Temas: XUNTA INCENDIOS

A Xunta segue limitando a campaña de alto risco de incendios ao verán malia a traxedia de outubro de 2017

O Goberno galego resérvase a posibilidade de activar os protocolos de alerta "noutra época do ano", pero mantén o período entre o 1 de xullo e o 30 de setembro como a época de alto risco.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/06/2018 | Actualizada ás 19:13

Comparte esta noticia

A campaña de alto risco de incendios forestais en Galicia terá unha duración de tres meses, desde o 1 de xullo até o 30 de setembro, pero a Xunta poderá activar os protocolos desta alerta en "outra época do ano" se se dan as condicións.

Lume no cemiterio en Nigrán, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Lume no cemiterio en Nigrán, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

O Goberno galego manifestou que está preparado para ampliar até outubro a época de maior perigo e, neste sentido, formalizará os contratos de todo o persoal do operativo contra incendios até o 31 dese mes. Neste sentido, a semana pasada, o Consello aprobou a encomenda de xestión a 500 brigadistas da empresa pública Seaga durante catro meses.

En 2017, Galicia rexistrou unha vaga de incendios a mediados do mes de outubro nunha fin de semana na que faleceron catro persoas polos lumes forestais que afectaron, sobre todo, á zona sur da provincia de Pontevedra ademais da Ourense.

Esta situación levou a que o Parlamento de Galicia abrise unha comisión de estudo sobre os incendios forestais para estudar novas medidas de prevención dos incendios, pendente de emitir as conclusións que, en todo caso, estaban previstas para finais de maio.

Así as cousas, o Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle na súa edición deste mércores a publicación da época de alto risco para os meses de verán —xullo, agosto e setembro— e faculta ao director xeral de Ordenación Forestal para "modificar estas datas" e declarar "perigo alto outras épocas do ano".

PENDENTES DE SE SE AMPLÍA A OUTUBRO

Medio Rural sinalou que a deste mércores é a "primeira declaración" da época de perigo alto de incendios forestais, pero engade que este "anuncio deberá ampliarse formalmente durante os meses de verán por un mes mais, tal e como se anunciou por parte da consellería".

Con todo, fontes do departamento que dirixe Ángeles Vázquez explicaron que dependerá das predicións meteorolóxicas a medio prazo. É dicir, se se detecta un outubro con condicións propicias para incendios, ampliarase o alto risco un mes máis, pero iso non quere dicir que finalmente se publique esa declaración.

PERSOAL CONTRATADO 

No entanto, incidiron en que si se contará co persoal até o 31 de outubro, polo que no caso de que non se requira a súa intervención na extinción de incendios, as brigadas da empresa Servizos Agrarios Galegos S.A. (Seaga) realizarán labores de prevención. Agora están en fase de formalizar os contratos, que serán efectivos a partir do 2 de xullo.

A Xunta lembrou que decidiu contemplar outubro como época de risco despois dos últimos anos, nos que as condicións meteorolóxicas foron favorables á propagación de lumes forestais e, como medidas, decidiu ampliar a contratación do persoal de Seaga aínda que a temporada de perigo alto non se fixou, polo momento, até outubro.

En total, máis de 7.000 persoas compoñen o dispositivo de loita contra incendios forestais, entre persoal propio, brigadistas de Seaga, axentes dependentes do Goberno central e membros do Exército e dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado. Por primeira vez, explica ademais a Xunta, o cento por cento das vacantes do persoal autonómico do operativo estarán cubertas.

Temas: XUNTA INCENDIOS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Semella que esa comisión de estudo que durme no Parlamento de Galicia aínda non ten información fidedigna dos amigos de Marcial Dorado para saber en que mes van queimar Galicia este ano... Pero mentras tanto ecoloxistas e naturalistas van seguir arrasando tódolas árbores a menos de 50 metros das casas... Galicia será un DESERTO en dez anos !!! Alguén sabe algo da Comisión de Investigación de Angrois ? Pois iso...