Flores nas nosas vidas

As flores marcan a nosa traxectoria vital, dende os ramos que se levan á habitación dos que chegan ó mundo, pasando polas flores románticas dos namorados, ata as flores para os seres amados xa invisibles nos camposantos. Nas vilas, nas cidades, nas aldeas e nos fogares, as flores regalan fermosura e sosego, e hai indicios de que as plantas axudan a curar as doenzas de enfermidades ou operacións, incrementan a memoria e absorben o ruído.

Por Ramón Torrado | Ribeira | 13/06/2018

Comparte esta noticia
Cada un de nós pode pensar no significado que tiveron as flores na propia existencia. Por se algún lector de GC ten suficiente paciencia e curiosidade, expoño a continuación un arranxo floral de doce   pétalos da flor da miña vida:
 
1. de pequeno, en debuxos animados queridos, as aventuras de Heidi e da abella Maya desenvolvíanse sobre mantos de flores
 
2. a emigración dos meus pais causou primeiro que fora vivir ós oito anos cos meus tíos á cidade verde de Vitoria-Gasteiz, onde un escenario crucial foi o marabilloso Parque de La Florida, e despois que ós doce anos me reunise cos proxenitores no estado norteamericano de New Jersey, cuxo alcume é “estado xardín”
 
3. na adolescencia e xuventude, as flores significaron unha inxenuidade amorosa transformada en rosas vermellas para amores idolatrados, e un gusto polas florerías, como a de París que describe Màxim Huerta na súa novela “No me dejes”
 
4. no intento de ser e sentirse atractivo, tamén entra o mundo das fragrancias, e con el unha paixón polas colonias e os perfumes, os xampús, os bálsamos, os xabóns, e os xeles de baño, todos eles maquilladores de auras producidos en parte con esencias florais
 
5. na miña formación, houbo un momento estelar das flores cando un admirado profesor, Harry Dawson, levounos aos alumnos ó museo Whitney en Manhattan, onde contemplamos as flores impúdicas da pintora Georgia O’Keefe, reminiscentes ás que decoran a portada do disco “Lovesexy” de Prince
 
6. na adolescencia tamén se forma en grande medida o gusto musical, e dentro da esfera das cancións que me marcaron aparecen por sorte moitas flores: Radio Futura con “La estatua del jardín botánico” trae á mente ese recuncho máxico de Galicia que é o xardín botánico de Padrón, xunto co de Coimbra visitado na lúa de mel; as “Papoulas no campo” (Poppies In The Field) no adorado disco “Kilimanjaro” de The Teardrop Explodes en 1980; o parque Strawberry Fields dos Beatles; o lugar onde sementa as rosas (Where The Rose Is Sown) o meu tráxico heroe Stuart Adamson con Big Country en 1984; o grupo que vin en directo no día da miña graduación de educación secundaria, R.E.M., denunciou en 1985 un xenocidio no tema “The Flowers Of Guatemala”; outro heroe tráxico, Colin Vearncombe, coñecido como Black, sacou en 1986 unha enérxica píldora pop chamada “Everything Is Coming Up Roses”, dito que significa que todo vai ben; de Cabo Verde, fica na memoria a serena tristura de Cesária Évora en “Flôr di Nha Esperança”, de 1999; de Nova Zelanda, a melancolía de Neil e Tim, The Finn Brothers, falando das flores das tortas en “Edible Flowers” no 2004
 
 
7. dous dos libros que máis me influíron – os protagonizados por Don Quixote e por Xesús de Nazaret – desenvólvense en terras áridas, pouco floridas e desérticas, e isto leva ó éxito multicultural “Desert Rose” doutra grande influencia, Sting, que no seu tema bíblico “The Lazarus Heart” imaxina como unha preciosa flor nace dunha ferida, coincidindo así o de Newcastle cun dos versos máis potentes e conmovedores de todo o pop en español: “sobre su pecho flores carmesí brotaban sin cesar” (“Libre”, Nino Bravo, 1972)
 
8. a rosa é un dos símbolos de Inglaterra, mediante o cal lle compuxo o temperamental Paul Weller - cando lideraba The Jam - unha tenra canción de amor á súa terra: “English Rose”, que é un sobrenome que lle dedicaron á miña actriz favorita Kate Winslet, Rose en “Titanic”
 
9. outra estrela tráxica, a Cecilia que cantaba “Un ramito de violetas”, leva a recordar ás actrices Raquel Meller e Sara Montiel, que protagonizaron as dúas versións de “La violetera”, película famosa pola canción epónima con letra de Eduardo Montesinos e coa evocadora música de José Padilla que empregou Charles Chaplin na emocionante escena final da florería na película “Luces da cidade” (City Lights,1931); tamén é destacable a longametraxe “Flores de otro mundo” (Icíar Bollaín, 1999) protagonizada por Luis Tosar
 
10. o meu regreso a Galicia en 1985 trae de súpeto un amor incondicional pola obra e pola figura de Rosalía de Castro - amante das rosas, dos pensamentos e dos heliótropos - que empezou a súa andaina literaria en 1857 cunha apaixonada colección de poemas bautizada co nome de “La flor”
 
11. seguindo no eido da literatura, causa admiración a sutil beleza coa que describen as flores algúns mestres, como é o caso de Honoré de Balzac en “A muller de trinta anos” ou de Henry James en “Os europeos”; e nótanse no tempo os ecos dun libro mencionado por unha fulxente Lupe Gómez nos recentes Premios da Crítica: “As flores do mal” de Charles Baudelaire
 
12. hai amizades que aprecian o amarelo das mimosas ou das flores das xestas, outros gustan do ton azul e lila, ou das esplendorosas camelias multicolores, e outros devecemos polas rosas granates e escuras de sensual fragrancia e pola regalía floral de hortas como a da miña nai Concha, ou sentimos nostalxia co forte arrecendo dunhas flores eclesiásticas chamadas chopos; de cara ó futuro, albíscase máis complexidade: flores africanas de Duke Ellington, flores arquitectónicas en forma de mandalas, ikebana, os xardíns paradisíacos do paisaxista Fernando Martos, unha consideración do dito inglés anti-estrés que anima a pararse e ulir as rosas, sementar sementarei, e unha visita a Giverny para sentir de cerca o ambiente floral que inspiraba a Claude Monet
 
     Finalmente, queda por sinalar que as flores teñen con frecuencia un forte peso simbólico. Neste mes de xuño de 2018, non deixa de ser curioso pensar no agora ex-Presidente Mariano Rajoy - que causa a un tempo unha estraña empatía e un recordo da portada floral do disco de New Order “Poder, corrupción e mentiras” (Power, Corruption And Lies,1981) – e no flamante Presidente Pedro Sánchez, que marca o regreso ao goberno de España dun partido que se representa cunha rosa vermella.
 
 
(Para Carlos M. Gomes de Caldas da Rainha)
 

flores
flores
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ramón torrado Ramón Torrado Romero (Araño-Rianxo, 1966). Educado en Galicia, no País Vasco e nos Estados Unidos. Licenciado en Filoloxía Inglesa na USC, é profesor de instituto. Investigador rosaliano. Foi colaborador en Certo, xornal dixital de Barbanza. Ten escritas catro novelas, un libro de relatos e outro de viaxes, entre elas, Rebeca no val das sombras ardentes (Toxosoutos, 2018) e "Torino" (Axóuxere, 2021), a súa última obra publicada.