Temas: TEO MINA

O pleno do Concello de Touro rexeita tamén as mocións contra a mina de cobre

O pleno celebrouse coa presenza tanto de opositores á mina como xente favorable á mesma. Ao final aprobáronse unha serie de enmendas á moción presentadas polo grupo municipal do PP.

Por Galicia Confidencial | Touro | 29/06/2018 | Actualizada ás 18:09

Comparte esta noticia

O BNG presentaba este mediodía unha moción contraria ao proxecto megamineiro de cobre a ceo aberto no pleno municipal de Touro. O concelleiro nacionalista, Xan Louzao  apoiábase no “enorme rexeitamento social manifestado e en base aos propios informes sectoriais”. Así, a moción presentada pedía solicitar á Xunta de Galicia a denegación da autorización ambiental do proxecto. Isto en base aos propios informes sectoriais que “deixan claro a imposibilidade de compatibilizar esta actividade cos usos forestais e agrarios da zona afectada, poñer de manifesto que non hai garantías de eliminar ou paliar os impactos ambientais que xeraría e non acredita na restauración efectiva dos terreos ao remate da actividade”.

Asistentes ao pleno de Touro contrarios á mina
Asistentes ao pleno de Touro contrarios á mina | Fonte: Plataforma Veciñal

O mesmo documento presentado polo BNG local de Touro, incluía tamén demandar á Xunta e á empresa propietaria “crear un plan efectivo, contrastado con argumentación científica sólida, que remate dunha vez coa contaminación das augas en todos os regatos e ríos da contorna da anterior mina”.

Á reunión do goberno local achegáronse traballadores das empresas que ocupan actualmente os terreos da vella explotación mineira. Segundo a Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non, a empresa Explotaciones Gallegas “continúa enganando aos seus traballadores” pois “nun documento entregado pola empresa aos traballadores e filtrado por esta plataforma, a compañía sinalaba que, de declararse a caducidade da concesión mineira, todos quedarían sen traballo”.

Segundo a Plataforma ningunha das empresas vive da extracción de cobre. “O rexeitamento do proxecto, e incluso a caducidade da concesión mineira para o cobre, non afectaría aos postos de traballo actuais, ao contrario do que se manifesta na folla distribuída” di a declaración da Plataforma. Segundo o documento lido no pleno municipal “o único afectado pola denegación do proxecto sería o empresario Francisco Gómez que deixaría de recibir os 12,5 millóns de euros que Atalaya Mining podería pagar por quedar coa explotación”.

ENMENDAS Á MOCIÓN

A moción foi rexeitada cos votos en contra do grupo popular municipal. O alcalde Ignacio Codesido deu voz a unha enmenda/proposta do Grupo do Partido Popular na que apela á “legalidade máis escrupulosa”. No documento solicítase “á Xunta de Galicia, que unha vez emitidos os informes sectoriais e de poñer en cuestión a viabilidade da explotación mineira” polos riscos que se detallan nos informes “se proceda a denegación da solicitude presentada”. O grupo municipal do PP tamén pide aos “órganos competentes da Xunta de Galicia e a empresa propietaria unha planificación que poña fin a contaminación das augas nos ríos e regatos que estean afectados pola mesma”.Esta enmenda foi aprobada cos votos de maioría do grupo popular.

Temas: TEO MINA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta