Demoledor informe do Defensor del Pueblo contra os métodos aplicados no Hospital Psiquiátrico de Conxo

Sobremedicación de psicofármacos, inadecuada utilización da inmobilización de pacientes con sistemas de suxeición como castigo, carencia xeral de recursos asistenciais, instalacións obsoletas, infradotación de profesionais sanitarios básicos como son os psicólogos clínicos ou o inadecuado rexistro e documentación de actuacións son algunhas das deficiencias e malas praxes detectadas por técnicos do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/06/2018 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

A situación das persoas ingresadas no Hospital Psiquiátrico de Conxo, en Santiago de Compostela, é "moi grave e preocupante". Así o denuncia o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM), en base a un informe que, en exercicio das funcións do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura, realizou o Defensor del Pueblo.

Cartel de entrada do Psiquiátrico de Conxo en Santiago
Cartel de entrada do Psiquiátrico de Conxo en Santiago | Fonte: A Mesa

O informe "constata a vulneración de dereitos fundamentais dunhas persoas que, cómpre recordar, se atopan vivindo durante períodos moi prolongados nese espazo sanitario (é un hospital) en condicións de internamento involuntario, o que incrementa a obriga de coidado e de respecto por parte do sistema sanitario e dos seus profesionais", explican desde o MGSM.

O documento é o resultado dunha visita realizada ao centro psiquiátrico os pasados días 29 e 30 de novembro de 2017, sen previo aviso, durante a cal se analizou a evolución do hospital psiquiátrico, e se entrevistou a algúns membros dos equipos directivo, médico e de persoal. Tamén se examinaron expedientes persoais e historias clínicas, entre outros documentos. Así mesmo, os técnicos mantiveron entrevistas reservadas con algúns pacientes.

O informe destaca a "insuficiencia xeral de recursos adecuados para a atención extrahospitalaria e sociosanitaria dos pacientes".

O informe salienta unha carencia xeral de recursos asistenciais para a adecuada atención dos pacientes e a súa insuficiente protección tutelar (en especial cando a devandita función corresponde á fundación pública). Ademais, cualifícanse as instalacións de obsoletas, fanse patentes inadecuadas condicións residenciais, recórdase a infradotación de profesionais sanitarios básicos como son os psicólogos clínicos —o informe advirte de que "traballa unicamente unha psicóloga clínica"— ou de facultativos internistas —só un, o cal é "insuficiente", dise—. E chámase a atención sobre o inadecuado rexistro e documentación das actuacións e funcionamento. 

Hospital psiquiátrico de Conxo, en Compostela
Hospital psiquiátrico de Conxo, en Compostela

A isto hai que engadir que "as traballadoras sociais que atenden aos pacientes no centro suplen na práctica as funcións propias dos titores", o cal causa, "pola especialidade do centro", que "a carga de traballo para estas profesionais é alta".

O informe destaca ademais a "insuficiencia xeral de recursos adecuados para a atención extrahospitalaria e sociosanitaria dos pacientes" ou que existen "dificultades de adaptación que poden afectar a aqueles pacientes cun período moi longo de institucionalización".

Tamén censura que "non existe un control oficial dos pacientes nos que se rexistren os historiais legais e administrativos" , "non hai un procedemento de seguimento por pacientes" e "o documento de ingreso voluntario non se asina por ningún facultativo". E "no rexistro de control de enfermería onde se anota a supervisión en cada quenda non se cumpre o protocolo de boas prácticas".

"O acceso dos pacientes do hospital psiquiátrico ao sistema de queixas e suxestións é practicamente nulo".

Os técnicos alertan tamén de que "no expediente administrativo de cada paciente non se inclúe copia do informe médico que se remite ao xulgado coa solicitude de continuar o internamento" ou que tampouco existe un libro de visita. Ademais, "o acceso dos pacientes do hospital psiquiátrico ao sistema de queixas e suxestións é practicamente nulo, dado que o rexistro é único para todo o complexo hospitalario do que este hospital forma parte".

As deficiencias e vulneracións de dereitos non rematan aí. Hai "escasa participación dos pacientes no funcionamento diario do centro", o centro "non conta cun modelo de parte de lesións" e hai "falta de procedementos de modificación da capacidade en beneficio da protección da esfera patrimonial do paciente".

A todo isto hai que engadir que "o horario instaurado para as comidas supón que o tempo transcorrido entre a cea e o almorzo do día seguinte sexa superior a doce horas", "a intimidade entre pacientes abórdase con pouca naturalidade" e "as habitacións teñen aspecto  impersoaal", xa que non hai aveños dos pacientes nin pertenzas".

Os técnicos tamén fan referencia á utilización da contención mecánica como "medida de castigo" e a "casos de sobremedicación de psicofármacos".

INMOBILIZACIÓN COMO CASTIGO

No demoledor informe, os técnicos tamén fan referencia á utilización da contención mecánica (inmobilización de pacientes con sistemas de suxeición) como "medida de castigo", segundo o testemuño de varios pacientes. Ao respecto, sublíñase tamén que "os cuartos individuais onde poidan realizarse contencións mecánicas non están adecuados a tal uso". Tamén se pide a  "instalación dun sistema de videovixilancia nos cuartos reservados para a realización de contencións mecánicas no que se graven as imaxes durante un período de tempo razoable para a eventualidade de que suceda algún incidente".

O informe é moi duro contra algúns métodos aplicados neste centro psiquiátrico. Así, denúnciase que "se detectaron casos de sobremedicación de psicofármacos nas unidades destinadas a persoas con más difícil manexo".

O informe destaca a actitude do persoal asistencial, que "trata aos pacientes con respecto, agarimo e proximidade".

Conxo só obtén unha valoración positiva a actitude do persoal asistencial, do que se di que "trata aos pacientes con respecto, agarimo e proximidade". E destácase que "o uso da historia clínica informatizada no ámbito do  Sergas, Sistema IANUS, permite unha boa sistematización da información e unha abordaxe integral da situación do paciente".

"Ante todo isto, os órganos competentes da Xunta de Galicia nin tan sequera responderon ao formulado polo Defensor del Pueblo. Pola contra, á luz do informado sobre o Hospital Psiquiátrico de Conxo urxe revisar canto antes o estado das institucións de hospitalización psiquiátrica prolongada de Galicia (os hospitais psiquiátricos públicos que, con diferentes nomes, aínda existen no noso país) e, por suposto, é fundamental un plan con responsabilidade definida que corrixa o denunciado polo Defensor", expón ao MGSM.

GRAVES SIGNOS DE DETERIORO NA ATENCIÓN Á SAÚDE MENTAL EN GALICIA

Coincidente no tempo, o MGSM coñeceu que nalgunhas áreas sanitarias de Galicia o ingreso de persoas con trastornos psíquicos necesitados de asistencia en Unidades de Hospitalización Psiquiátrica para procesos agudos se estaba a producir con frecuencia fóra das unidades existentes para tal fin nos Hospitais Xerais, derivándose o seu ingreso ás Unidades de Coidados Especiais (UCE), situadas nos chamados Hospitais de Rehabilitación Psiquiátrica.

"É así que, por exemplo, no caso de Lugo téñense producido nos meses de abril e maio deste ano ata catorce ingresos na UCE situada no Hospital de Calde que, ademais, carece do equipo asistencial indicado no Plan Estratéxico de Saúde Mental suspendido polo goberno do Partido Popular desde o 2009", detallan desde o MGSM.

A causa inmediata destas actuacións, segundo os denunciantes, é "a carencia de camas por ocupación plena das Unidades de Hospitalización dos Hospitais Xerais, que é resultado á súa vez tanto da insuficiente dotación física e profesional das mesmas, como da incapacidade e infradotación dos dispositivos extrahospitalarios de saúde mental e dos recursos de apoio sociocomunitario, o que ocasiona agravamentos nos estados das persoas que acaban provocando a necesidade da  súa hospitalización".

O Movemento Galego da Saúde Mental alerta da "desplanificación" posta en marcha polo Goberno de Feijóo desde 2009 en materia psiquiátrica.

"Esa actuación dos responsables asistenciais e xestores dos centros hospitalarios do Sergas derivando a hospitalización psiquiátrica das persoas con estados/descompensacións psíquicas agudas fóra dos hospitais xerais discrimina inxustamente as persoas con padecementos psíquicos, cáusalles un dano evitable, é estigmatizante, vulnera o dereito á igualdade das persoas e constitúe unha violación flagrante do ordenado na lexislación vixente (art. 20.2 da Ley General de Sanidad; art. 10.1 do Decreto polo que se regula a Saúde Mental en Galicia), ademais de ser unha utilización ineficiente dos recursos asistenciais", proseguen na súa denuncia os asociados no MGSM.

Para estes, tanto o informe do Defensor del Pueblo como o que está a ocorrer coa hospitalización psiquiátrica son "signos da grave situación na que se atopa a atención á saúde mental en Galicia".

"Estanse a ver os efectos da desplanificación realizada desde o 2009, do incualificable abandono no noso país dos plans de reforma iniciados en España xa hai máis de trinta anos nos que aquí se está a retroceder en compoñentes fundamentais, da infradotación persistente de recursos asistenciais en Atención Primaria e en Saúde Mental, dos recortes producidos nos eidos sanitario e social, do agravamento das condicións de vida daqueles sectores sociais que xa estaban en condicións de fraxilidade antes da crise, da pasividade responsable de xestores sanitarios e xefes asistenciais ante  feitos como os aquí denunciados", argúen.

O MGSM valora esta situación como de "especial gravidade", en particular para os máis vulnerables da sociedade, xa que "segue un curso de deterioro progresivo, retrocede a situacións asistenciais pre-reforma psiquiátrica e non se adoptan decisións nin se poñen medios polo Goberno da Xunta de Galicia para cambiar esta evolución".

DESCARGA O INFORME.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Vijo

Sábese que en Conjo estuvieron ingresados diversos dirigentes del nacionalismo gallego. Pues eso.

1 Marchenas

Eu de ti pediría cita en "conjo", seguro que teñen moito traballo co teu