Un esperpento en busca de autor

A axencia Moody’s non acouga.Cando xa acreditabamos que o exército de asustados cidadáns que habitamos no Estado español estabamos “cautivos e desarmados” ante a ofensiva total dos poderosos e deshumanizados mercados, resulta que non. Que a guerra aínda non rematou e as “axencias de cualificación”, armadas coas súas afiadas estatísticas, non queren facer prisioneiros.

Por Xesús Veiga | Santiago | 19/03/2011

Comparte esta noticia

Nin MAFO, nin Elena Salgado, nin Rajoy poden con esas empresas privadas que deciden, indirectamente, o prezo do diñeiro que manexan as Administracións públicas.Hai que cambiar de táctica.Sigamos o exemplo publicitario e mandemos á experta detective Chelo Holmes para que lles pregunte:”e logo vós, de quen vides sendo”?.

O inevitábel desconcerto dos interlocutores poderá ser aproveitado para que Núñez Feijoo realice a penúltima manobra na escuridade e poda defender, sen complexos, a tese que se está incubando nos laboratorios de San Caetano:a culpa de todo o que lle pasa a Novacaixagalicia está no bipartito.Touriño e Quintana cometeron un crime de lesa patria nos seus tres anos e medio de mandato.Fraga foi inocente porque estivo tan atarefado nos 16 anos de xefatura que non tivo tempo para vixiar o que facían Méndez e Gayoso.Conclusión:o concepto de patriotismo debe ser depurado de perigosas contaminacións partidistas.

Aínda que non o souberan, patriotas eran os directivos das Caixas que quixeron colocar ás entidades galegas na primeira liña das praias levantinas ou no núcleo duro de certas aventuras urbanísticas.E aínda que o negaran con teimosía digna de mellor causa, tamén eran patriotas os gobernantes da Xunta daqueles felices noventa cando exercían a función de tutela financeira mediante unha máxima contundente:ti vai facendo.

Non.Non tiña razón o coronel Dax no filme de Kubrick -“Sendeiros de groria”- cando dicía que a patria é o último refuxio dos canallas.Deixemos que os historiadores escreban o nacemento, vida e morte das Caixas de Aforro galegas.Pero mentres agardamos por esas análises do tempo pasado busquemos con urxencia un novo Valle Inclán que traslade á ficción literaria este singular esperpento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.