Novidades no Atlas de Anfibios e Réptiles de Galicia

A Sociedade Galega de Historia Natural anuncia a sétima edición, tras actualizarse con novos datos recollidos ao longo do ano 2017.

Por Galicia Confidencial | Vilagarcía de Arousa | 22/05/2018 | Actualizada ás 09:30

Comparte esta noticia

O Atlas de Anfibios e Répitiles de Galicia vén de actualizarse con novos datos recollidos ao longo do ano 2017 e que se acumulan aos rexistrados no período 2005-2016. Esta sétima edición do Atlas incorpora así un total de 19.784 datos, aos que lle corresponden 4.926 datos non repetidos (24,9%). De anfibios obtivéronse 12.089 datos, dos cales 2.684 (22,2%) foron datos non repetidos, e de réptiles 7.695 datos totais aos que lles corresponden 2.242 datos non repetidos (29,1%), informa a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN).

Serpe recuperada en Vigo.
Serpe recuperada en Vigo.

Entre os anfibios, a SGHN salienta unha cita nova de limpafontes palmado (Lissotriton helveticus) no concello de Mazaricos, unha das máis occidentais das que teñen constancia. Tamén subliña unha cita de ra vermella (Rana temporaria) no concello de Castrelo do Val, que é o dato máis cara ao sur do que se ten rexistro.

Con respecto aos réptiles, destaca un novo rexisto de osga ou ladra (Tarentola mauritanica) no concello da Coruña, polo de agora a cita máis setentrional que recibiu a SGHN.

A agrupación científica tamén considera interesantes dúas novas cuadrículas de esgonzo ibérico (Chalcides bedriagai), "ao tratarse dunha das especies de distribución máis restrinxida dos nosos herpetos", salienta a SGHN. Estas cuadrícula novas atópanse nos concellos de Oia e O Porriño, no sur da provincia de Pontevedra.

Con respecto ás cobras, a SGHN destaca que, debido á escaseza de datos, a obtención de tres novas cuadrículas de serpe riscada (Zamenis scalaris), principalmente nunha localización bastante norteña, no concello de Bergondo, máis tamén na Guarda e O Rosal (sur de Pontevedra).

Pola súa rareza tamén é salientable unha nova cita de víbora fociñuda (Vipera latastei) no concello de Vilardevós.

Por outro lado, a SGHN informa dun novo cambio na nomenclatura dunha especie de réptil, a serpe riscada, anteriormente denominada Rhinechis scalaris (Schinz, 1822), que pasa a ser Zamenis scalaris (Schinz, 1822).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta