Temas: FEIJóO

O deputado do PP Celso Delgado ve "conveniente" que haxa "a maior coincidencia" na elección do sucesor de Rajoy

O deputado por Ourense insiste que a moción de censura "sacou de couzón" a sentenza da Gürtel como un "auténtico pretexto"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/06/2018 | Actualizada ás 17:42

Comparte esta noticia

O deputado do PP no Congreso por Ourense, Celso Delgado, cre "conveniente" que exista "a maior coincidencia" ao redor da persoa chamada a presidir o PP no congreso que debe elixir ao sucesor de Mariano Rajoy e considera que é "un desiderátum lóxico en calquera organización, por pequena que sexa".

O deputado do PP Celso Delgado debate cos afectados polas hipotecas
O deputado do PP Celso Delgado debate cos afectados polas hipotecas | Fonte: @ptaboadap

Nunha entrevista concedida á Cadena SER, recollida por Europa Press, Delgado evitou situarse sobre se esa persona debe ser Alberto Núñez Feijóo, xa que o propio presidente galego limitouse a sinalar que dará a súa opinión "cando se convoque o congreso" na reunión de mañá luns da xunta directiva nacional, da que o deputado tamén forma parte.

"Todos expresaremos as nosas formulacións" após esa convocatoria, apuntou. Até ese momento, "non procede falar máis que de esperar", afirmou o deputado que durante as dúas pasadas lexislaturas exerceu como coordinador dos populares galegos na Cámara baixa, un cargo que non existe neste mandato.

Ante a posibilidade de que varios dirixentes opten ao cargo, Delgado resolveu que son "moitísimos" os que teñen "capacidade suficiente" para asumir esa responsabilidade. Aínda así, non prevé "ningún tipo de división, nin de confrontación, nin de problema interno" xa que o PP "sabe que é o partido máis importante de España, o que ten máis respaldo electoral" e actúa "con moita responsabilidade".

Por iso, augura que o proceso de substitución finalizará "da forma máis satisfactoria, que é o que esperan os nosos millóns de votantes". Ante a falta de resposta por parte de Feijóo, tampouco quixo "facer cábalas" sobre a posibilidade de que chegase a compatibilizar a presidencia da Xunta coa do PP: "Adoito traballar sobre feitos". "O presidente está na súa responsabilidade, para a que foi elixido os galegos con maioría absoluta, gobernar Galicia", sentenciou.

OPOSICIÓN "LEAL E DURA"

O deputado por Ourense admitiu que o grupo parlamentario do PP está en plena fase de adaptación após o "cambio enorme" que supuxo pasar do goberno á oposición, pero asegura que xa "practicamente" cambiaron " o chip".

En todo caso, insistiu en que a sentenza da Gürtel serviu como un "auténtico pretexto" para "xuntar partidos antagónicos" coa única finalidade de "satisfacer a ambición" de Pedro Sánchez. Delgado, presidente da Comisión de Fomento do Congreso, reclama a Pedro Sánchez que cumpra "os compromisos establecidos con Galicia" xa que nos orzamentos aprobados polo Congreso --e que o novo goberno asume-- "hai 890 millóns de euros consignados por Fomento para Galicia dos que 663 son para a alta velocidade desde Zamora até Ourense".

"Levamos investidos moitísimo nestas actuacións de alta velocidade, superamos o 80% de 4.400 millóns e hai recursos financeiros orzados suficientes para que eses proxectos, que son fundamentais, non se deteñan".

O deputado popular lembrou que existen "outras consignacións" para "autovías, estradas, portos, aeroportos". "Hai moitísimos proxectos que están orzados dos que o goberno actual non pode renunciar nin pode argumentar falta de recursos financeiros", engade.

En canto a súa valoración sobre o novo Ministro de Fomento, o valenciano José Luís Ávalos, ao que coñece como deputado aínda que sen "unha relación intensa con el", espera que non esqueza a "prioridade" que representa o corredor norte-noroeste de alta velocidade, "onde están as maiores carencias en materia ferroviaria" no seu "empeño" por potenciar o corredor mediterráneo. "Os compromisos con Galicia están moi moi claros e moi explicitados", expresou.

Por outra banda, Delgado anticipa unha oposición "leal" pero "forte" xa que "non pode baixarse a garda sobre temas centrais que afectan ao Estado español, como a súa integridade territorial" ou o crecemento económico e a loita contra o paro.

Nos temas que afectan a Galicia, destaca a política agraria común ou os investimentos "comprometidos" para as fragatas que se construirán en Ferrol.

Temas: FEIJóO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta