Temas: XUSTIZA FOLGA

Un novo paro na Xustiza, agora de xuíces e fiscais

As asociacións convocantes auguran que haberá "unha forte mobilización" na comunidade, que celebra centos de xuízos ao día. Xunta e TSXG estudarán un plano para desatrancar o traballo nos xulgados.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/05/2018 | Actualizada ás 20:03

Comparte esta noticia

No conxunto de España, as catro asociacións de xuíces e as tres de fiscais convocaron unha folga xeral como último movemento para reclamar ao Ministerio de Xustiza a mellora das súas condicións laborais. Após a folga dos funcionarios de xustiza, interrompida aínda que non desconvocada formalmente, posto que o comité de folga aínda conta con catro do sete organizacións que inicialmente convocaron, os xulgados galegos vivirán un novo paro, esta vez de xuíces e fiscais, que afectarán sobre todo a xuízos e outros procedementos.

Xulgados en Santiago
Xulgados en Santiago

Fontes das asociacións convocantes en Galicia  auguran "unha forte mobilización" e que "centos de xuízos" e outros procedementos, como a declaración de testemuñas, poderían verse aprazados en Galicia, aínda que "os servizos mínimos velarán polos procedementos máis graves, por exemplo as causas con preso". "Será unha chamada de atención", coinciden desde as asociacións de xuíces e fiscais da comunidade, que remarcan que non se pode avanzar o impacto antes da xornada de paro.

Con todo, inciden en que o persoal chamado ao paro é "moi consciente e moi responsable" co servizo público no que traballa, así como das consecuencias do paro previo que os funcionarios mantiveron desde o 7 de febreiro e que aínda non foi desconvocado formalmente, polo que podería haber un seguimento "levemente inferior" ao do resto de España.

RECLAMACIÓNS

En todo o Estado, xuíces e fiscais conclúen co paro deste martes as protestas para reclamar unhas cargas de traballo saudables, máis autonomía orzamentaria do Ministerio Público ou independencia do Consello Xeral do Poder Xudicial, entre outros asuntos, despois de facer catro paros parciais que comezaron o pasado 26 de abril e repetíronse cada xoves durante un mes.

A estas reclamacións súmanse a petición de reforzar a independencia xudicial, a modernización da Administración de Xustiza e a mellora das condicións profesionais dos membros da carreira xudicial. Pola súa banda as asociacións de fiscais piden a derrogación do sistema de prazos máximo de instrución, a paralización da implantación da xustiza dixital, a atribución á Fiscalía Xeral do Estado da formación dos fiscais.

A Asociación Profesional da Magistratura (APM), a Asociación Xudicial Francisco de Vitoria (AJFV), Foro Xudicial Independente (FJI), Xuízas e Xuíces para a Democracia (JJpD), e a Asociación de Fiscais (AF), Unión Progresista de Fiscais (UPF) e a Asociación Profesional Independente de Fiscais (APIF) convocaron, no ámbito estatal, ás 13.00 aos medios de comunicación para ofrecer datos de seguimento da folga, así como daqueles aspectos que poidan resultar de interese para a opinión pública.

Membros da carreira xudicial e fiscal saíron en cada un destes paros ás portas dos xulgados de toda España para facer visibles estas reclamacións. Incluso o nove membros do Consello Fiscal e outros da cúpula do Ministerio Público concentráronse o pasado 10 de maio durante uns minutos para secundar a mobilización.

SEGUIMENTO DOS PAROS

O xoves 17 de maio foi o último día convocado para suspender a súa actividade ás 12.00 horas, e segundo datos oficiais facilitados polas asociacións, no total de España 1.723 xuíces e 602 fiscais decidiron facer este paro parcial. Estas cifras son similares ás do resto de días de convocatoria, tendo en conta que en Galicia era festivo nas que case 2.000 xuíces e uns 800 fiscais apoiaron a iniciativa das asociacións.

A isto hai que sumar que o pasado 4 de maio, máis de 200 xuíces e fiscais concentráronse ante o Ministerio de Xustiza para expor estas mesmas reivindicacións e pedir a dimisión do ministro Rafael Catalá polas súas "inxerencias" no labor destes profesionais. Días despois, as asociacións reuníronse coa secretaria de Estado para tratar estes asuntos e as propostas dos representantes xudiciais e fiscais. Logo deste encontro, as asociacións reafirmáronse na súa idea de continuar coas mobilizacións, pois quedaron cunha visión "negativa" da reunión.

Pola súa banda, a secretaria de Estado de Xustiza sinalou que, das 14 propostas consensuadas polas asociacións, "unha ampla maioría está xa en trámite ou en proceso de elaboración", así como que as demais están a ser obxecto de "avanzado estudo". O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Miguel Ángel Cadenas, participarán este martes na reunión da Comisión Mixta, que terá lugar en Santiago.

DESATRANCO DOS XULGADOS

A Xunta de Galicia máis o TSXG estudarán un plan para desatrancar os xulgados que teñen tarefas pendentes debido á folga. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Miguel Ángel Cadenas, participarán este martes na reunión da Comisión Mixta, que terá lugar en Santiago.

Fontes consultadas ratificaron que neste encontro empezarase a analizar o plan para recuperar o traballo atrasado nas sedes xudiciais por mor da folga indefinida que os funcionarios do sector iniciaron o 7 de febreiro.

O paro foi interrompido e a Xunta xa deu o paso de deixar sen efecto os servizos mínimos, aínda que hai sindicatos que seguen no comité de folga e remarcan que esta "non foi desconvocada legalmente".

Temas: XUSTIZA FOLGA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Conforme di a nova, o ilustre señor Rueda sí asistirà à reunión con xuices e fiscais.non imaxinei que quixera compartir conversas con ningunha clase de traballadores...