A CRTVG defende o seu tratamento informativo da sentenza da 'Gürtel'

A oposición acusa o ente público de informar de "realidades paralelas" e critica o "desmantelamento" do servizo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/06/2018 | Actualizada ás 18:00

Comparte esta noticia

O director xeral da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), Alfonso Sánchez Izquierdo, defendeu este venres o tratamento informativo "correcto" da sentenza da trama Gürtel nos telexornais, á vez que pediu "non manchar" o labor dos "profesionais" traballadores do ente público. Así o fixo durante a súa comparecencia na comisión de control á CRTVG do Parlamento galego, na que o deputado do PSdeG Luís Manuel Álvarez lle preguntou acerca da polémica suscitada respecto dos servizos informativos dos días consecutivos a que se dese a coñecer, o pasado 24 de maio, a sentenza da Gürtel, que condenaba, entre outros, ao ex-membro do PP galego, Pablo Crespo, a 35 anos de prisión e ao partido a pagar unha multa de 245.000 euros.

Alfonso Sánchez Izquierdo
Alfonso Sánchez Izquierdo | Fonte: Europa Press

Tal e como censurou o parlamentario socialista, a televisión autonómica "pormenorizou esta noticia até puntos insultantes" no telexornal do mediodía mentres "todos os demais medios dábanlle a máxima prioridade". Ademais, segundo asegurou Álvarez, a presentadora informou da sentenza en terceiro lugar, é dicir despois do tratamento do accidente pirotécnico de Tui (Pontevedra) —que ocorrera o día anterior— e do Consello da Xunta.

Neste sentido, o socialista tamén apuntou que, das cinco declaracións incluídas na noticia sobre a Gürtel, tres se correspondían con cargos do PP —o coordinador xeral do partido, Fernando Martínez Maíllo, o líder do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, e o entón presidente do Goberno, Mariano Rajoy—.

As dúas intervencións restantes pertencían ao secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias, e ao presidente de Ciudadanos, Albert Rivera, aínda que a peza non incluíu ningunha opinión do PSOE porque, tal e como aclarou o director xeral da CRTVG, "ninguén" deste partido realizara aínda ningunha declaración.

O deputado do PSdeG tamén destacou que no telexornal do mediodía o vídeo sobre as declaracións de Feijóo incluían ao fondo unha pancarta que sostiña un cidadán na que se lían críticas contra o PP, un encadre que foi modificado posteriormente, de modo que na información emitida pola noite esa pancarta "xa non aparecía", segundo denunciou Álvarez.

"A TERCEIRA INFORMACIÓN" NON GALEGA

Durante a quenda de réplica, Sánchez Izquierdo reivindicou que a información sobre a sentenza da Gürtel foi "a terceira que non viña de Galicia", mentres que incluía, ao seu modo de ver, "todas as posturas políticas" que había até o momento.

Así mesmo, esgrimiu que, en total, segundo cifrou o máximo responsable da televisión autonómica, o telexornal dedicou cinco minutos e dez segundos a informar sobre a sentenza da trama e non corenta segundos.

"Todo iso no telexornal do mediodía", apostilou para despois pedir aos grupos parlamentarios "que non manchen o labor dos traballadores" da CRTVG: "Fixéronselles unhas imputacións que non eran verdade".

No entanto, os socialistas insistiron en que o tratamento desta información na televisión galega estivo situado nun plano "moi inferior" ao espazo que ocupou a sentenza da Gürtel noutros medios.

Ante iso, Sánchez Izquierdo admitiu con ton irónico que "é posible que haxa un certo desequilibrio informativo" entre a TVG e o resto de canles, posto que, segundo engadiu, o ente que dirixe foi "a única televisión pública" en España que emitiu "integramente" o debate da moción de censura contra Rajoy e a toma de posesión do actual presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez.

"REALIDADE PARALELA"

Pola súa banda, a deputada do BNG Olalla Rodil acusou á Corporación de crear, no ámbito informativo, unha "realidade paralela de exaltación do Goberno autonómico e das idas e vindas de Feijóo". "Dá a sensación que a escaleta dos informativos a fai a Secretaría Xeral de Medios da Xunta, que é o mesmo que dicir que a fai a secretaria de comunicación do presidente", esgrimiu.

E é que, segundo palabras da nacionalista, a "manipulación" na CRTVG é "tan grande e bochornosa" que provocou que dous xornalistas do telexornal dimitisen esta semana. Por todo iso, tal e como explicou Rodil, os representantes da oposición decidiron vestirse de negro para asistir á comisión.

Durante a súa intervención, a parlamentaria de En Marea Paula Vázquez Verao acusou o director xeral da radio e televisión públicas de querer transmitir unha "aparente normalidade" na presentación das contas anuais cando, ao seu modo de ver, a CRTVG está nun contexto de "alta conflitividade laboral" e "claro desmantelamento".

Seguidamente, a deputada do PP Raquel Arias felicitou a "todas as persoas" que fan posible que Galicia teña medios públicos "de referencia", á vez que dixo que o seu grupo "confía" no capital humano da Corporación, "que día tras día demostra a súa profesionalidade".

Respecto das acusacións de manipulación, acusou á oposición de facer "demagoxia" coas súas afirmacións e pediulles que "se aclaren": "Pedides independencia pero tamén que o Goberno interveña nas decisións da CRTVG".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta