Comeza o espectáculo electoral

Despois de moitos anos de utilizar as inauguracións como munición electoral, PSOE e PP aceitaron modificar a legalidade para reducir o material propagandístico nos dous meses anteriores ao 22 de Maio.

Por Xesús Veiga | Santiago | 01/04/2011

Comparte esta noticia

Poren, a última hora, pretenderon conseguir unha interpretación laxa da Xunta Electoral Central que permitira sobordar os limites da lei recentemente aprobada.Tal obxectivo non chegou a tomar corpo definitivo grazas á oposición manifestada por outras forzas políticas.

O feito de recorrer a un cambio normativo revela un fracaso da teórica función pedagóxica das forzas políticas maioritarias e supón aceitar, ao cabo, que na cultura dominante na democracia española só resulta operativo aquilo que figura na letra do BOE ou do DOG.Só merece respeto o que está explicitamente prohibido.Por iso vivimos nun universo político no que a dimisión só se conxuga cando a persoa afectada figura na categoría dos delincuentes convictos.
Mais alá da maior ou menor verosimilitude do impacto das inauguracións nos resultados electorais resultaba impresentábel no plano ético, e mesmo estético, o abuso da identificación entre a función institucional e a condición de aspirante na carreira electoral.O que xa non resulta tan convincente é a nova disposición que regula a presenza das candidaturas concorrentes nos medios audiovisuais privados coas mesmas regras que rexen nos medios públicos.No canto de buscar un maior pluralismo informativo durante os quince días da campaña electoral esta medida pretende reforzar os controis mediáticos que faciliten o mantemento da hexemonía de PP e PSOE.

En calquera caso, todos os indicios apuntan que imos ter espectáculo, sen necesidade de buscar refuxio nos televisivos Barça-Madrid  das vindeiras semanas.Xa nos están ofrecendo un menú surrealista da máxima categoría.Quen pode superar esa imaxe do mestre Botín aconsellando ao desorientado Zapatero ou esa complicidade case familiar de Rajoy cos pequenos e medianos empresarios?E que me din desa campaña do PP e da gloriosa infantería mediática española facendo das actas capturadas a ETA o catecismo das verdades reveladas que xustifican o linchamento político de Rubalcaba?Canto apostamos a que cando goberne o PP na Moncloa, ETA será cualificada de “movemento vasco de liberación” e o que hoxe é unha intolerábel traizón ás vítimas do terrorismo será, entón, unha demostración da grande visión e xenerosidade dos inigualábeis estadistas que dirixen a nave patria?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.