Comeza o Festival de Artes Escénicas de Persoas con Discapacidade Intelectual

Afundación e Special Olympics Galicia presentan este evento, que se desenvolverá até o mes de outubro.

Por Galicia Confidencial | | 12/06/2018 | Actualizada ás 10:30

Comparte esta noticia

Afundación, a Obra Social de Abanca, presenta, en colaboración con Special Olympics Galicia, o Festival de Artes Escénicas de Persoas con Discapacidade Intelectual 2018. Ata o vindeiro mes de outubro, diferentes colectivos subiranse ao escenario dos espazos de Afundación para amosar as variadas capacidades escénicas das persoas con discapacidade intelectual.

Festival de Artes Escénicas de Persoas con Discapacidade Intelectual
Festival de Artes Escénicas de Persoas con Discapacidade Intelectual | Fonte: Afundación.

A primeira representación no marco deste festival é este martes 12 de xuño, ás 19.00 horas, no Teatro Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 13) a cargo do grupo de teatro da Área de adultos de ACEESCA, que ofrecerá unha versión de A ratiña presumida de C. Perrault; explorarán o formato do teatro de sombras con A que sabe a lúa, e finalmente representarán a obra de clown O salón, creada para persoas con diferentes niveis de discapacidade. A entrada é gratuíta previa reserva de praza na web Ataquilla.com.

O festival continuará o 14 de xuño coa saída a escena dos membros do Centro Méndez Núñez na Sede Afundación da Coruña; o 27 de xuño a Fundación ADCOR interpretará El árbol de nuestra vida na Sede Afundación de Ferrol; o 26 de setembro no Auditorio Abanca de Santiago de Compostela poderase ver a obra Un mal día a cargo de PRODEME; finalmente, o 18 de outubro pecharase este festival na Sede Afundación de Pontevedra coa obra ¡Peter! ¡Volamos! da man da Fundación ASPAS.

Este festival enmárcase na liña de traballo da Obra Social de Abanca que considera a arte, nas súas diversas manifestacións, como un potente elemento de inclusión social xa que favorece a integración e contribúe a romper estereotipos. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta