Por Uxía Iglesias | Santiago de Compostela | 21/06/2018 | Actualizada ás 22:00
“Os narcisistas levan medrando exponencialmente dende os anos oitenta e estenden os seus tentáculos daniños a todos os estratos e eidos da sociedade, mesmo ao medioambiente”, asegurou o psicólogo e biólogo Julio Rodríguez na presentación do seu libro 'Prevenir el narcisismo'. A libraría Couceiro axiña se ateigou de xente para escoitar as explicacións deste autor e mais do científico Ángel Carracedo sobre o mal endémico da nosa sociedade: o narcisismo.
Coa Praza do Pan como fondo de escenario, Julio presentou o seu libro como unha ferramenta para ensinar os nenos e nenas a ser eles mesmos. “Quería darlles os mecanismos para que poidan soportar o vendaval que máis adiante os envolverá e lles fará pensar que non son felices. É importante que medren cara a dentro e non cara a fóra”. Porque ben é certo que hoxe en día tendemos a crearnos unha imaxe de nós mesmos que moitas veces non se corresponde coa realidade. Só pretendemos así gustar a ollos doutra xente, incluso antes de gustarnos a nós mesmos. Esta é a cultura do eu, do culto ao ego e á imaxe propia, un remuíño do que é complexo escapar.
O obxectivo, pois, de “Prevenir el narcisismo” é que “os nenos e nenas aprendan o que é a empatía e o respecto; e así, con este valores, se constrúan a si mesmos. Só desta maneira van saber quen son e o que lles gusta de verdade, non aquilo que lles dá máis aplausos”, dixo Julio. Aprender a quererse cos defectos e virtudes de cadaquén é unha das chaves para cambiar mentalidades.
OS NARCISISTAS: FANSE OU NACEN?
“Cando Julio me pediu que presentara o seu libro, non sabía aínda as súas habilidades para a comunicación, pero inmediatamente dixen que si. Encántame. Está claro que é un rapaz querido e nada narcisista!”. Ángel Carracedo provocou as risas daquela xente que alí se atopaba. “Gústame moito que Julio se preguntase: os narcisistas fanse ou nacen? Eu penso que un pouco das dúas cousas, pero que se fan moito máis que nacen”. Os nenos e nenas aprenden do que ven na súa contorna e asimilan os comportamentos da xente da súa contorna.
Comportamentos nos que entra en xogo o mercado e o pensamento capitalista. Julio citou a Serge Latouche, un economista francés ideólogo do decrecemento, que dicía: “se somos felices, non consumimos”. “Se ti estás a gusto contigo mesmo e desenvolves relacións sociais honestas e sinceras, non sentes a necesidade de mercar para conseguir a felicidade. Meditar non xera cartos... así que non interesa. Entón diranche que non es feliz e que non entras nos canons, e venderanche picos de alegría. Pseudofelicidade que compras unha e outra semana. Así é como se crean consumidores compulsivos”. Mercamos unha mentira. Poida que isto beneficie ao poder, e por iso se manteñen este tipo de comportamentos narcisistas, pero Julio considera que os poderosos tampouco son felices. “Igual o son materialmente, pero nunca psicoloxicamente”.
OS TENTÁCULOS DANIÑOS DO NARCISISMO
O narcisismo inféctao todo. Esa querenza por chamar a atención e ese sentimento de superioridade e egocentrismo é raíz de moitos problemas sociais dos nosos tempos. As regras do narcisista son claras: “eu créome superior aos demais e o resto queda nunha segunda categoría, cousificado, borrado do mapa”, explicou Julio. E esta maneira de actuar só crea sufrimento, tanto na persoa narcisista coma na xente que o rodea. “Inflúe de cheo nas relacións sociais íntimas, de parellas, de amigos...”.
Vense as súas consecuencias na vida cotiá, pero os seus tentáculos chegan ben máis lonxe. É causa de problemas graves que saen diariamente nas portadas dos xornais: o acoso escolar, a violencia de xénero, os xenocidios, a falta de empatía coa xente inmigrante... Afecta tamén ao medio ambiente debido á contaminación que se xera por ese “consumo compulsivo” no que a sociedade está atrapada. Impacta, en definitiva, no planeta enteiro.
E as redes sociais, esas ferramentas que forman parte do día a día de case todas as persoas, potencian estes comportamentos narcisistas. “Instagram é o exemplo máis claro: ti fas unha foto e só mostras a perfecta, pero ao mesmo tempo podes estar discutindo ou de mal humor”. Así pois, a xente sempre pensará que o resto ten unha vida mellor ca a deles mesmos. É un círculo vicioso que moitas veces “leva á depresión e mesmo ao suicidio”. “Hai que aprender a relativizar e a mirar con perspectiva. A felicidade é outra, a realidade é outra, non a de Instagram”, reflexionou Julio.
A CHAVE: A EDUCACIÓN
E como se racha con estes patróns e estas actitudes xa tan fixadas? A liña de actuación é complicada, “pero eu non quero que os meus nenos sexan infelices nin fagan infelices aos demais”. A chave está na educación, a ferramenta ambiental máis poderosa coa que se pode enfrontar esta espiral de engano e manipulación. Neste senso, Ángel Carracedo tamén fixo fincapé na necesidade dunha ensinanza de calidade. “Precisa unha revolución absoluta de contidos. É moito máis importante tratar con respecto a un compañeiro que facer ben un problema de matemáticas”.
“Unha das cousas máis bonitas do ser humano é que, sendo moi pouco variados fisicamente, temos unha variedade enorme de emocións e comportamentos, somos moi ricos! Preguntámonos o por que das cousas, gústanos a música, gozar dunha posta de sol, temos sentido da transcendencia...”. Todo isto coloca ao ser humano nunha esfera superior con capacidade de modificar o mundo.
A INSPIRACIÓN DESTE LIBRO: CARRACEDO E OS TRENS
Xa dende o comezo se notou a complicidade que unía a Ángel Carracedo e a Julio Rodríguez. “Grazas pola presentación, e sobre todo, pola inspiración. Eu coñecinte nunha charla do Monte da Condesa e o que máis me impresionou é que lles gustou moitísimo aos meus amigos de dereito, economía... Dinme conta de que a ciencia agradaba, pero que era complicado chegar a ela. Así que algo en min fixo click e decateime da importancia da divulgación”, dixo Julio agradecido polas palabras do seu inspirador.
Sobre todo, esa inspiración chegaba a el nas viaxes de tren que realizaba cada mañá para ir traballar. Ao escritor encántalle o tren: “permíteche ver zonas da xeografía ás que non tes acceso doutro xeito, e ademais, ese tempo da viaxe é tempo para ti, tempo libre”. Neste traxecto, xa máis ben vital, Julio converteuse en pai e comezaron a xurdirlle dúbidas: “por que se di que os homes non choran?”, “por que se di que é mellor dar un azouta a tempo aos cativos?”, “como eloxiar, como castigar, como corrixir?”.
Así pois, destas cuestións sen moita resposta –ou con moitas diferentes pero pouco estudadas– naceu este libro. Xa rematando o acto, Ángel Carracedo volveu intervir riseiro: “os trens agora van moi rápido... así que non me convence esa metáfora de que a vida é coma un tren, porque senón sería un suspiro!”, dixo. E se ben agora a vida se asemella bastante a ese tren de alta velocidade, sen descanso, nun trafego continuo, o científico desexou que viaxaran máis amodo. Así Julio escribiría máis libros como 'Prevenir el narcisismo'.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.