A primeira calculadora galega para medir a pegada ecolóxica dos nosos residuos

Profesores da Universidade da Coruña presentan o deseño e os primeiros resultados dunha enquisa en liña sobre a xeración de residuos, a recollida separada na orixe e a súa pegada ecolóxica en Galicia. Trátase, din, da primeira iniciativa deste tipo no noso país e en galego, inspirada no movemento internacional 'Residuo Cero'.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 30/05/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Nos últimos anos vénse facendo uso de diversas “calculadoras” do impacto ambiental (pegada ecolóxica, pegada do carbono, pegada hídrica, xeración de residuos, etc.) como ferramentas para fomentar a concienciación e a implicación cidadá en materia de sustentabilidade. Porén, "ningunha destas ferramentas ten sido desenvolvida en Galicia, en galego, nin adaptada á realidade socio-económica e ambiental do noso país, ademais de ser escaso o uso e difusión das existentes no ámbito próximo ou internacional". É por isto que na Universidade da Coruña (UDC), os investigadores Manuel Soto, da Facultade de Ciencias, e Alberto Varela, da Escola Técnica Superior de Camiños, desenvolveron unha ferramenta en liña para medir ese impacto.

Mapa da calculadora en liña da pegada de residuos en Galicia, desenvolvida na Universidade da Coruña.
Mapa da calculadora en liña da pegada de residuos en Galicia, desenvolvida na Universidade da Coruña.

Estes profesores veñen de presentar un novo modelo de medición para Galicia nun documento titulado 'UDC residuo cero. Calculadora online da pegada ecolóxica', no que presentan o deseño e os primeiros resultados dunha enquisa en liña sobre a xeración de residuos, a recollida separada na orixe e a súa pegada ecolóxica.

A enquisa encóntrase dispoñible en https://emapic.es/custom/residuos-udc e pode ser utilizada por calquera persoa a título individual, por colectivos organizados ou por diferentes tipos de entidades, tanto con fins educativos no ensino formal como en actividades de sensibilización ambiental.

'RESIDUO CERO'

A iniciativa inspírase no chamado movemento 'Residuo Cero', que busca que as persoas adopten un comportamento compatible cos ciclos naturais, reducindo o volume e a toxicidade dos residuos e conservando e recuperando as materias primas, no canto de queimalas ou vertelas no medio. 'Residuo Cero', como explican Soto e Varela, significa "cero vertido ao solo, á auga e ao aire de materias que poñan en perigo a saúde humana, dos animais e das plantas".

Folga do lixo en Lugo
Folga do lixo en Lugo

No ámbito doméstico, son moitos os concellos e as cidades, europeos que teñen adoptado o obxectivo 'Residuo cero', que se traduce na redución do 80-90% dos residuos xerados. Porén, os profesores da UDC lamentan que en Galicia "son case descoñecidas as prácticas e os programas de prevención da xeración de residuos, mentres que a recollida separada para a reciclaxe rolda non máis do 12 % do total".

Ante esta situación, consideran que "a universidade, como institución responsable da educación e a concienciación para a sustentabilidade, debe contribuír ao cambio cara a unha xestión sustentable dos residuos e cara a unha economía circular. Isto require divulgar os impactos dos residuos e das alternativas para reducilos, ademais de realizar unha xestión avanzada e exemplar dos residuos xerados na propia actividade", argúen os autores.

FUNCIONAMENTO DA CALCULADORA 

A calculadora en liña da pegada ecolóxica dos residuos consiste nunha enquisa aloxada en Emapic, un servizo web desenvolvido na UDC para facilitar a localización xeográfica de participantes en investigacións sociais ou en mapas de opinión. 

A ferramenta ofrece recursos para representar cartograficamente os coñecementos e sentimentos da cidadanía nesta materia e vais máis alá dun servizo clásico de creación de enquisas ao uso, xa que "se trata dunha ferramenta de representación sobre mapas de calquera tipo de dato, facendo fincapé nos procesos colaborativos de participación, facilitando, deste xeito, os procesos de análise das dinámicas sociais", detallan os autores.

Os traballos levados a cabo con Emapic permiten abranguer desde estudos de mobilidade, medioambientais ou de xeomarketing, até estudos de mellora da participación cidadá. Na enquisa sobre residuos deseñada polos profesores da UDC, para cada unha das preguntas formuladas asígnanse unha serie de pesos e ponderacións, que dan a cada participante unha cuantificación da súa pegada ecolóxica na compoñente residuos. Emapic recolle a localización xeográfica de cada persoa que responde, o que permite unha análise xeográfica dos resultados, valorando diferenzas entre ámbitos urbanos ou rurais, ou mesmo entre zonas dentro dun mesmo municipio. O calibrado da enquisa requiriu un primeiro proceso participativo xeolocalizado. 

Para isto, explican, a enquisa pide unha posición xeográfica (domicilio, etc.) da persoa que acceda a ela, de forma aproximada, para o que abonda con indicar un punto próximo (rúa ou barrio). Unha vez rematada a enquisa e enviadas as respostas, a calculadora mostra os resultados individuais da persoa que acaba de cubrila, con tres indicadores numéricos: residuos xerados:(kg/día), porcentaxe de recollida selectiva (%) e pegada ecolóxica (pegada do carbono en kg CO₂/ano)

A enquisa aborda os dous aspectos que os profesores consideraron básicos para determinar o impacto ambiental dos residuos, condicionado polo noso estilo de vida e polas decisións que tomamos en dous eidos básicos: na compra e no consumo fóra da casa, que determina a cantidade e o tipo de residuos que xeramos; e no fogar, que determina sobre todo o aproveitamento que se pode facer dos residuos para reducirmos o seu impacto ambiental.

