Temas: EMPREGO PARO

A taxa de ocupación entre os galegos sen especialidade sitúase no 32,3% no 2017

Entre a poboación formada, as maiores taxas de actividade e de ocupación atópanse nos sectores de tecnoloxías da información e da comunicación, saúde e servizo sociais.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 08/06/2018 | Actualizada ás 12:20

Comparte esta noticia

A taxa de ocupación entre os galegos sen especialidade académica situouse en 2017 no 32,3%, segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa, difundidos este venres polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Entre os que si a teñen, a taxa de ocupación máis elevada está entre os formados en tecnoloxías da información e as comunicacións.

Oficina de Emprego
Oficina de Emprego

No ámbito educativo, esta enquisa subliña que, o ano pasado, o 63,2% dos galegos e das galegas contaba cun nivel de formación xeral, formación básica de adultos e habilidades persoais. Dentro desta categoría inclúense as persoas que conseguiron, como máximo, o Ensino Secundario Obrigatoria ou o Bacharelato.

Entre a poboación ocupada, a porcentaxe dos que tiñan programas de formación básica situábase no 45,5%. O resto das persoas ocupadas contaba con algunha especialidade, entre as que caben destacar os estudos en negocios, administración e dereito (12,1%); mecánica, electrónica e outra formación técnica, industria e construción( 11,1%) e saúde e servizos sociais ( 8,3%).

As maiores taxas de actividade en 2017 conseguíronse entre a poboación formada en tecnoloxías da información e as comunicacións (88,9%); nas ciencias sociais, xornalismo e documentación (84,8%)e na rama de ciencias naturais, químicas, físicas e matemáticas (82,8%). Neste sentido, aprécianse algunhas diferenzas nas taxas de actividade por sexo. Con todo, a maior taxa de actividade para ambos os sexos rexístrase no sector do TIC, que no caso feminino consegue en 2017 o 90,8%.

OCUPACIÓN POR ESPECIALIDADES

No referente á taxa de ocupación, esta situouse no 32,3% para o grupo de poboación sen especialidade académica en 2017. As taxas de ocupación máis elevadas observáronse, do mesmo xeito que sucede coas taxas de actividade, entre os ocupados con formación en tecnoloxías da información e as comunicacións (76,4% para os homes e 81,1% para as mulleres) e aquelas con formación en saúde e servizos sociais (80,2% para os homes e 74,2% para as mulleres).

Por último, a taxa de paro varía entre o 18,6% da poboación sen especialidade, isto é, con formación xeral (o sector de formación coa taxa de paro máis alta) ao 8% da poboación especializada en saúde e servizos sociais.

CONTRATACIÓN

Dos 822.200 asalariados e asalariadas residentes en Galicia no ano 2017, 31.000 persoas foron contratadas a través dunha empresa de traballo temporal e 13.900 obtiveron o seu emprego actual coa mediación dunha oficina de emprego pública.

O 76,6% e as 195.600 persoas paradas residentes en Galicia o ano pasado tiña un traballo antes de atoparse na situación de desemprego, o 10,1% estaba a estudar, o 10,7% desempeñaba tarefas do fogar ou outras responsabilidades familiares e o 2,6% restante atopábase noutra situación distinta ás descritas. O motivo principal polo cal as persoas paradas que traballaron anteriormente deixaron o último emprego foi por finalizar o contrato (48,4% dos casos). Por outra banda, o 34,2% das persoas paradas deixara o seu último emprego facía tres anos ou máis.

XORNADA LABORAL

No tocante ao tipo de xornada, algo máis da metade das persoas ocupadas (55%) tiña xornada continuada. Entre as mulleres esta porcentaxe subía ao 63,3%, 16 puntos por riba da masculina.

Por outra banda, o 57,2% dos ocupados e das ocupadas de Galicia non traballou ningún sábado, o 7,7% traballou só un sábado ao mes e o 32,7% fíxoo polo menos dous sábados ao mes. Por outra banda, o 75,1% non traballou ningún domingo.

O ano pasado, o 65,1% dos ocupados e das ocupadas de Galicia contaba con xefes pero non tiña ningún subordinado, aínda que a porcentaxe era maior entre as mulleres (71,8%) que entre os homes 2017 (59,1%). A seguinte categoría en importancia foi a de ocupado independente, isto é, sen xefes e sen subordinados, na que se atopaba o 13,8% dos traballadores e das traballadoras galegas.

Temas: EMPREGO PARO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta