das bases, pero cos mecanismos garantistas que nos dotamos. Está a usarse un proceso sen garantías e eu non estou a ter dereito a defenderme", indica, para logo engadir que as acusacións que penden sobre a súa persoa están baseadas nun "relato falso" que "ao ser repetido mil veces, algo sempre queda".

Deste xeito, abre a porta a someterse a un proceso revogatorio, que implicaría a convocatoria dun plenario, xa que a través de devandito procedemento si tería "opción" de poder defenderse e explicarse ante as bases de En Marea. "É importante que as inscritas coñezan a miña versión, que eu non participei en ningún acto vandálico e que o que se traslada é falso", apostila Quinteiro.

Cuestionada sobre se cre que a súa continuidade no Pazo do Hórreo pode supor un lastre para o proxecto rupturista, opina que o que pode causar maior "desilusión" entre simpatizantes e posibles votantes non é que siga como deputada, senón que En Marea "fale demasiado tempo de debates internos" e que sexa "o PP quen marque a axenda".

CENSOS

Con todo, convida á dirección do partido instrumental que encabeza o tamén portavoz parlamentario, Luís Villares, a "reflexionar" acerca da "diferenza" entre as 11.000 persoas que participaron nas primarias para a elección das candidaturas para as autonómicas e as preto de 3.000 que hoxe en día forman parte do censo de inscritos de En Marea.

E é que a tese defendida pola dirección política de En Marea para convocar a consulta é que, en caso de existir unha diferenza de criterio (como ocorre coa continuidade de Quinteiro) sobre unha determinada cuestión entre os espazos de representación (grupo parlamentario) e orgánicos (Consello e Coordinadora), as persoas inscritas constitúen o 'tronco común' entre ambas e, por tanto, son quen posúen a lexitimidade para resolver a diverxencia.

"Cando fun elixida en primarias votaron 11.000 persoas, agora o censo de En Marea non chega a 3.000. Temos que facer unha reflexión de onde está esa xente que participou e agora non o fai. Gustaríame que as persoas que me votaron, que son ás que me debo, participasen neste proceso", remarca.

Militante da corrente Anticapitalista de Podemos, Paula Quinteiro é tamén inscrita de En Marea na actualidade; pero non cre que caia nunha "contradición" se apela ás persoas que votaron nas primarias para as autonómicas como as que deberían decidir sobre o seu futuro. "Non hai contradición porque estou a traballar para que esas persoas que están fóra participen activamente", apunta.

DESCARTA DIMITIR

Paula Quinteiro, que recoñece que pensou se dimitir ou non ("aforroume moitos desgustos"), reafírmase na súa decisión de non renunciar ao seu escano porque considera que suporía unha "vitoria" e "daría unha baza moi sinxela" ao PP: "Só terían que facer unha noticia falsa sobre calquera das miñas compañeiras para que unha tras outra tivésemos que ir cedendo ante eses relatos falsos", afirma.

Así as cousas, defende que non violou o código ético de En Marea, como lle imputa a dirección do partido, cando esgrimiu a súa condición de deputada ante os axentes, senón que actuou atendendo a "obriga" que ten de "identificarse" como parlamentaria. "Os propios axentes teñen dereito a saber que están a falar cunha deputada", remarca.

Ademais, asegura que ningunha das persoas que a acompañaban durante a madrugada do 18 de marzo cometeu ningún acto de vandalismo e que en todo momento a súa intención foi de mediar ante o que consideraba unha "actuación desproporcionada" por parte dun dos axentes.

Nesta liña, ante as especulacións da existencia de vídeos sobre os feitos, Paula Quinteiro convidou a que, no caso de que os haxa, saian á luz. "Se alguén ten eses vídeos estaría encantada de que se publiquen para que se vise que eu non fixen nada", pecha.

RAJOY, PODEMOS E VILLARES

Quinteiro cargou contra o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, ao que reclamou unha rectificación por "mentir" durante un debate parlamentario no que, para atacar ao líder de Podemos, Pablo Iglesias; aludiu ao caso da deputada galega, acusándoa de "romper retrovisores no seu tempo de asueto".

Así, a deputada di contar co apoio de "todo" o seu partido, Podemos, aínda que admite que non tivo contacto directo con Iglesias. Respecto da relación que mantén con Luís Villares, asegura que "é un compañeiro máis".

"Non comparto a súa opinión respecto diso pero como un deputado máis mantemos a relación para seguir traballando", incide, para logo apuntar que o maxistrado lucense, após manter unha "postura ambigua nun primeiro momento", experimentou nos días posteriores a que estalase a polémica "un cambio" que cre influenciado por actores externos ao grupo parlamentario.

No entanto, apunta que "a sorpresa" veu no momento en que Villares "non trasladou a opinión maioritaria do grupo" e pediu a súa renuncia ante os medios de comunicación; aínda que, naquel momento, o portavoz matizou que o facía a título persoal.

Unha das persoas que máis apoio público mostrou a Quinteiro nos últimos meses foi a súa compañeira en O Hórreo e secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, á que, precisamente, estivo enfrontada a propia Quinteiro por diverxencias na maneira de entender o proxecto da formación morada.

Con todo, cre que Santos non se puxo da súa parte "porque fose de Podemos" nin por un intento de acougar as augas no foro interno de Podemos Galicia. "Non vincularía un proceso co outro, sería buscar unha dobre lectura que é errónea. Fíxoo porque cría que era inxusto. Estou convencida de que Carmen (Santos) defendería a outro deputado que se vise na mesma situación".

Así as cousas, Paula Quinteiro afirma non sentirse responsable de que o seu caso agrandase as diferenzas en En Marea ou que poida pasarlle factura a nivel de confianza entre o electorado. "Non me sinto responsable. Esa noite non tiven vinculación con acto vandálico nin usei a miña condición para beneficiarme de nada. Non teño motivos para sentirme responsable", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 30 comentarios

12 Lediciafenesa

Ole polo ninismo e o gran partido centralista centrado e de centro do que formades parte na pola esquerda os mareantes.

11 Lediciafenesa

A culpa e do PP se ata o di alghun intelectual. Desta a culpa non e do bloque. Por certo menudo papelon o dos que vos dicides nacionalistas e estades inda ai. https://www.elnacional.cat/es/polit...

1 comunista independentista

Pero aínda existe o Bloque? En serio?

2 Lediciafenesa

O bloque non sei... Pero as túas conexións neuronais para buscar máis argumentos empezo a dubidalo. Oe, que por outra banda, mellor que non demita. Se é enfermeira eu case prefiro que siga de deputada.

3 Galego non sometido

Comunista independentista, a túa fixación co bloque é unha obsesión enfermiza que deberías tratar e buscar un antídoto. A estas alturas deberías percatarte que a culpa de todo xa non é da Upg nin do Bng. Levanta a mirada do embigo e verás, liortas, traizóns e esperpentos no seo das Mareas que ti considerabas unha panacea e agora converteuse nunha "trapallada" como ben advertiu o tan denostado Paco Rodríguez.

10 Carmen Lastra

Excelentísima señora deputada Paula Quinteiro, a túa chulería é difícil superala: "deixovos votar o que queirades, iso si, aviso que non vou respetar o resultado". E aínda hai quen apoia semellante monte de esterco! Que baixura de miras democráticas e que ética no exercicio da representación dos cidadáns desde movementos asemblearios! E aquí son responsables todos os que apoian ou calan ante o abuso da deputada que está por riba da xente!

9 Per

Sempre co rollo do PP,,, pesados,,,

8 chindasvito

A culpa de quen é ...dos que votan ao PP!! Era boa se colase, unha anticapi de 4.000 € ao mes que non quere deixalo. Claro!