A enquisa busca saber os hábitos de compra e de xestión do lixo, con independencia de se se encarga destas tarefas a persoa que cobre a enquisa ou outra persoa que convive no fogar. Desta forma, require da persoa que a enche unha reflexión sobre aspectos da vida diaria. Se a persoa non ten toda a información, deberá preguntar antes a quen no ámbito familiar se encarga de tales tarefas. En todo caso, a pesar deste carácter marcadamente colectivo das tarefas no fogar, fica unha marxe para as pautas de comportamento individuais, polo que pode ser cuberta polos diferentes membros do fogar con resultados en parte diferenciados.

En total, son 30 preguntas sinxelas. Cada pregunta refírese a un posible comportamento e presenta catro respostas opcionais indicativas da frecuencia con que se practica: «Sempre», «Moitas veces», «Poucas veces», «Nunca» (e «Non o consumo» nalgúns casos). 

A enquisa ten dúas seccións e sete apartados. Cada un destes apartados comeza cunha breve explicación que os profesores estimaron necesaria para aclarar a intencionalidade e o significado das preguntas que se formulan. Ademais, comeza cunha presentación e un apartado final no cal se piden os datos do perfil da persoa que a enche. Nesta última pregúntase a relación coa Universidade da Coruña (Estudante, PAS, PDI, Ningunha) e permite introducir un código de grupo, de utilidade para o seguimento dos resultados dun determinado grupo que teña decidido realizar a enquisa con ese código.

No que se refire aos métodos de contabilización e de cálculo, estímase que unha persoa, que non ten en conta ningún dos criterios de redución da xeración de residuos, xera aproximadamente e de media 2 quiilos de residuos por día, dos cales 1,5 kg son de tipo non fermentable ou fracción seca (envases, embalaxes e outros) e 0,5 kg de residuos orgánicos fermentables, fracción húmida ou orgánica. Non se ten en conta o poder adquisitivo ou a renda, que é un dos factores que inflúen na cantidade de residuos xerados, polo que este máximo é xa en si un valor medio.

Na enquisa, os investigadores fan uso destes dous valores, 1,5 e 0,5 kg/d, por separado como valores máximos para ir descontándolle a redución que resulte de cada pregunta da enquisa. Isto dálles unha xeración total máxima de 2 kg/día. A media en Galicia, apuntan, é máis baixa, aproximadamente de 1,2 kg/días por persoa, mais consideraron que a maioría das persoas sempre aplican algunha medida de prevención, incluso sen sabelo, en relación co máximo.

PRIMEIROS RESULTADOS

A análise das primeiras mostras, cun total de 100 enquisas realizadas por tres colectivos diferentes (PDI e studantes da UDC, e persoas alleas a este universidade) permitiu unha primeira avaliación do método de cálculo, así como da compresión xeral da enquisa, e das principais dificultades ou deficiencias que se queren resolver.

Os resultados desas primeiras 100 enquisas indican que o 55% das respostas se sitúan no rango de 1 a 1,5 kg/día, arredor da media galega. O resto das respostas colócanse por debaixo (26%) ou por riba (19%) deste rango medio

Os datos mostran que "a xeración de residuos resulta estimada de forma axeitada polo método empregado na enquisa; porén, a porcentaxe de recollida selectiva resulta claramente moi superior á media, e tamén maior do que cabe xulgar por diferentes datos alleos ao contido da enquisa".

Os resultados foron avaliados tamén para o ámbito da planta de residuos Nostián (A Coruña) e para o ámbito SOGAMA (outros concellos con respostas). A xeración de residuos foi significativamente menor no ámbito alleo á UDC, o cal, segundo os investigadores, se pode explicar polo perfil das persoas participantes neste colectivo, mentres que non presenta diferenzas entre estudantes e persoal docente investigador (PDI) no ámbito da UDC.

No que se refire á separación de residuos, o PDI declarou unha separación significativamente maior que o estudantado. Porén, aparece un alto valor da separación de residuos no ámbito alleo á UDC (SOGAMA), que non a permite agás que o cidadán practique a compostaxe doméstica, segundo os expertos. Esta práctica, máis frecuente neste colectivo da enquisa, explicaría en parte os resultados, pero os investigadores recoñecen que precisa máis estudo con poboacións específicas representativas deste ámbito.   

Nos resultados tamén atoparon, por exemplo, que existe unha correlación altamente significativa e positiva entre a cantidade de residuos xerada e a non separación destes

Os autores asumen que a presente versión da enquisa constitúe a versión inicial, suxeita a modificacións en función dos resultados de calibración que se comezaron neste curso 2017/2018. 

Tras as fases primeiras de deseño e construción da enquisa, así como de análise dos primeiros resultados, consideran que "os resultados provisionais son realistas, ao menos cando se aplica á situación galega", pero recoñecen que "é conveniente completar o estudo da súa aplicación por diferentes colectivos (centros de ensino non universitario, outras áreas xeográficas) para establecer o seu rendemento con maior claridade e fiabilidade".

Os primeiros resultados, din, "suxiren a necesidade de reforzar a información referida aos modelos de xestión e opcións de recollida separada dispoñibles (ámbitos de xestión de Nostián, SOGAMA e Barbanza)".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta