Sáenz de Santamaría rexeita "conspiracións" ou uso de dossieres

Cre que "o modelo a trasladar é o de Galicia", cun PPdeG "que se fai de abaixo a arriba".

Por E.P. | Vigo | 28/06/2018 | Actualizada ás 19:28

Comparte esta noticia

A candidata á presidencia do PP, Soraya Sáenz de Santamaría, rexeitou este xoves calquera relación con supostos dossieres sobre rivais políticos e lanzou unha mensaxe "aos das teorías das conspiracións": "A Kennedy non o matei eu".

Saén de Santamaría, candidata a presidir o PP, en Vigo
Saén de Santamaría, candidata a presidir o PP, en Vigo | Fonte: Europa Press

Así o manifestou, en resposta a preguntas dos medios, antes de participar nun acto con afiliados e simpatizantes na sede do PP en Vigo, no que estivo acompañada pola exministra Fátima Báñez; polo vicepresidente da Xunta e presidente dos populares pontevedreses, Alfonso Rueda; e outros cargos do partido en Galicia. Cuestionada sobre os que suxiren que manexa información de rivais políticos pola súa pasada responsabilidade no CNI, Soraya Sáenz de Santamaría afirmou, dirixíndose ao xornalista: "É consciente da gravidade do que me pregunta?". "Aos das teorías das conspiracións pódolles asegurar que a Kennedy non o matei eu", engadiu.

Por outra banda, a candidata a presidir o PP insistiu na súa mensaxe de que "hai que ter presente que todos somos compañeiros", e reiterou que os seus "adversarios" son Pedro Sánchez, os independentistas e os populistas. "Eu non vou facer nada que signifique darlle unha baza a Pedro Sánchez", proclamou, e incidiu en que, despois deste proceso, no PP todos deben "traballar xuntos". "O que teño moi claro é que hai que ser moi xenerosos antes, durante e despois, e hai que integrar. Eu vou estar a iso, e a tratar aos meus compañeiros con xenerosidade absoluta", aseverou.

Con respecto á polémica sobre a representatividade do escaso número de afiliados que se inscribiu para votar, Saénz de Santamaría pediu "respectar" aos que se inscribiron e aos que non, e apuntou que "hai partidos cuxos líderes foron elixidos por 5.900 persoas e non expuxo ninguén un problema de lexitimidade". "Imos facer este congreso, e de cara ao futuro faremos unha campaña grande de afiliación, na que a cota non sexa un obstáculo", engadiu.

MODELO DE GALICIA

Por outra banda, con respecto ao futuro do partido, a candidata afirmou que é "moi partidaria" de abrir o PP e de volver ao que foi "a clave do éxito" da súa formación, que é precisamente "o que funciona en Galicia", e "cando as cousas funcionan ben convén copialas". "O modelo a trasladar é o de Galicia", sentenciou.

Segundo destacou, o PP de Galicia é un partido "que se fai de abaixo a arriba, abríndose á opinión dos afiliados" e avogou por que os militantes "participen moito", e "tódalas sedes teñan moito protagonismo". Así mesmo, prometeu reforzar o Consello Autonómico porque "xente como Feijóo e outros presidentes autonómicos teñen moito que dicir e moito que achegar".

Soraya Saénz de Santamaría agradeceu o recibimento e "bo ambiente" que lle brindaron os 'populares' galegos e o resto de compañeiros, así como o seu "esforzo" por recibir aos candidatos e darlles a oportunidade de explicar o seu proxecto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta